Quíone (filla de Dedalión)

Quíone, na mitoloxía grega, tamén chamada Filónide [1], foi a filla do rei Dedalión (fillo de Fósforo [2]). Os deuses Apolo e Hermes, cando a viron, desexaron xacer con ela. Apolo prefiriu esperar á noite pero Hermes, máis impaciente, fixo que se durmira e violouna. Xa caída a noite, Apolo tamén a violou, disfrazado de anciá. Quíone quedou embarazada dos dous, e tivo dous fillos: Autólico, de Hermes, e o músico Filamón, de Apolo.

A morte de Quíone (Nicolas Poussin, 1622)

Quíone era especialmente fermosa, e pecou de vaidade [3]. Envaidecida pola súa fermosura, tivo o atrevemento de desprezar a Artemisa, presumindo de ser máis bela que a deusa, e esta, en vinganza, matouna atravesándolle a lingua dun frechazo.

"Tiña unha filla, Quíone, dotada de excepcional beleza; tivo ela mil pretendentes á idade casadeira de catorce anos. En certa ocasión que volvían Febo e o retoño de Maia [4]... véndoa ambos, ambos inflamáronse de amor... ¿De que serve haber parido dous fillos e haber gustado a dous deuses...? ¿Non é prexudicial a gloria para moitos? Foino, desde logo, para ela, que se atreveu a antepoñerse a Diana e criticou a beleza da deusa. Diana sentiu unha cólera furibunda ... tendeu o arco, impulsou coa corda a seta, e traspasou, como merecía, aquela lingua coa frecha".
(Ovidio: Metamorfosis XI, 301-327)

Notas editar

  1. "Apolo e Mercurio deitáronse a mesma noite con Quíone, ou como din outros poetas, con Filónide, filla de Dedalión" (Hixino: Fábulas 200, 1).
  2. Fósforo é a Estrela da Mañá, o planeta Venus.
  3. Na antiga Grecia chamaban Hybris a este sentimento de orgullo, de vaidade esaxerada ou prepotencia, que moitas veces implicaba un merecido castigo.
  4. Febo e o nome de Apolo na mitoloxía romana, e o retoño de Maia é Hermes, fillo desta pléiade.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar