Praza de Cibeles

(Redirección desde «Plaza de Cibeles»)


A praza de Cibeles é unha praza da cidade de Madrid, situada na intersección da rúa de Alcalá (que a cruza de oeste a leste) co paseo de Recoletos (ao norte) e o paseo del Prado (ao sur). Este lugar, un dos máis simbólicos da capital, divide os límites dos distritos Centro, Retiro e Salamanca.

Praza de Cibeles
Vista da praza de Cibeles, coa fonte no centro e o Palacio de Comunicacións, sede da Alcaldía, detrás.

No centro do recinto, sitúase a soada fonte de Cibeles, esculpida no ano 1782, a partir dun deseño de Ventura Rodríguez. Cada unha das catro esquinas da praza está presidida por edificios emblemáticos, construídos entre finais do século XVIII e principios do XX. O Palacio de Buenavista ou Cuartel Xeral do Exército, que data de 1777, é o máis antigo de todos eles. Sitúase no ángulo noroccidental, enfrontado ao Palacio de Linares ou Casa de América, que se alza sobre o nororiental. Pola súa banda, o Palacio de Comunicacións, sede da Alcaldía de Madrid desde o ano 2007, esténdese sobre o extremo sueste e o Banco de España sobre o suroeste.