Portal:Ourense/Lugar de interese/1

A Catedral de Ourense, baixo a advocación de San Martiño, é un templo católico situado na cidade de Ourense, sede da diocese do mesmo nome. É de estilo románico de transición con influencias cistercienses nalgúns aspectos arquitectónicos e mateanos no eido escultural, pero no que se realizaron numerosas modificacións posteriores.

O templo foi construído como unha fortaleza defensiva, como adoitaba facerse nos edificios relixiosos da época. Pódese comprobar esta concepción na estrutura das torres orixinais e nas ameas que coroaban os muros, das que aínda queda algunha mostra se ben a maioría foron eliminadas durante as reformas posteriores.

A súa construción finalizou a mediados do século XIII, co bispo Lourenzo (1218-1248), coa construción do Pórtico do Paraíso.

Foi declarada Monumento Nacional o 3 de xuño de 1931 e recibe os honores de Basílica desde 1867, por Breve Pontificio do papa Pio IX asinado o 30 de xuño dese ano. Está rexistrada como Ben de Interese Cultural co código RI-51-0000771.