Portal:Historia/Artigo destacado/11
A batalla de Xutlandia (alemán: Skagerrakschlacht) foi unha batalla naval que enfrontou á Grand Fleet da Royal Navy (que tamén incluía barcos e persoal individual da Royal Australian Navy e a Royal Canadian Navy) contra a Hochseeflotte da Kaiserliche Marine durante a Primeira Guerra Mundial. A batalla tivo lugar entre o 31 de maio e o 1 de xuño de 1916 no mar do Norte preto de Xutlandia, Dinamarca. Foi a meirande batalla naval e o único enfrontamento a gran escala do conflito. Foi o terceiro encontro entre acoirazados de aceiro, tras as máis pequenas, pero tamén máis decisivas batallas do Mar Amarelo (1904) e de Tsushima (1905) durante a guerra ruso-xaponesa.
Tralo fin da batalla, ámbalas dúas partes reclamaron a vitoria. Os británicos perderon máis barcos e o dobre de mariñeiros, e a prensa do país criticou o fracaso da Grand Fleet para forzar un resultado decisivo, pero o plan de Scheer de destruír unha parte substancial da frota británica tamén fracasou. A "frota en potencia" alemá continuaba sendo unha ameaza, requirindo aos británicos manter os seus acoirazados concentrados no mar do Norte, pero a batalla confirmou a política xermana de evitar calquera contacto entre frotas. Ao final do ano, despois de máis infrutuosos intentos de reducir a vantaxe numérica da Royal Navy, a Kaiserliche Marine volveu os seus esforzos e recursos á guerra submarina sen restricións coa destrución de barcos aliados e neutrais, o que levaría en abril de 1917 á entrada dos Estados Unidos no conflito.