Portal:Cine/Cabezallo
O cine, cinema, abreviaturas de cinematógrafo ou de cinematografía (do grego κινή kinē ou κίνημα kinēma, "movemento", e γράφω graphō "escribir", "gravar") é unha arte, un espectáculo e unha industria que apareceu a finais do século XIX froito dos avances tecnolóxicos que se desenvolveron no mundo da óptica ao longo do mesmo. Foi presentado ao público o 28 de decembro de 1895 en París polo cinematógrafo dos irmáns Lumière, un dispositivo que nos seus comezos servía de cámara para o rexistro de imaxes e de proxector para unha audiencia colectiva. Ao longo de 1896 difundiuse polas cidades europeas e norteamericanas. Anos antes no laboratorio de Edison nos Estados Unidos, Edison e W. K. L. Dickson (un empregado seu) desenvolveran o quinetoscopio e o kinetógrafo, un proxector individual e unha cámara respectivamente. En esencia o cinema consiste na filmación dunha serie de imaxes fixas -fotogramas- que ao proxectarse reproducen a sensación de movemento. No cine mudo o número de fotogramas oscilaba entre 15 e 18 por segundo, e no cine sonoro pasaron a ser 24. Durante moito tempo afirmouse que iso se debía á persistencia retiniana, unha característica do ollo que fai que a imaxe permaneza na retina durante unha fracción de segundo, pero agora sospéitase que o proceso é moito máis complexo. Un dos fenómenos fisiolóxicos que o explicarían sería o chamado efecto phi, segundo o cal é o cerebro, e non a retina, quen reconstrúe o movemento a partir de imaxes en movemento. A característica principal do cine no seu nacemento foi a súa capacidade para captar e reproducir a imaxe en movemento. Isto producirá grande impacto nos primeiros espectadores, que se sorprenden e se asustan coa proxección da chegada do tren que se achega cara a eles nunha das primeiras películas dos irmáns Lumière (aínda que esta anécdota parece ser máis unha lenda que unha realidade). |