Saliva no control de drogas

A saliva pertence ao grupo das chamadas mostras alternativas na detección de diversos fármacos e drogas, xunto co pelo, suor e unllas, converténdose a súa análise nunha técnica de grande utilidade nos últimos 20 anos. Unha denominación máis correcta é a de fluído oral, termo que inclúe a saliva e outras secrecións da cavidade oral.[1][2][3]

Que é a saliva? editar

Artigo principal: Saliva.

A saliva é un ultra filtrado do fluído intersticial, do que un 99% é auga e o 1% restante son ións cloruro, bicarbonato, fosfato e proteínas.[4]

As principais glándulas secretoras da saliva son a submandibular (segrega un 65% do total), as parótides (o 23%), a sublingual (o 4%), e o resto é segregado por outras pequenas glándulas. A composición da saliva varía lixeiramente dunhas a outras glándulas e ó seu paso polos condutos salivais.[1][5][6]

No caso dos seres humanos a saliva presenta un pH en torno 5,8 - 7, aínda que a estimulación da secreción aumenta a proporción de ións bicarbonato, o que sobe o pH ata un valor de 8.[4]

A secreción normal de saliva oscila entre 800 e 1500 mL, cunha media de 1000mL ao día. Estas cantidades veranse incrementadas ou diminuídas por numerosos factores: alimentos, axentes físicos (calor), químicos (sabores acedos ou salgados), farmacolóxicos (colinérxicos ou anticolinérxicos), e psicolóxicos (visión ou imaxinación de alimentos, sensacións agradábeis ou desagradábeis coma ansiedade e estrés).[4][5][7]

Factores condicionantes do paso das substancias á saliva editar

O paso de substancias dende o sangue á saliva esixe a aquelas atravesar, polo menos, 5 barreiras celulares, o que lles impón unhas condicións de tamaño (peso molecular), e hidro/lipo-solubilidade bastante rigorosas. A hidro e liposolubilidade dependen do grao de ionización e este, á súa vez, do pH do medio.[5]

Como consecuencia de todo iso, a excreción de substancias pola saliva, en relación coa fracción libre das mesmas (non da unida a proteínas) no sangue, varía moito dunhas a outras.[5]

En condicións normais, a relación saliva/plasma é menor que 1 para un composto acedo (por exemplo o fenobarbital), igual a 1 para as neutras ou acedas e básicas febles (por exemplo o etanol) e maior que 1 para substancias básicas (por exemplo anfetamina ou codeína).[1][5]

O pH da saliva varía dependendo do grao de estimulación do fluxo salivar. A saliva non estimulada é xeralmente mais aceda (pH 5-7) que o plasma, pero a medida que aumenta o fluxo de saliva, os mecanismos de transporte no conduto salival chegan a ser moito máis activos producindo dióxido de carbono, o cal rapidamente se converte en bicarbonato, ocasionando un incremento de pH ata un 7-8. Para moitas bases febles o grao de ionización (e por tanto o seu grao de concentración en saliva) estará máis elevado dependendo do nivel de pH. Polo conseguinte, é importante recoller saliva non estimulada para realizar análises cuantitativas.[1]

Detección de drogas na saliva editar

A partir da década dos 90 do século pasado, debido a certos avances metodolóxicos que até o momento limitaban a súa utilización, comézase a desenvolver a análise de fármacos en matrices non convencionais ou alternativas como contraposición ás xa utilizadas (sangue e ouriños).

Unha destas matrices constitúea a saliva e é utilizada na investigación biolóxica do consumo de substancias. Ditos controis analíticos son realizados para verificar o consumo de drogas de abuso e son unha ferramenta utilizada tanto en contextos asistenciais como médico-legais.[3]

Técnicas utilizadas editar

A abordaxe da saliva como mostra para a detección de drogas foi posíbel grazas ao desenvolvemento de técnicas de inmunoensaio. Porén, foi preciso incorporar o concepto das concentracións de corte (concentración por enriba da cal se considera que a análise é positiva), que se utilizan como criterio de positividade para informar sobre os resultados analíticos.

