Un mapa xeolóxico é a representación sobre un plano topográfico dos accidentes xeolóxicos que afloran na superficie terrestre. Sn o resultado da proxecciónsobe u plano normqalmente topográfico os valores de extensión dos materiais e agrupación de materias xeolóxicos e das relacións xeolóxicas entre eles, ofrecendo información da zona superficial ou subsuperficial.[1] As diferentes rochas ou as formacións xeolóxicas e as súas idades represéntanse mediante unha trama de cores que as identifican. No mapa xeolóxico tamén se representan as deformacións sufridas polas estruturas xeolóxicas tales como fallas, dobras ou foliacións. Estas estruturas, do ámbito da tectónica, represéntanse no mapa con diferentes símbolos que xunto coa trama de cores son explicados na lenda.

Mapa das provincias xeolóxicas do mundo.
Mapa xeolóxico de Galicia mostrando a súa litoloxía.

Orixinalmente foron desenvolvidos para aplicar o estudo das ciencias xeolóxicas en traballos de campo, e os mapas xeolóxicos son hoxe ferramentas de traballo que permiten o desenvolvemento de proxectos de exploración e produción de hidrocarburos como o petróleo e o gas natural, minerais e auga, entre outros. Un dos primeiros xeólogos en crear un mapa xeolóxico foi o inglés William Smith.

Técnicas de mapeo editar

 
Xeólogos tomando notas durante unha xeira de campo na comisión xeolóxica Nº 3, YPF S.E.
 
Símbolos de representación de diferentes tipos de dobramentos nos mapas xeolóxicos.

Mapa de campo e fotografía aérea editar

A fotografía vertical desde un helicóptero utilízase a miúdo para relevar un terreo que se quere estudar xeoloxicamente. Estas fotografías ensámblanse logo e contrástanse co mapa da zona. Esta nova información que se agrega sobre o mapa permite observar elevacións do terreo, e como se relacionan entre si (a que distancia se encontran as formacións etc).

Notas de campo editar

As notas de campo son as observacións directas que se fan nas xeiras de exploración. O xeólogo apunta nun caderno o que observa no terreo, información que logo tamén servirá para completar a construción do mapa xeolóxico.

Simboloxía do mapa editar

Os mapas xeolóxicos, para a súa correcta interpretación, incorporan unha lenda na que se describen os símbolos e cores que aparecen no mapa xunto cunha explicación do seu significado. En ocasións adoita incluír columnas estratigráficas e cortes xeolóxicos.

Mostras editar

No traballo de campo o xeólogo recolle mostras das diferentes formacións rochosas que afloran en superficie. Nun primeiro momento realiza un recoñecemento visual que se complementará posteriormente cun estudo microscópico que determine a composición mineral e textura de cada mostra. O obxectivo final é clasificar correctamente as formacións litolóxicas que se representarán no mapa.

Fotografía editar

A fotografía, feita sobre o terreo ou aérea, é unha ferramenta de gran valor para a realización de mapas xeolóxicos, xa que axuda a comprender o terreo sobre o que se está traballando.

Historia editar

 
O famoso mapa xeolóxico de Smith.
 
Mapa xeolóxico de Colombia, Ecuador e Venezuela en 1890.

O mapa xeolóxico máis antigo que se preserva a día de hoxe é o Papiro das minas (1150 a. C.) do Antigo Exipto exposto no Museo Exipcio de Turín. Mostra a distribución local de diversos tipos de rocha e as súas características litolóxicas na rexión mineira do uadi Hammamat. Tamén contén información sobre diversas canteiras, minas de ouro e pozos de auga. Foi preparado para unha expedición de Ramsés IV.[2] Tamén na Grecia antiga hai esbozos de mapas xeolóxicos utilizados na construción de canais.[1]

