Políptico do Convento de San Francisco de Évora

O políptico do convento de San Francisco de Évora (en portugués: 'Políptico do Convento de São Francisco de Évora') era un políptico de dezaseis pinturas ó óleo sobre madeira de carballo feito de 1508 a 1511, e trátase probabelmente dunha obra colectiva con participación prominente do artista flamengo Francisco Henriques. Do Políptico, que decorou o altar da Igrexa do Convento de San Francisco, en Évora, restan actualmente once paneis no Museo Nacional de Arte Antiga de Lisboa, catro paneis na Casa dos Patudos, en Alpiarça, e un panel atópase desaparecido.[2][3]

Reconstitución do Políptico do Convento de San Francisco de Évora (1508-1511, 552 cm x 530 cm), de Francisco Henriques e outros, que decorou o altar mor do Convento de San Francisco de Évora, coas imaxes de doce paneis existentes no Museo Nacional de Arte Antiga e na Casa dos Patudos, faltando as imaxes dos tres paneis que están na Casa dos Patudos, e téndose perdido un dos paneis.[1]

Características editar

O conxunto dos dezaseis paneis do políptico do convento de San Francisco de Évora estaría organizado en catro secuencias horizontais que posibilitarían unha lectura horizontal, pero tamén vertical. Na fileira superior estarían as catro pinturas do ciclo da Paixón de Cristo, ó redor dun Calvario en relevo coa imaxe de San Francisco. Inmediatamente abaixo, ao lado da escultura da Virxe María, atopábase a fila dedicada á Natividade de Xesús. Abaixo desta, atopábase o ciclo dos santos da Orde dos Frades Menores (onde falta un dos cadros) e que tería como referencia central unha escultura do fundador da Orde, Francisco de Asís, e finalmente, a predela constituída por pinturas alusivas a temas eucarísticos e co Sagrario ó centro.[4]

O Políptico do Convento de San Francisco de Évora apoiábase nunha estrutura de talla da autoría de Olivier de Gand datada de 1508-9 cuxo deseño foi aprobado polo propio rei Manuel I. A estrutura de talla foi avaliada en 1509 polos mestres carpinteiros reais Garcia Leal e José Leal, estando practicamente completada e pronta a recibir as pinturas. Cando esta avaliación foi elaborada, foi indicado o conxunto de esculturas que serían colocadas na fronte das pinturas. Así, de baixo para cima, estarían primeiro o Sagrario, e despois a representación de Estigmatización de San Francisco de Asís, a Virxe María, e por último o Calvario.[4]

Non obstante a escaseza de documentos sobre a configuración do retablo, non hai dúbidas de que esta obra -asemade de ebanistería, escultura e pintura- ben encadrada na ábsida da capela mor da Igrexa de San Francisco e moi beneficiada pola iluminación das xanelas laterais, conseguiu alcanzar un impacto visual impresionante.[5] E a presenza de Francisco Henriques durante case dous anos en Évora non debe ter pasado desapercibida ós mellores pintores alí residentes, sendo de admitir que a calidade do autor ou dos autores, asociada a unha das máis importantes encomendas rexias da época, congregase a atención dos artistas que entón facían carreira na cidade como Afonso Álvares, Pedro Vaz, Sebastião Lopes, Afonso Lopes e Diogo Fernandes.[5]

Notas editar

  1. Imagens e Histórias de devoção. Espaço, Tempo e Narrativa na Pintura Portuguesa do Renascimento (1450-1550) (tese de doutoramento en Ciencias da Arte) (en portugués). Conforme Reynaldo dos Santos, citado por Fernando Baptista Pereira, policopiado. Facultade de Belas Artes da Universidade de Lisboa. 2001. p. 55. 
  2. Dagoberto Markl e Fernando A. Baptista Pereira (1986). "A pintura num período de transição". História da Arte em Portugal (en portugués). VI: "O Renascimento". Lisboa: Alfa. p. 101-102. 
  3. MatrizNet (ed.). "Cristo no Horto" (en portugués). Consultado o 24 de febreiro de 2018. 
  4. 4,0 4,1 MatrizNet (ed.). "São Bernardino de Siena e Santo António" (en portugués). Consultado o 24 de febreiro de 2018. 
  5. 5,0 5,1 Bilou, Francisco (2014). A Igreja de São Francisco e o Paço Real de Évora (en portugués). Edições Colibri. p. 71-72.