Pradairo común

especie de planta
Pradairo bravo

Imaxe da árbore
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Rosidae
Orde: Sapindales
Familia: Aceraceae
Xénero: Acer
Especie: A. pseudoplatanus
Nome binomial
Acer pseudoplatanus
L.

O pradairo común ou pradairo bravo[1], tamén chamado sicómoro,[2] (Acer pseudoplatanus L.) é unha árbore caducifolia do xénero Acer, da familia Sapindaceae, antes da antiga familia Aceraceae, común en Galicia, especialmente en solos húmidos. Moitas veces recibe simplemente o nome de pradairo.

Descrición

editar

O pradairo bravo é unha árbore grande, de talo lanzal, que pode acadar 35 m de altura e un diámetro duns 3,5 m ( a 1,5 m sobre o chan). A cortiza é de primeiras dun gris amarelento, logo gris avermellado, e pode escamar en placas grandes. As follas son opostas (como en todas as árbores do xénero acer), caducas, palmadas con cinco lobos en punta, de dentes romos, separados por seos agudos. Estas follas, de pecíolo longo, son verde-escuras na cara superior e verde-glauco no anverso, onde mostran pelos nos nervios.

As flores de cor verde-amarelo, agrupadas en corimbos, aparecen antes que as follas. Teñen 5 sépalos, 5 pétalos e 8 estames. Os froitos son en sámara con ás largas e pregadas, formando ángulo recto.

É unha árbore de crecemento rápido nos primeiros anos, que rebrota doadamente do tronco cando se lle corta. Florece entre 20 a 25 anos, en abril e maio. Os froitos aparecen a finais do verán e mantéñense bastante na árbore. Prefire chans ricos e, sobre todo, calizos. Polo xeral aparece en poboacións espalladas no medio doutras especies, especialmente acompañando faias e abetos. En Galicia pode verse no interior á beira de ríos e regatos e nos parques e alamedas.

Utilización

editar

O pradairo común, coma outros pradairos, cultívase como planta ornamental, aínda que en Galiza este uso non é común, agás en variedades de follas púrpuras. A madeira, branca e bastante dura, úsase en carpintería e en torneados. Un emprego salientable é para fabricación de instrumentos musicais. En tempos utilizouse para facer zocas. Fornece tamén unha execelente madeira para queimar.

Mitoloxía

editar

[Cómpre referencia] Segundo a tradición alemá as cegoñas engadían ponlas de pradairos para evitar a esterilidade que lle traían os morcegos. E na mitoloxía húngara está asociado cos malos recordos e a melancolía segundo a lenda un pastor fixo unha frauta cunha ponla dun pradairo e ao tocala contaba a historia dunha princesa asasinada por envexa polas fillas do rei e que este soterrou baixo o pradairo.

Nome común

editar

Tilo, pradio, pradia, prádeo, pradairo, pradaira, prada, plátano silvestre, pladairo, pedrairo, padreiro, padrairo, arce, apradairo, alce, álamo.[3]

Galería de imaxes

editar
  1. Nomes vulgares galegos en Buscatermos e diferente bibliografía: Vocabulario do medio agrícola. [Santiago de Compostela], Dirección Xeral de Política Lingüística, 1988. Termos esenciais de botánica. Santiago de Compostela, Universidade, 2004. VV. AA. (2012) Vocabulario forestal. Santiago de Compostela, Universidade / Deputación de Lugo. Vocabulario de ciencias naturais. Santiago de Compostela, Xunta, 1991. Gran dicionario Xerais da lingua galega. Vigo, Xerais, 2009
  2. "Entrada de "sicómoro" no DRAG". Arquivado dende o orixinal o 25 de maio de 2015. Consultado o 25 de maio de 2015. 
  3. "Pradairo (Acer pseudoplatanus L.)". Atlas Lingüístico Galego. Consultado o 8 de setembro de 2016. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar