San Amaro (cervexa)
Fábrica de Cervexa Artesá San Amaro é unha marca de cervexa da localidade pontevedresa de Redondela (Galiza). Trátase dunha cervexa elaborada artesanalmente en Flandres (Bélxica).
Historia
editarCervexa San Amaro é unha empresa galega que dende o 2005 elabora cervexas especiais, de alta fermentación e refermentadas na súa propia botella (onde collen o gas que forma a escuma e evolucionan co tempo). Trátase dunha cervexa non filtrada nin pasteurizada, e tampouco emprega ingredientes artificiais.
Atendendo á demanda crecente e debido a ser unha empresa familiar sen capacidade de asumir os custos que suporía ampliar a fábrica, no 2011 optou por traballar conxuntamente cunha microcervexaría de Flandres (Bélxica), desprazándose periodicamente alí para elaborala e posteriormente levala a Galiza. Se ben a empresa ten a intención de montar unha pequena planta en Galiza.
Tipos de cervexa
editarA Fábrica de Cervexas San Amaro produce dúas variedades distintas de cervexa, ademais dunha especial que sae unicamente polo Nadal.
- San Amaro Pale Ale: É unha cervexa da variedade pale ale de cor clara, elaborada con maltes tipo pale, e de alta fermentación, con lévedos de cepa ale. Experimenta unha segunda fermentación en botella e contén posos de lévedo. Ten notas frutais e aroma a malte, quedando o lúpulo nun perfil medio. Ten unha gradación alcohólica de 6,2 graos.
- San Amaro Dark Ale: Esta cervexa negra da variedade dark ale de alta fermentación con lévedo de cepa ale, ten un carácter forte con intenso sabor a malte. Ten unha terceira fermentación en botella con posos de lévedo, e unha gradación alcohólica de 8,5 graos.
- San Amaro Navidad: É unha cervexa especial belga que varía segundo a receita dos distintos anos. A cervexa lanzada no 2010 tiña un intenso sabor a malte e gustos caramelizados e tiña unha gradación alcohólica de 10 graos.