SPOT (acrónimo de Satellite Probatoire de l'Observation de la Terre) é unha serie de satélites de recoñecemento civís franceses.[1]

O SPOT 5.

SPOT 1, 2 e 3Editar

Os tres primeiros satélites SPOT foron construídos usando o bus SPOT de primeira xeración cun tempo estimado de vida de tres anos. Os tres satélites eran idénticos, cada un levando a bordo dúas cámaras de alta resolución no rango visible que podían funcionar simultaneamente ou por separado. Cada cámara tiña dous modos de funcionamento: pancromático ou multiespectral, o primeiro cunha resolución de 10 metros e o segundo de 20. SPOT 3 levaba, ademais, o instrumento POAM-II (Polar Ozone and Aerosol Measurement) proporcionado polo Laboratorio de Investigación Naval dos Estados Unidos (NRL) para medir a distribución vertical de ozono na atmosfera, así como do vapor de auga, dióxido de nitróxeno, aerosois e a temperatura. SPOT 1 foi lanzado mediante un Ariane 1 o 22 de febreiro de 1986, mentres que SPOT 2 e 3 o foron mediante sendos Ariane 4 o 22 de xaneiro de 1990 e o 26 de setembro de 1993, respectivamente. SPOT 1 quedou fóra de servizo en 2003, mentres que SPOT funcionou ata xullo de 2009 e SPOT 3 avariouse en novembro de 1996.[2]

SPOT 4Editar

SPOT 4 foi o único SPOT de segunda xeración, cun bus mellorado cunha maior esperanza de vida (ata 5 anos) e un módulo de servizo capaz de acoller o dobre de instrumentación científica. O módulo de propulsión contiña 158 kg de hidracina. O instrumento principal era a cámara HRVIR (High-Resolution Visible and Infrared sensor) con dous sensores de barrido e dous modos de funcionamento: pancromático e multiespectral, o primeiro cunha resolución de 10 m e o segundo de 20 m. Levaba tamén o sensor VMI (Vegetation Monitoring Instrument), cunha resolución de 1 km, para estudar a vexetación. A bordo iban tamén os instrumentos DORIS, para localizar o satélite con precisión, SILEX (un experimento de comunicacións ópticas), PASTEC (PASsager TEChnologique de SPOT 4, para estudar a contorna orbital do satélite) e POAM-III (Polar Ozone and Aerosol Measurement, para estudar a distribución vertical de ozono e outras sustancias). SPOT 4 foi lanzado o 24 de marzo de 1998 a bordo dun Ariane 4, finalizando a súa misión o 29 de xuño de 2013.[3]

SPOT 5Editar

SPOT 5 foi o único SPOT de terceira xeración. Levaba a bordo o instrumento mellorado HRG (High Resolution Geometric) con dous sensores de barrido, e o instrumento HRS (High Resolution Stereoscopic) para obter imaxes estereoscópicas do terreo cunha precisión altimétrica de entre 10 e 15 m. SPOT 5 tamén levaba os instrumentos VMI e DORIS a bordo. Foi lanzado o 4 de maio de 2002 a bordo dun Ariane 4.[4]

SPOT 6 e 7Editar

SPOT 6 e 7 son capaces de obter imaxes cunha resolución de 2 m en franxas de 60 x 60 km e teñen un tempo estimado de vida de 10 anos. Levan a bordo os instrumentos NAOMI (New AstroSat Optical Modular Instrument) e cámaras de barrido cunha resolución de 2 m (en modo pancromático) e 8 m (en modo multiespectral). Os dous satélites están no mesmo plano orbital que os satélites Pléiades de alta resolución. SPOT 6 foi lanzado o 9 de setembro de 2012 e SPOT 7 o 30 de xuño de 2014, ambos a bordo de foguetes PSLV-CA. En decembro de 2014 Airbus chegou a un acordo coa empresa Azercosmos para transferirlle o SPOT 7, renomeado Azersky.[5]

Historial de lanzamentosEditar

Misión[1][2][3][4][5] Data de lanzamento[1][2][3][4][5] Foguete lanzador[1][2][3][4][5] Notas[1][2][3][4][5]
SPOT 1 22 de febreiro de 1986 Ariane 1 Éxito
SPOT 2 22 de xaneiro de 1990 Ariane 4 Éxito
SPOT 3 26 de setembro de 1993 Ariane 4 Éxito
SPOT 4 24 de marzo de 1998 Ariane 4 Éxito
SPOT 5 4 de maio de 2002 Ariane 4 Éxito
SPOT 6 9 de setembro de 2012 PSLV-CA Éxito
SPOT 7 / Azersky 30 de xuño de 2014 PSLV-CA Éxito

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Mark Wade (2021). "SPOT" (en inglés). Consultado o 30 de setembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "SPOT 1, 2, 3" (en inglés). Consultado o 30 de setembro de 2021. 
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "SPOT 4 [Astrium]" (en inglés). Consultado o 30 de setembro de 2021. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "SPOT 5" (en inglés). Consultado o 30 de setembro de 2021. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 Gunter Dirk Krebs (2021). Gunter's Space Page, ed. "SPOT 6, 7 / Azersky" (en inglés). Consultado o 30 de setembro de 2021. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar