Portal:Lugo/Lugar de interese/Arquivo

Aquí están todos os artigos destacados no portal Lugo:

1 editar

A muralla de Lugo é unha fortificación que data do Imperio Romano situada na cidade de Lugo, en Galicia, sendo a única muralla destas características que se conserva no mundo. Comezou a súa construción probablemente contra o ano 260, ao medrar a importancia de Lucus Augusti como centro de comunicacións e comercial do norte peninsular. A devandita construción delongouse ata a época de Constantino, rematando sobre o ano 325. Moitos séculos máis tarde, xa no século XX, concretamente en 1921, quedou catalogada como Monumento Nacional, e case oitenta anos máis tarde, o 30 de novembro de 2000, a UNESCO declarouna Patrimonio da Humanidade.

O perímetro da muralla, que forma unha elipse imperfecta, é de 2.266 metros e a súa altura varía entre os 8 e os 12 metros, sendo unha das fortificacións máis grandes do seu tempo. A área que circunscribe é de 33,4 hectáreas. En orixe tiña 85 torres, das que se conservan 71 (sesenta de planta circular e once de planta cuadrangular), e a súa función era defensiva. Inicialmente a muralla tiña cinco portas, mais posteriormente abríronse outras cinco.

O 6 de outubro de 2007, a Muralla irmandouse coa Gran Muralla Chinesa, nunha cerimonia presidida polo alcalde de Lugo Xosé Clemente López Orozco e o embaixador chinés Qui Xiaoqi.


2 editar

A Catedral de Santa María é a catedral da cidade galega de Lugo. Está adicada á Virxe María e atópase situada a rentes da muralla, concretamente diante da porta de Santiago, preto da Praza Maior. Foi comezada no século XII, e ten trazas de estilo románico, con engadidos góticos, barrocos e neoclásicos.

A catedral posúe o privilexio papal de exposición permanente do Santísimo Sacramento que é sacado en procesión, de aí o cáliz e a hostia que aparecen no escudo da cidade coa lenda "Hic hoc misterivm fidei firmiter profitemvr" (Cremos con fidelidade neste misterio), en referencia ao misterio da consagración do corpo de Cristo e que se trasladou ao propio escudo de Galicia. Este feito fai que se denomine a Lugo a cidade do Sacramento.

En 2010 restaurouse gran parte da catedral. A fachada principal foi limpada e impermeabilizada. A cuberta das naves do cruceiro e o presbiterio foi completamente cambiado, así como o musgo dos contrafortes. No interior limpouse integramente o altar maior, deixando á vista as vistosas cores orixinais do teito. As obras remataron a mediados do 2012. Desde o ano 2015 é considerada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO como parte dos Camiños Primitivo e Norte.


3 editar

O templo romano de Santalla de Bóveda é un santuario tardorromano datado entre os séculos II e IV, situado na parroquia de Santalla de Bóveda de Mera, concello de Lugo, a uns 14 quilómetros da capital. Está semisoterrado a carón da actual igrexa de Santalla. Foi descuberto en 1926 e os arqueólogos non souberon dar ata agora unha explicación segura da súa orixe e finalidade.

Admítese que se trata dun templo pagán, con diferentes teorías sobre a súa finalidade, cristianizado séculos máis tarde. Está considerado un unicum, ó non existir ningún outro edificio das mesmas características en todo o territorio ocupado polo imperio romano.

En 1931 foi declarado Monumento Nacional, e en 1985 Ben de Interese Cultural.


4 editar

O Museo Provincial de Lugo foi fundado pola Deputación de Lugo no ano 1934. A idea de crear un museo provincial xurdiu en 1932 coa proposta de reunir e protexer os bens do patrimonio cultural lucense, até daquela esparexidos ao longo da provincia en coleccións privadas. Atópase no centro da cidade, na praza da Soidade.

A primeira sede do museo estableceuse no Pazo de San Marcos (baixo a dirección de Luis López Martí), e contaba con varias salas nas que se expoñían diferentes materiais arqueolóxicos, históricos e artísticos. En 1957, decidiuse mudar de emprazamento do museo, xa que o continuo incremento de fondos fixeran pequeno o espazo adicado ás exposicións. O lugar elixido foi o antigo convento de San Francisco, remodelado e ampliado inspirado na estrutura dos Pazos galegos para o deseño do novo edificio. Das dependencias do convento conserva a cociña, o refectorio (ámbolos dous do século XVIII) e mailo claustro (do século XV).

O 1 de marzo de 1962 o Museo Provincial de Lugo foi declarado Ben de Interese Cultural. En 1983, o material etnográfico que posuía o Museo foi trasladado ó Museo etnográfico e histórico de San Paio de Narla (Friol), que se constituíu así na sección de etnografía do Museo Provincial de Lugo. En 1997 o museo foi novamente ampliado, segundo un proxecto do arquitecto Antonio González Trigo. Esta ampliación foi inaugurada polos Duques de Lugo o 16 de xaneiro de 1997.


5 editar

As termas romanas de Lugo son os restos do antigo balneario romano situado á beira do río Miño, preto da antiga ponte romana. Declaradas Monumento Histórico-Artístico en 1931, hoxe as antigas termas romanas forman parte das instalacións do Hotel Balneario de Lugo. A construción destes baños é contemporánea á fundación da cidade, ao redor do ano 15 a.C., sendo a parte máis impresionante das instalacións romanas conservadas o apodycterium, a estancia na que se espían os usuarios. Outra das zonas visitables consiste na antiga sala de baños, con forma abovedada. Estas salas de baños consistían en tres tipos distintos: o frigidarium, para baños fríos; o tepidarium, para baños mornos, e o caldarium, para baños quentes. En épocas posteriores esta sala foi convertida en capela cristiá.

