Programa Lunar Orbiter

Programa de sondas orbitais luares dos Estados Unidos.

O programa Lunar Orbiter foi un programa de sondas espaciais da NASA lanzadas entre 1966 e 1967 mediante foguetes Atlas-Agena D para orbitar e cartografar a superficie da Lúa en preparación ás misións tripuladas do proxecto Apollo.[1][2]

O Lunar Orbiter 1, a primeira das sondas do programa Lunar Orbiter.

Características editar

O obxectivo do programa Lunar Orbiter era cartografar a superficie lunar mediante fotografías tomadas por satélites en órbita da Lúa. Lanzáronse cinco Lunar Orbiter, os cinco exitosos. O programa cubriu o 99% da superficia da Lúa, tanto da cara visible como do lado oculto, cunha resolución de ata 1 metro. En total os satélites devolveron 2180 imaxes en alta resolución e 882 de resolución media. Os satélites levaban un experimento de micrometeoros que rexistrou un total de 22 impactos durante a duración das misións (dúas ordes de magnitude maior que no espazo interplanetario pero lixeiramente inferior ó fluxo no espazo próximo á Terra). Un experimento de radiación a bordo do satélites confirmou que o material, instrumentos e naves do proxecto Apolo serían suficientes para protexer ós astronautas. Ademais, os satélites serviron para avaliar o sistema de comunicacións e seguimento que sería usado no proxecto Apolo.[1][2]

A forma do corpo principal dos satélites era de cono truncado de 1,65 m de altura e 1,5 m de diámetro na base. O corpo estaba dividido en tres seccións horizontais: unha para a instrumentación científica e as comunicacións, e as outras dúas para o sistema de propulsión. A alimentación eléctrica era proporcionada por catro paneis solares que lle daban unha envergadura de 3,72 m ao satélite e subministraban ata 375 vatios de potencia a unha batería de níquel-cadmio cunha capacidade de 12 amperios-hora. As comunicacións tiñan lugar ben mediante unha antena de alta ganancia situada no extremo dun mastro de 1,32 m de lonxitude que sobresaía da base dos satélites ou ben mediante unha antena de baixa ganancia situada nun mastro de 2,08 m de lonxitude.[1][2]

O sistema de obtención de imaxes de cada Lunar Orbiter consistía en dúas cámaras: unha cunha lente de 80 mm para fotografía de resolución media e outra cunha lente de 610 mm para fotografías de alta resolución. As fotografías rexistrábanse no mesmo rolo de película fotográfica de 70 mm mediante unha secuencia automática. A película era revelada a bordo e logo escaneada para ser transmitida a terra como sinal de vídeo.[1][2]

Tódolos Lunar Orbiter acabaron estrelados contra a Lúa ao final das súas misións.[1][2]

Historial de lanzamentos editar

Voo[2] Data[1][2] Carga[1][2] Resultado[1][2] Notas
1 10 de agosto de 1966 Lunar Orbiter 1 Éxito
2 6 de novembro de 1966 Lunar Orbiter 2 Éxito
3 5 de febreiro de 1967 Lunar Orbiter 3 Éxito
4 4 de maio de 1967 Lunar Orbiter 4 Éxito
5 1 de agosto de 1967 Lunar Orbiter 5 Éxito

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Mark Wade (2011). "Lunar Orbiter" (en inglés). Consultado o 13 de xullo de 2013. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Lunar Orbiter 1, 2, 3, 4, 5" (en inglés). Consultado o 13 de xullo de 2013. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar