Ramón Castro
Ramón Castro Ruz, nado en Birán (Cuba) o 14 de outubro de 1924 e finado na Habana o 23 de febreiro de 2016[1], foi un enxeñeiro agrícola e político cubano, irmán máis vello dos dirixentes Fidel e Raúl Castro.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | (es) Ramón Eusebio Castro Ruz 14 de outubro de 1924 Birán, Cuba |
Morte | 23 de febreiro de 2016 (91 anos) A Habana, Cuba |
Educación | Universidade da Habana |
Actividade | |
Ocupación | labrego, político |
Partido político | Partido Comunista de Cuba |
Familia | |
Pais | Ángel Castro Arguíz e Lina Ruz González |
Irmáns | Juanita Castro Raúl Castro Fidel Castro Emma Castro |
Traxectoria
editarRamón foi o primoxénito do emigrante galego en Cuba Ángel Castro Argiz e da cubana de orixe canaria Lina Ruz González. Era alcumado Mongo Castro. Estudou enxeñaría agrícola na Universidade da Habana, e despois volveu á granxa familiar para xestionala.[2] En 1953 foi encarcerado durante a ditadura de Fulgencio Batista. Despois de ser liberado, mentres Fidel e Raúl loitaban nas montañas dirixindo á insurxencia do Movemento do 26 de xullo, Ramón coidaba dos seus pais e das colleitas. Segundo a biografía de Fidel Castro escrita por Jules Dubois en 1959, Ramón Castro organizou unha cadea de rebeldes das cidades ás montañas para conseguir armas, municións, medicamentos, subministracións e homes para axudar aos seus irmáns.
A pesar de non ser demasiado coñecido internacionalmente, foi un dos membros fundadores do Partido Comunista de Cuba e foi deputado da Asemblea Nacional.
Nun momento en que a gasolina era difícil de atopar, segundo Dubois, os coñecementos de Ramón en agricultura e enxeñería permitíanlle producir un combustible alcohólico a base de azucre de cana e aceite de rícino.
Traballou como asesor dos ministros cubanos de Agricultura e do Azucre e para outros tres ministerios. Foi o máximo responsable da política gandeira do Goberno de Cuba, durante o cal lanzou un plan de desenvolvemento lácteo e foi director do Plan Xenético Especial do Vale de Picadura.[1]
Estivo casado con Aurora Castillo Valdivia, con quen tivo cinco fillos. Antes de morrer, vivía preto da Habana, nunha granxa onde traballaba na agricultura.
Notas
editar- ↑ 1,0 1,1 Falleció el compañero Ramón Castro Ruz, no xornal Granma o 23 de febreiro de 2016
- ↑ "Cuba: muere Ramón Castro, el hermano mayor de Fidel y Raúl Castro". BBC (en castelán). 24 de febreiro de 2016. Consultado o 7 de outubro de 2019.
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- The other Castro brotherArquivado 07 de xullo de 2017 en Wayback Machine., artigo de Michael Braga en The Herald Tribune o 15 de xuño de 2004. (en inglés)