A auga das termas, que se supón ten propiedades medicinais, consiste nunhas augas sulfurado-sódicas e carbonatadas que abrollan a 43,8 graos centígrados.


6 editar

O Pazo de San Marcos, situado no centro da cidade de Lugo, na praza de San Marcos; é a actual sede da Deputación de Lugo. É un edificio que consta de dous andares con planta en forma de "E", rodeados por xardíns. Conta tamén con salas de exposicións no seu interior.

O Pazo de San Marcos foi construído en 1866, sendo na súa orixe un hospital. Para a súa construción, foron mercadas unhas cortiñas e derrubada unha capela. Máis tarde sería convertido nun Instituto de Ensino Medio, para ser utilizado na actualidade como sede da Deputación de Lugo e como sala de exposicións.

Atópase situado dentro do recinto amurallado da cidade de Lugo, ocupando case enteiramente unha das bandas da rúa San Marcos, a cal foi convertida nunha praza peonil, rematada en maio de 2011.


7 editar

A ponte romana de Lugo, con 104 m de lonxitude e 4 m de largura, cruza o río Miño ao seu paso polo sudoeste da cidade de Lugo, unindo a Calzada da Ponte coa estrada vella de Santiago, vertebrando esta última o barrio lugués de San Lázaro. Fica entre medias da Ponte Nova, que enlaza a capital da provincia coa estrada N-540, e o balneario de augas termais, que data así mesmo da época da romanización.

A ponte foi deseñada e construída na época da romanización de Galicia, que se valeu da vía número XIX do Itinerario de Antonino, comunicando Lucus Augusti con Bracara Augusta (a actual Braga, Portugal) pasando por Iria Flavia (a actual vila de Padrón). A razón da súa construción foi a necesidade de cruzar o río Miño. Se ben durante a Baixa Idade Media e a Idade Moderna a ponte sufriu distintas restauracións, os fundamentos da ponte actual, chamada popularmente vella ou romana, son en boa parte os orixinais.


8 editar

A Praza Maior de Lugo é o centro vital da cidade de Lugo, e o principal lugar de encontro dos lucenses, é ademais a praza máis grande do centro histórico da cidade, estando situada onde crese que nos tempos do Lucus Augusti encontrábase o anfiteatro. Luís Pimentel chamouna "sala de visitas da miña vila". Nela pódese atopar a Casa do Concello, as estatuas adicadas aos fundadores da cidade, un pequeno paseo con placas e bustos adicados aos principais escritores do país, o "quiosco da música" e o edificio do Círculo das Artes.

Aínda que a Casa do Concello que coroa a praza é do século XVIII, a Praza Maior tal como se coñece hoxe en día non se conformou como tal até o século XIX, na gran reforma urbana que se levou a cabo despois da desamortización pola que foi derrubado un convento de monxas. A principios do século XX a praza sufriu outra reforma para dotala dun xardín central, suprimindo a fonte (1914). A finais do século XX e comezos do XXI a praza sufriu a súa última gran renovación.


9 editar

O parque de Rosalía de Castro de Lugo está encadrado nun espazo verde entre a Avenida Doutor García Portela, a rúa Xornalistas Puro Cora, a rúa Pascual Veiga e o Paseo da Vila de Foz. O parque esténdese cara á zona baixa, limitando coa Ronda da República da Arxentina. Malia estar situado extramuros co casco vello, o parque ten un carácter céntrico.

Conta con 3.000 m². Con zonas axardinadas e amplos paseos arbolados. Dispón dun palco da música, recinto infantil e máis de corenta bancos, así como un bo número de monumentos, o da escritora Rosalía de Castro (do cal acabou tomando nome o parque), o Alcalde López Pérez e Xosé Castiñeira Pardo. Por outra banda, existe un estanque de aves acuáticas. e mais unhas grandes gaiolas paxareiras pechadas. Con todo, o máis rechamante é o pombal.

O parque acada especial relevancia durante as celebración da festa de San Froilán, pois serve de espazo para atraccións, barracas e quioscos.


10 editar

A Casa Consistorial do Concello de Lugo é un dos máximos expoñentes do barroco civil galego. Sitúase no centro da cidade de Lugo, na cabeceira da Praza Maior.

O edificio actual é froito do proxecto de reforma exterior e interior encargado ao arquitecto compostelán. A prioridade que se lle deu á reforma permitiu que os planos de Ferro Caaveiro foran aprobados en febreiro de 1736 e aprobouse a demolición do edificio anterior para levantar no seu lugar o novo. A obra prolongouse ata ben avanzada a seguinte década. Aínda que na fachada aparece inscrita a data de 1738, non foi ata 1744 cando se completou.

Finalizadas as obras leváronse a cabo diversas intervencións no edificio, sendo a máis destacada a construción da torre do reloxo, obra do arquitecto Nemesio Cobreros e Cuevillas. As obras do reloxo comezaron en 1873 e finalizaron ao ano seguinte. A entrada en funcionamento do reloxo coincidiu co paso da procesión do Corpus pola praza maior poñendo de manifesto as rivalidades entre o poder civil e o eclesiástico.