As técnicas analíticas deben demostrar, en concentracións próximas á concentración de corte, que teñen unha sensibilidade (mínima cantidade de substancia detectábel nunha matriz biolóxica) e especificidade [capacidade de distinguir non só a substancia obxecto de estudo respecto a outras non relacionadas presentes na matriz biolóxica, senón tamén respecto a substancias estruturalmente relacionadas e que poden non ser drogas de abuso (por exemplo, a morfina fronte a codeína)] axeitadas.[3]

Os conceptos de sensibilidade e especificidade de cada técnica analítica levan parello que os laboratorios realicen unha determinada porcentaxe de erros. Historicamente a tendencia foi que as técnicas de inmunoensaio sexan o suficientemente sensíbeis como para minimizar os resultados falsamente negativos (cando non se detecta unha droga de abuso estando esta presente na saliva), mentres que é aconsellábel, nalgúns casos é un requisito, que os resultados positivos sexan confirmados por unha técnica analítica cunha elevada especificidade (por exemplo, cromatografía de gases seguida a espectrometría de masas) para minimizar os resultados falsamente positivos (informe de resultado positivo para unha droga estando esta ausente no fluído biolóxico).[3][8][9]

Vantaxes editar

  • Doada obtención. A súa recollida non é invasora para a persoa, ao contrario co sangue. Ao igual que o ouriño, pode recollerse sen que exista un risco potencial de infección para o suxeito e a súa manipulación carece igualmente de riscos para o operador.[1][9][10]
  • Non é necesario que a mostra sexa recollida por persoal sanitario, xa que se empregan uns dispositivos pouco complexos e de doado manexo podéndose realizar, deste modo a proba in situ.[8]
  • Protección da intimidade. Se a saliva se recolle da forma axeitada e baixo unha estrita supervisión, non se vulnera a intimidade do suxeito. Ademais utilizando procedementos osmóticos na toma da mostra pódese realizar unha recollida estética e decorosa sen necesidade de cuspir permitindo, así a recollida simultánea de mostras de diferentes persoas na mesma habitación.[1][10]
  • Dificultade de adulteracións e substitucións. É raro que se produzan alteracións ou substitucións, xa que a mostra se recolle a vista do operador. Ao evitar esta interferencia a análise é moito máis barata.[1][10]
  • É unha mostra doada de analizar, xa que non é unha mostra complexa (coma se infire pola súa composición).[11]
  • Correlación cos niveis plasmáticos, xa que a saliva é un ultra filtrado do plasma. Esta faceta aínda non se superou en moitos casos a pesar de que se avanzou moito, por isto débense considerar os resultados obtidos neste tipo de test resultados preliminares que precisan dunha confirmación con outras técnicas.[8][10]

Desvantaxes editar

  • As baixas concentracións presentes na saliva requiren técnicas de análise moi sensíbeis, xa que as concentracións na saliva son menores que as que se acadan nos ouriños, e nalgúns casos tamén máis baixas que as correspondentes en plasma. Nisto inflúen factores toxicocinéticos.[10]
  • As técnicas analíticas que se usan para as análises de ouriños non se poden aplicar de xeito indiscriminado para a análise da saliva, aínda que semelle non existir limitacións técnicas para iso. Os inmunoensaios son o suficiente sensíbeis coma para detectar substancias en mostras non extraídas, aínda que para as determinacións cuantitativas compre baixar esta sensibilidade ata un rango de pg/mL.[10]
  • Outra limitación é a pouca información da que se dispón sobre a detectabilidade de diferentes substancias en relación co tempo dende o consumo ou administración, tendo en conta o metabolismo e os métodos analíticos actuais. Aínda que existe unha gran cantidade de información publicada, compre confirmala mediante a realización doutros estudos.[10]
  • Os tóxicos mostran diferenzas cinéticas nos diferentes tipos de saliva. A hora de predicir concentracións plasmáticas de drogas é preferible a saliva da parótide (saliva serosa) fronte a saliva mixta (serosa e mucosa), porque nesta última cométense máis erros de subestimación no sobrenadante obtido da centrifugación debido as unións que se poden establecer coas mucoproteínas.[10]
  • En ocasións obtense un volume escaso de mostra, insuficiente para realizar un screening das principais drogas de abuso e a súa correspondente confirmación analítica.[10]
  • Ás veces a recollida da saliva pode constituír un problema. Por exemplo, no caso de persoas que consumiron recentemente drogas que ocasionan sequidade na boca como alcohol, heroína, anfetaminas, cocaína ou cánnabis entre outras, volven o fluído oral moi viscoso e escaso. Isto dificulta a obtención da mostra, e ademais pódese ver agravado pola condicionante psicolóxica de ser parado pola policía, ter que doar a mostra etc. Para solucionar este problema utilízanse dispositivos que, mantidos durante varios minutos na cavidade oral, estimulan o fluxo salivar. Pero esta estimulación mecánica (pola mera presenza do dispositivo na boca) pode conducir a unha unión non específica do analito ao dispositivo e, por outro lado, a presenza de estimulantes do gusto nos dispositivos (coma os cristais de acedo cítrico, os caramelos agres, goma de mascar, parafina etc.) con fin de facilitar excreción de saliva poden interferir con algúns inmunoensaios; xa que o fluxo incrementado de saliva diminúe o paso de drogas básicas cara ao conduto salival, ocasionando interpretacións artificiais no test. Para evitar estes problemas propúxose un sistema osmótico de recollida “in situ” dun ultra filtrado de saliva. Se ben é certo que esta estimulación incrementa a volume de saliva, pode diminuír a concentración da droga.[1][7][8][10][11]
  • Só se pode obter saliva das persoas vivas, pero non daquelas que morren nunha accidente de tráfico.[10]
  • Risco de secuestro da droga na cavidade oral, isto ocorre por exemplo ao fumar haxix.[1][10]

En conclusión, a concentración dunha droga na saliva dependerá do tipo de saliva, da súa procedencia, do pH, do fluxo salivar, de se este foi estimulado e da unión a proteínas plasmáticas.[1][5][7][8][10][11]

Toma de mostra dos fluídos orais editar

  • A saliva pódese recoller mediante o uso de dispositivos especiais, coma o Salivette®, o cal consta dun hisopo de algodón que se mete na boca o tempo suficiente para que absorba o fluído oral. En ocasións este algodón pode conter estimulantes da saliva, que poden influír nos resultados obtidos. Tápase o tubo e realízase unha centrifugación. O almacenamento da mostra ten lugar no propio dispositivo a -18 °C. No mercado existe unha gran variedade de dispositivos comerciais deste tipo: Cozart®, DrugWipe®, Dräger DrugTest®, Intercept®, OralScreen®, OralLab®, OraLine®, OraTect®, QuantisalTM, SalivaScreen®, Toxiquick®.[1][7][8][11]
  • Outra opción é cuspir directamente nun tubo, obtendo así fluído oral, relativamente viscoso e pode resultar dificultoso traballar con el.[1]

Principais aplicacións editar

O emprego do fluído oral para detectar substancias químicas ten unha gran cantidade de aplicacións, entre as que destacan:

  • Control do uso de drogas no tráfico rodado: Coa publicación no BOE, o pasado 23 de xuño do 2010, da modificación do apartado 1.7.ª do artigo 796 do Código Penal é obrigatorio que os condutores se sometan ao control de drogas en saliva. Se o test inicial de saliva é positivo ou o condutor presenta signos dun consumo de estupefacientes ou substancias psicotrópicas verase na obriga de facilitar máis saliva, -en cantidades suficientes, para efectuar outra análise nun laboratorio homologado. Todo condutor poderá solicitar unha proba de contraste, que consiste nunha análise de sangue, ouriños etc.- sendo necesario persoal sanitario para a súa obtención.[1][12][13]
  • Control do uso de drogas no ámbito laboral: Xa se emprega nos lugares de traballo, sobre todo despois dun accidente laboral.
  • Outras aplicacións: Control antidopaxe; detección dun posibél consumo de estupefacientes en presos e persoal ou persoas noutras institucións coma correccionais; detección do consumo de drogas nos detidos (nos xulgados ou para sospeitosos detidos por un crime que puido ser cometido baixo a influencia dalgunha droga). Ademais, a saliva no futuro tamén pode ser unha mostra axeitada para diagnósticos e análises clínicos nos hospitais e laboratorios de investigación.[1][2]

Notas editar

  1. 1,00 1,01 1,02 1,03 1,04 1,05 1,06 1,07 1,08 1,09 1,10 1,11 1,12 1,13 Olaf H. Drummer. Drug testing in oral fluid (review article). Clin Biochem Rev. Vol 27. August 2006. Páx. 147-159.
  2. 2,0 2,1 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 20 de xaneiro de 2012. Consultado o 11 de maio de 2011. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 José C. Pérez de los Cobos; Juan Carlos Valderrama; Gaspar Cervera; Gabriel Rubio. “Tratado SET de trastornos adictivos”. 1º edición, 2006. Sociedad Española de Toxicomanías. Editorial Médica Panamericana. Páx.122-124.
  4. 4,0 4,1 4,2 Guyton & Hall. “Tratado de fisiología médica”. Décimo primera edición, 2007. Elsevier Saunders. Páx. 793-794.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 5,5 Manuel Repetto Jiménez, Guillermo Repetto Kuhn. “Toxicología fundamental”. 4º edición, 2009. Editorial Diaz de Santos. Páx. 74-76.
  6. [1]
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 Raphael C. Wong, Minhchau Tran, James K. Tung. Oral fluid drug tests: Effects of adulterants and foodstuffs. Forensic Science International 150 (2005) Páx. 175–180.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 Alain G. Verstraete. Oral fluid testing for driving under the influence of drugs: history, recent progress and remaining challenges. Forensic Science International. 2005 páx. 143-150
  9. 9,0 9,1 M. Sergi & E. Bafile & D. Compagnone & R. Curini & G. D’Ascenzo & F. S. Romolo. Multiclass analysis of illicit drugs in plasma and oral fluids by LC-MS/MS. Anal Bioanal Chem 393, 2009 709–718.
  10. 10,00 10,01 10,02 10,03 10,04 10,05 10,06 10,07 10,08 10,09 10,10 10,11 10,12 A. Hernández Jerez. Interés toxicológico de la cavidad oral. CIENCIA FORENSE. Revista Aragonesa de Medicina Legal. Nº 7. 2005. Páx. 141-144.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Insook Kim, Allan J. Barnes, Raf Schepers, Eric T. Moolchan, Lisa Wilson, Gail Cooper, Claire Reid, Chris Hand, and Marilyn A. Huestis. Sensitivity and Specificity of the Cozart Microplate. EIA Cocaine Oral Fluid at Proposed Screening and Confirmation Cutoffs. Clinical Chemistry 9, 2003 1498–1503.
  12. Ley Orgánica 5/2010, de 22 de junio, por la que se modifica la Ley Orgánica 10/1995, de 23 de noviembre, del Código Penal. (BOE núm 152, de 23 de junio de 2010: 54811-54883). Dispoñible en: http://www.boe.es/boe/dias/2010/06/23/pdfs/BOE-A-2010-9953.pdf
  13. Farrell LJ, Kerrigan S, Logan BK. Recommendations for Toxicological Investigation of Drug Impaired Driving. J Forensic Sci. 2007 Sep;52(5):1214-8