A partir do século XVII iníciase o desenvolvemento dos mapas xeolóxicos modernos, que van pasando sucesivamente por varias etapas: primeiro aparecen mapas xeognósticos que representan a litoloxía e minerais de interese mineiro, despois mapas cronolóxicos, que representan a idade dos materiais, mapas estruturais, que incluían información estrutural, especialmente das zonas pregadas montañosas, e mapas nacionais e rexionais, que pretendían coñecer ben os recursos naturais dun país para a súa posible explotación, e mapas temáticos sobre aspectos determinados de interese.[1]

Un dos primeiros mapas xeolóxicos data de 1771 e ten o longo título de "Mapa de parte de Auvernia, ou figuras das correntes de lava nas cales os prismas, bólas etc. están feitos de basalto. Para ser usado coas teorías do Sr. Demarest deste duro basalto. Gravado por Messr. Pasumot e Daily, enxeñeiros xeolóxicos do Rei." Este mapa está baseado no estudo detallado feito en 1768 por Nicolas Desmarest da xeoloxía e historia eruptiva dos volcáns da rexión de Auvernia e unha comparación coas columnas da escaleira dos xigantes de Irlanda, na que se identificaban tanto sitios destacados coma características dos volcáns extintos. O informe de 1798 foi incorporado ao compendio a Real Academia da Ciendia francesa de 1771.

Entre os primeiros mapas xeolóxicos da Modernidade, está o dos Estados Unidos,[3] elaborado en 1809 por William Maclure. O primeiro mapa xeolóxico de Gran Bretaña foi creado por William Smith en 1815.[4]

En España o mapa xeolóxico nacional elabórao o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME). As súas orixes parten da «Comisión para a Carta Xeolóxica de Madrid e Xeral do Reino», fundada por Isabel II de España no ano 1849. Entre 1873 e 1910 pasou a denominarse «Comisión do Mapa Xeolóxico de España» e desde 1910 recibiu o nome de «Instituto Xeolóxico de España».[5] Durante uns anos, entre 1988 e 2001, denominouse «Instituto Tecnolóxico Xeomineiro de España» (ITGE).[5] Hoxe denomínase Instituto Xeolóxico e Mineiro de España.

O Mapa petrográfico do Reino de Galicia publicouse en 1835 e foi o primeiro de España desas características. Foi obra do enxñeiro de minas Guillermo Schultz ao servizo do Instituto Xeolóxico e Mineiro de España. Esa obra serviu de base para a elaboración 130 anos despois do mapa xeolóxico de Galicia actual, de Isidro Parga Pondal. Este fundou en 1940 o Laboratorio xeolóxico de Laxe, que fixo importantes contribucións ao coñecemento da xeoloxía de Galicia.

En América do Sur, un dos primeiros mapas xeolóxicos foi o realizado en 1907, formando parte dun informe sobre o descubrimento de petróleo na Arxentina.[6][7]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 J.A. Martínez Álvarez. Mapas grológicos. Eplicación e interpretación. Edit. Paraninfo. Madrid. (1991). Páxina 17, 92 e ss. ISBN 84-283-1795-X.
  2. Harrell, J.A.; Brown, V.M. (1992a). "The world's oldest surviving geological map - the 1150 BC Turin papyrus from Egypt". Journal of Geology (100): 3–18. 
  3. Maclure, William (1817). Observations on the Geology of the United States (en inglés). Filadelfia. 
  4. Simon Winchester, 2002, The Map that Changed the World, Harper-Collins ISBN 0-06-093180-9
  5. 5,0 5,1 IGME: Historia.
  6. Salas, Horacio (2007). León Goldstein, ed. Centenario del Petróleo argentino 1907-2007 (en castelán). Buenos Aires: Instituto Argentino del Petróleo y el Gas (IAPG). p. 208. ISBN 987-9139-44-5. 
  7. * Gadano, Nicolás (2006). "Historia del Petróleo en la Argentina: 1907 - 1955: Desde los inicios hasta la caída de Perón." 1: 712. Arquivado dende o orixinal o 06 de xuño de 2012. Consultado o 20 de xullo de 2018. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar