Perfil topográfico

Exemplo dun perfil topográfico obtido a partir dun mapa de curvas de nivel.

Un perfil topográfico ou corte topográfico é unha representación do relevo do terreo que se obtén cortando transversalmente as liñas dun mapa de curvas de nivel ou mapa topográfico. Cada curva de nivel pode definirse como unha liña pechada que une puntos do relevo situados a igual altura sobre o nivel do mar.[1] Debúxase xeralmente na mesma escala horizontal que o mapa, mais a utilización dunha escala vertical realzada ou esaxerada é ás veces aconsellable para subliñar os elementos do relevo. Isto pode variar segundo a inclinación e amplitude do relevo terrestre, pero adoita ser de tres a cinco veces a escala horizontal.

Unha serie de perfís paralelos, tomados a intervalos regulares nun mapa, pode combinarse para proporcionar unha visión tridimensional máis completa da área que aparece no mapa topográfico. Grazas á informática, poden realizarse modelos tridimensionais máis sofisticados da paisaxe a partir de datos dixitais do terreo.

A liña do plano definida polos puntos que limitan o perfil chámase directriz e a liña horizontal de comparación sobre a que se constrúe o perfil, base.[2]

AplicaciónsEditar

Unha das aplicacións máis importantes dos perfís ou seccións verticais é na construción de obras de gran lonxitude e pouca anchura, por exemplo estradas, sumidoiros e oleoductos.[2]

Ás veces inclúense perfís topográficos escollidos nos mapas impresos, como os que se deseñan para as rutas ou rumbos de navegación, as escavacións e, especialmente, para os mapas xeolóxicos, onde se utilizan para mostrar a estrutura interna das formacións rochosas presentes nun territorio.

As persoas que estudan os recursos naturais como os xeólogos, xeomorfólogos, edafólogos e estudosos da vexetación, entre outros, constrúen perfís para observar a relación dos recursos naturais cos cambios de topografía e analizar numerosos problemas.[2]

NotasEditar

  1. "ESTUDIO DEL MAPA TOPOGRÁFICO". Madrid: Instituto de Enseñanza Secundaria Morato García. Arquivado dende o orixinal o 26 de xuño de 2012. Consultado o 2 de marzo de 2017. 
  2. 2,0 2,1 2,2 monografias.com, "Perfil Topográfico". Consultado o 25 de abril de 2011.

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar