Portal:Muller/Artigo destacado/4

O Itinerario de Exeria, tamén coñecido como Itinerarium Egeriae, Peregrinatio Aetheriae ou Peregrinatio ad Loca Sancta, é un conxunto de textos en latín escritos por Exeria relatando a súa peregrinación dende a Gallaecia ata Terra Santa entre os anos 381 e 384

Como libro de viaxes, é unha fonte importante para coñecer a situación naquel momento das zonas percorridas. Nel detállanse costumes dos nativos, crenzas populares, rituais relixiosos e expresións da fala vernácula. Está redactado en primeira persoa no latín coloquial utilizado na vida diaria, cunha espontaneidade natural que difire do estilo solemne propio da lingua escrita. O seu valor é filolóxico, sociolóxico e literario.

Presentado de forma epistolar, o manuscrito documenta o longo itinerario a través dunha serie de cartas que ofrecen datos, anécdotas e detalles interesantes dos lugares visitados. É moito máis que unha simple guía informativa; é unha crónica humana na que a autora expresa os seus sentimentos ante cada situación e describe con empatía o trato que recibe das persoas coas que se cruza. O relato está dirixido a un grupo de mulleres mencionadas coa locución “dominae sorores”, unha fórmula habitual para referirse a amigas e compañeiras.

Algúns expertos consideran que é o primeiro texto dunha escritora galega.