Portal:Lugo/Lugar de interese/2

A Catedral de Santa María é a catedral da cidade galega de Lugo. Está adicada á Virxe María e atópase situada a rentes da muralla, concretamente diante da porta de Santiago, preto da Praza Maior. Foi comezada no século XII, e ten trazas de estilo románico, con engadidos góticos, barrocos e neoclásicos.

A catedral posúe o privilexio papal de exposición permanente do Santísimo Sacramento que é sacado en procesión, de aí o cáliz e a hostia que aparecen no escudo da cidade coa lenda "Hic hoc misterivm fidei firmiter profitemvr" (Cremos con fidelidade neste misterio), en referencia ao misterio da consagración do corpo de Cristo e que se trasladou ao propio escudo de Galicia. Este feito fai que se denomine a Lugo a cidade do Sacramento.

En 2010 restaurouse gran parte da catedral. A fachada principal foi limpada e impermeabilizada. A cuberta das naves do cruceiro e o presbiterio foi completamente cambiado, así como o musgo dos contrafortes. No interior limpouse integramente o altar maior, deixando á vista as vistosas cores orixinais do teito. As obras remataron a mediados do 2012. Desde o ano 2015 é considerada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO como parte dos Camiños Primitivo e Norte.