Portal:A Coruña/Lugar de interese/3

O Paseo marítimo da Coruña é o paseo marítimo urbano máis longo de Europa, cos seus máis de 13 quilómetros continuos á beira do mar, percorrendo toda a faixa costeira do concello exceptuando as zonas das Xubias e a zona portuaria. A apertura do último tramo do Paseo Marítimo revelou unha cara descoñecida da cidade, que permite admirar camiñando a forza e inmensidade do Océano Atlántico.

As orixes do actual paseo marítimo remóntanse aos proxectos de principios do século XX dun paseo, vía de circunvalación da península coruñesa. No Plan Cort de 1945 propúxose unha estrada dende San Roque pola costa pasando pola Torre de Hércules ata o Porto, mais non se chegou a realizar este proxecto. En 1948 no Planeamento de Alineacións volve falarse deste proxecto. En 1956 xa en vigor a Lei do Solo apróbase o Plan Xeral de 1967 concretando un vial sen prioridade peonil. O Plan de Ordenación Urbana de 1985 fixaba plans de protección, conservación e mellora na zona do actual paseo. Nos inicios dos anos 1990 comeza o coñecido como "proxecto Bofill" baseado principalmente en intervencións na zona portuaria.

O paseo foi construído polo Porto da Coruña, Concello da Coruña, Demarcación de Costas do Estado e Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Obras Públicas e Medio Ambiente (Ministerio de Fomento). O paseo fíxose por partes inconexas entre elas.