SMS Grosser Kurfürst (1913)

O SMS Grosser Kurfürst foi o segundo acoirazado dos catro barcos da clase König. O Grosser Kurfürst (ou Großer Kurfürst) servíu na Mariña Imperial alemá durante a Primeira Guerra Mundial. O acoirazado foi posto na grella en outubro de 1911 e botado o 5 de maio do 1913. Foi formalmente asignado á Mariña Imperial o 30 de xullo de 1914, días antes de que estoupase a guerra entre Alemaña e o Reino Unido. O seu nome significa "Gran Elector", e refírese a Federico Guillerme I, o príncipe elector de Brandeburgo. O Grosser Kurfürst foi armado con 10 canóns de 305 mm en cinco torretas xemelgas e podía acadar unha velocidade máxima de 21 nós.

SMS Grosser Kurfürst

Ilustración de recoñecemento dun buque da clase König
Historial
Estaleiro Germaniawerft, Kiel
Clase König
Tipo acoirazado
Posta en grella outubro de 1911
Botado 5 de maio do 1913
Asignado 30 de xullo de 1914
Destino barrenado o 21 de xuño de 1919 en Gutter Sound, Scapa Flow
Características xerais
Eslora 175,4 m
Manga 29,5 m
Calado 9,19 m

Xunto cos seus tres barcos irmáns, o König, o Markgraf e o Kronprinz, o Grosser Kurfürst tomou parte na meirande parte das accións da frota durante a guerra, incluída a batalla de Xutlandia entre o 31 de maio e o 1 de xuño de 1916. O barco foi obxectivo de fogo pesado en Xutlandia, pero non foi gravemente danado. Bombardeou posicións rusas durante a Operación Albion en setembro e outubro de 1917. O Grosser Kurfürst estivo involucrado en varios accidentes durante a súa carreira; chocou co König e o Kronprinz, encallou varias veces, foi torpedeado unha, e impactou cunha mina.

Despois da derrota alemá e da sinatura do armisticio en novembro de 1918, o Grosser Kurfürst e a meirande parte dos buques capitais da Hochseeflotte foron internados pola Royal Navy en Scapa Flow. Os barcos foron desarmados mentres as potencias aliadas negociaban a versión final do Tratado de Versalles. O 21 de xuño de 1919, días antes de que o tratado fose asinado, o comandante da frota internada, o contraalmirante Ludwig von Reuter, ordenou afundir os barcos da frota para asegurarse de que os británicos non puidesen apoderarse deles. A diferenza dos seus irmáns, o Grosser Kurfürst foi refrotado en 1938 e desguazado en Rosyth.