Portal:Música clásica/Biografía destacada/6

Jane Marian Joseph, nada o 31 de maio de 1894 en Londres (Inglaterra) e finada na mesma cidade o 9 de marzo de 1929, foi unha compositora, arranxadora e profesora de música inglesa. Foi alumna e posteriormente compositora asociada de Gustav Holst, e estivo estreitamente implicada na organización e a xestión de varios festivais de música que Holst patrocinou. Moitas das súas obras foron compostas para ser interpretadas nestes festivais e en ocasións similares. A súa morte prematura, que impediu a plena realización do seu talento, foi considerada polos seus contemporáneos como unha perda considerable para a música inglesa.

Holst foi o primeiro en observar o potencial de Joseph cando estaba a ensinarlle composición na St Paul's Girls' School. Comezou a actuar como a súa copista en 1914, cando estaba a compoñer The Planets, a súa especial responsabilidade era a preparación da partitura do movemento "Neptune". Continuou a asistir a Holst con transcricións, arranxos e traducións, e foi a súa libretista para o ballet coral The Golden Goose.

A maioría da obra musical de Joseph nunca foi publicada e perdeuse. Das súas obras publicadas, dúas das súas primeiras pequenas pezas para orquestra, Morris Dance e Bergamask conseguiron eloxios considerables por parte da crítica, aínda que nunca chegaron a formar parte do repertorio orquestral habitual. Dúas obras corais, A Festival Venite e A Hymn for Whitsuntide foron admiradas durante a súa vida, mais raras veces foron interpretadas dende aquela. A súa panxoliña "A Little Childe There is Ibore" foi considerada por Holst como unha das mellores no seu xénero. Nas oito décadas posteriores á súa morte non se realizaron gravacións comerciais da música de Joseph, mais houbo interpretacións radiofónicas ocasionais.