Relacións públicas

As relacións públicas son o conxunto de actividades informativas, coordinadas de modo sistemático, relacionadas co intercambio de informacións entre un individuo, organización (público ou privada), ou unha organización non gobernamental e o seu público.[1] Como ciencia, abrangue o coñecemento científico que explica, prevé e controla o exercicio de poder no sistema entre as organizacións e os seus públicos. Como actividade, á súa vez, desempeña o exercicio da administración da función política organizacional. Sendo así, as relacións públicas é a administración da función política, da comunicación e do conflito.[2]

Na Asemblea Mundial, aprobada por 33 países, foi definido que o exercicio das relacións públicas require accións planeadas con apoio na pescuda, na comunicación sistemática e na participación programada a fin de elevar o nivel de entendemento, solidariedade e colaboración entre unha entidade e os grupos sociais a ela vinculados. Polo tanto, as relacións públicas promoven o desenvolvemento recíproco entre as entidades e as comunidades ás que pertencen.[3]

Historia

editar

Hai cinco mil anos, a aristocracia da China xa empregaba técnicas parecidas coas das modernas relacións públicas.[4] O inicio no occidente é incerto, con varios rexistros da actividade datados o século XVIII. Arceo Varcas en 1802 usaría o termo relacións públicas de xeito análogo á actividade actual, ben como o reverendo Hoyt empregou o termo en connotación coa idea de responsabilidade social corporativa.[5] Porén, a primeira gran preocupación colectiva de empresarios cos seus públicos ocorreu durante a Revolución Industrial, no século XIX, e coa publicación de The Public Relations and duties of the legal profession proferida en 1882, o termo relacións públicas foi obxecto de debate por primeira vez. Daquela, o relator Dorman Eaton entendía como responsabilidade desta actividade "ollar polo benestar do público".[4] Foi aínda o mesmo ano que o magnate norteamericano William Henry Vanderbilt, ó ser criticado pola pésima calidade das súas ferrovías, emitiu a icónica frase "Public be damned!", amosando involuntariamente a necesidade dunha abordaxe técnica entre as entidades e a opinión pública.[6] A partir dese intre, a industria comezou a ser atacada por líderes de goberno e escritores famosos.[7]

 
Ruínas de Ludlow tralo masacre.

A situación vixente en América do Norte daquela época non era distinta noutros países. En España, por exemplo, a maximización dos lucros das empresas estaba por enriba de calquera tipo de consideración social, o que acabou xerando xa a partir do final do século XIX, protestas e reivindicacións crecentes, impulsados por publicacións como La solidariedad (1870) e La Emancipación (1871).[5]

Durante o século XX, a actividade foi estruturada e estudada con rigor científico polos norteamericanos, sobre todo polo xornalista e publicitario Ivy Ledbetter Lee.[4] Esa orixe deuse pola estimulante necesidade económico-empresarial, pois os empresarios decatáronse de que necesitaban da figura dun especialista que comprendese tanto ós seus públicos externos como os internos para o bo funcionamento das súas organizacións. Foi nese contexto que xurdiu Lee, fundando, con George Parker a axencia Parker & Lee en 1906, a partir da cal entraría en acción un servizo de prensa.[8]

Naquel momento, a Familia Rockefeller estaba sendo moi criticada pola opinión pública por conta do conflito entre mineiros e as forzas militares do Colorado que ficou coñecido como o massacre de Ludlow. O conflito resultou na morte de 19 a 26 persoas, incluíndo dúas mulleres e 11 nenos.[9] Lee alertou á Familia Rockefeller que eles estaban perdendo apoio popular e desenvolveu unha estratexia para que Rockefeller Júnior a executara a fin de recuperar o seu prestixio coa clase traballadora. Parte do plano elaborado por Lee foi enviar a Júnior persoalmente para conversar cos mineiros e as súas familias, inspeccionar as súas condicións de traballo, as súas casas, e especialmente ouvir as súas queixas persoais. A estratexia atraeu a atención dos medios, que pasou a divulgar unha versión máis humanizada dos Rockefeller.[10]

 
Campaña da marca Lucky Strike concibida por Bernays, a fin de popularizar o cigarro entre as mulleres como un instrumento feminista.

