O peronismo ou xusticialismo é un movemento político arxentino xurdido a mediados da década de 1940 arredor da figura de Juan Domingo Perón e un considerábel número de sindicatos. Dende o seu xurdimento tivo unha importante influencia na política da Arxentina.

Juan Domingo Perón, fundador do movemento peronista, xunto á súa muller Eva Duarte.

Na súa forma partidaria, organizouse primeiro como Partido Laborista, logo como Partido Peronista, renomeado posteriormente como Partido Xusticialista. En 1949, dous anos despois de ser sancionada a lei de sufraxio feminino, o peronismo organizouse tamén no Partido Peronista Feminino, fundado por Eva Perón e integrado só por mulleres, que foi disolto pola ditadura cívico-militar instalada en 1955. Tradicionalmente, a súa organización realizouse en base a tres “pólas” (política, sindical e feminina), ás que a partir dos anos 1970 se engadiu a Xuventude Peronista.

A denominación alternativa de “xusticialismo” provén da importancia concedida por este movemento á xustiza social. En 1952 o art. 3° da lei 14 184 definiu "como "doutrina nacional", adoptada polo Pobo Arxentino, a doutrina Peronista ou Xusticialismo".[1] A oposición ao peronismo xerou un movemento inorgánico de grande influencia política, coñecido como antiperonismo.[2] O movemento peronista abrangue unha serie de correntes diversas non de todo precisas nin constantes ao longo da historia, ás veces enfrontadas, mesmo electoralmente. Entre as correntes principais peronistas poden identificarse o «peronismo ortodoxo», o neoperonismo, o «peronismo revolucionario» ou «la Tendencia», o «peronismo sindical», o «menemismo», o «kirchnerismo» e o peronismo disidente ou Peronismo Federal.

Entre 1946 e 2019, o peronismo gañou dez eleccións presidenciais: 1946 (Perón), 1951 (Perón), as dúas de 1973 (Cámpora e Perón), 1989 (Menem), 1995 (Menem), 2003 (Kirchner), 2007 (Fernández de Kirchner), 2011 (Fernández de Kirchner) e 2019 (Fernández), e perdeu as eleccións de 1983, 1999 e 2015. Foi derrocado dúas veces por golpes de Estado militares, en 1955 e 1976, e declarado ilegal pola ditadura autodenominada Revolución Libertadora instalada en 1955, manténdose a prohibición até 1972 e para Perón até 1973.

  1. "LEY APROBATORIA DEL SEGUNDO PLAN QUINQUENAL" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 06 de agosto de 2021. Consultado o 6 de agosto de 2021. O texto completo do artigo é: "Aos efectos dunha correcta interpretación e efectiva execución da presente lei, defínese como "doutrina nacional", adoptada polo Pobo Arxentino, a doutrina Peronista ou Xusticialismo, que ten como finalidade suprema acadar a felicidade do Pobo e a grandeza da Nación, mediante a Xustiza Social, a Independencia Económica e a Soberanía Política, harmonizando os valores materiais cos valores espirituais, e os dereitos do individuo cos dereitos da sociedade. 
  2. Ciria, Alberto (13 de agosto de 2011). "Peronismo y antiperonismo". El ruido de las nueces. Arquivado dende o orixinal o 8 de febreiro de 2015. Consultado o 28 de xaneiro de 2015. 

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar