Revelín
O revelín é unha fortificación triangular situada fronte ao corpo da fortificación principal –xeralmente alén dun foso–, cuxo obxectivo é dividir a unha forza atacante e protexer os muros de cortina mediante fogo cruzado. Xunto con outros elementos, forma parte do deseño chamado de traza italiana (de aí a súa etimoloxía, xa que procede do italiano rivellino ou revellino).
Descrición
editarDebido á forma triangular, diferénciase da luneta en que esta é semicircular, ten menos grosor ca os revelíns e adoitan carecer de dotación artilleira, sendo máis habitual a disposición de banquetas para permitir á infantaría facer fogo de fusilaría.[1]
O revelín pode estar precedido por unha contragarda, que non dispón de artillaría e da que normalmente a separaba un foso.
O primeiro exemplo construído de revelín áchase na localidade italiana de Sarzanello e data do ano 1497. Os primeiros revelíns construíronse de ladrillo, aínda que máis adiante, ao longo do século XVI nos Países Baixos eran de terra, xa que absorbía mellor o impacto dos proxectís.
No sistema de fortificación seguido por Vauban e en España polos enxeñeiros da Real Academia de Matemáticas de Barcelona, o revelín construíase en pedra igual ca o lenzo da muralla.
Por regra xeral, nos revelíns o lado do triángulo que se mostra ao interior da fortaleza non é fortificado e en ocasións nin sequera existe, ocupando o seu lugar escaleiras e ramplas de acceso á fortificación para tropas e canóns, así como nalgúns casos os cuarteis da forza que ha de gornecelos. Isto faise para evitar que os inimigos poidan facerse fortes neles se conseguen tomalos. Outras construcións anexas aos revelíns poden ser camiños cubertos por dous muros que unen unha poterna na muralla co acceso ao revelín para trasladar ao mesmos reforzos ou subministracións a cuberto dos fogos inimigos.
O conxunto de fortificacóns deste tipo mellor conservadas na Península Ibérica atópase no Castelo de Sant Ferran en Figueres (Xirona).