Porén, atribuír a paternidade da actividade mundial a Lee é unha cuestión controvertida, xa que el se consideraba un publicista, e non un relacións-públicas. Moitos académicos atribúen a Edward Bernays, sobriño de Sigmund Freud, ser o pioneiro.[11] Con outro tipo de abordaxe, Bernays defendía a manipulación de masas e individuos, e desa forma axudou a popularizar nos Estados Unidos de América as actividades das relacións públicas. Foi el o primeiro profesor de relacións públicas nunha universidade e autor da primeira obra académica dedicada á área, nomeada de Crystallizing Public Opinion. O primeiro cliente de Bernays foi a Corporación de Tabaco Americana. Contratado para ampliar o consumo de cigarros nos EUA, Bernays entendeu que, se buscase unha forma de asocialo ó poder masculino e ós desexos inconscientes das mulleres de derrubalo, o cigarro sería máis atractivo para o público feminino.[12]

Tralo remate da primeira guerra mundial, a sociedade norteamericana pasou a esixir cada vez máis informacións dos seus gobernantes. O Presidente Roosevelt pasou a esixir a presenza de técnicas de relacións públicas no seu goberno, e iso converteríase imperativo na segunda guerra mundial, cando o goberno tivo que desenvolver un intenso traballo para explicar o motivo que levou o país a entrar no conflito. A partir de entón, as relacións públicas desenvolvéronse en todo o mundo, sofisticando as súas técnicas e desenvolvendo os conceptos. Creáronse os primeiros cursos en universidades e colexios e os libros comezaron a proliferar. Nese escenario, órganos especializados e asociacións nacionais xurdiron nos Estados Unidos, en Inglaterra, en Francia, en Italia e no Brasil, culminando no I Congreso Internacional de Relacións Públicas en 1954, que consolidou a actividade profesional e o campo científico.

  1. Grunig, James (1984). Managing Public Relations (en inglés) (1ª ed.). Orlando: Holt, Rinehart & Winston. p. 565. ISBN 9780030583377. 
  2. Porto Simões, Roberto (1995). Função Política (1ª ed.). Orlando: Summus Editorial. p. 250. ISBN 853230480X. 
  3. "Primera Asamblea Mundial de Asociaciones de Relaciones Públicas 1er Foro Mundial de Relaciones Públicas 12 de Agosto de 1978" (en castelán). Universidad Interamericana. Arquivado dende o orixinal o 30 de xullo de 2016. Consultado o 9 de maio de 2017. 
  4. 4,0 4,1 4,2 Grunig, James (2003). "A função das relações públicas na administração e sua contribuição para a efetividade organizacional e societal". Capa (en portugués) 24 (39). doi:10.15603/2175-7755/cs.v24n39p67-92. Arquivado dende o orixinal o 16 de novembro de 2018. Consultado o 15 de novembro de 2018. 
  5. 5,0 5,1 Castillo, Esparcia (2004). Investigación sobre la evolución histórica de las relaciones públicas (1ª ed.). Madrid: Universidad Complutense de Madrid. p. 43-62. ISSN 1988-3056. 
  6. Elmo Scott Watson (6 de setembro de 1936). "The Truth About that “Public Be Damned” Interview" (en inglés). Lake Benton Valley News. Consultado o 9 de maio de 2017. 
  7. Frazier, Moore (1981). Princípios casos e Problemas de Relações Públicas (2ª ed.). R.D. Irwin; 8th edition. ISBN 978-0256025361. 
  8. Kunsch, Margarida (2009). Relações Públicas, história, teorias e estratégias nas organizações contemporâneas (2ª ed.). São Paulo: Saraiva. p. 9. ISBN 978-85-02-08184-0. 
  9. Watner, Carl (1999). I Must Speak Out: The Best of The The Voluntaryist 1982 - 1999. San Francisco, CA: Fox & Wilkes. p. 258. ISBN 0930073339. 
  10. Robert L. Heath, ed. Encyclopedia of public relations (2005) 1:485
  11. BARQUERO CABRERO, JOSÉ DANIEL (2007). O Livro de Ouro das Relações Públicas (1ª ed.). Lisboa: Porto Editora. p. 129-130. ISBN 978-972-0-06040-2. 
  12. "O Sobrinho de Freud explica". Revista Trip. Arquivado dende o orixinal o 11 de abril de 2017. Consultado o 4 de febreiro de 2014. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar