Abrir o menú principal

Pelecanus schreiberi

Pelecanus schreiberi
Rango fósil: Plioceno Temperán
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Pelecaniformes
Familia: Pelecanidae
Xénero: Pelecanus
Especie: P. schreiberi
Nome binomial
Pelecanus schreiberi
Olson, 1999[1]

Pelecanus schreiberi é un pelicano fósil descrito por Storrs Olson que data do Plioceno Temperán (hai de 5,3 a 3,6 millóns de anos) atopado en depósitos da Formación Yorktown de Carolina do Norte, Estados Unidos. Era unha especie de gran tamaño con características distintivas que suxiren que representa unha liñaxe extinta que non deixou descendentes vivos. O seu nome específico conmemora a Ralph W. Schreiber (1942–1988), un antigo curador de aves no Natural History Museum of Los Angeles County e unha grande autoridade en pelicanos.[1]

Foi recollido en 1972 por Gerard R. Case dunha mina ao sur de Pamlico River preto de Aurora, Carolina do Norte. O holotipo é un terzo inferior dun fémur dereito dunha femia en época de nidación. Esta última característica ponse en evidencia pola densidade do tecido de óso medular, xa que é unha característica que tamén se observa en femias de pelicanos vivos en época de poñer ovos. As características do fémur permiten clasificalo como pelicano, pero é un pelicano bastante diferente das especies vivas. Xunto co fémur tamén se atoparon algúns ósos do pé (falanxes). Ademais, atopáronse un óso cadrado incompleto e unha vértebra axe sen apófise espiñosa procedente dunha mina de Polk County no centro de Florida, que son provisoriamente considerados desta mesma especie. Estes restos proceden da Formación de Bone Valley, de practicamente a mesma idade que a Formación Yorktown.[1]

Esta femia é de aproximadamente o mesmo tamaño que os maiores individuos dos actuais Pelecanus onocrotalus ou Pelecanus crispus, polo que o macho debía de ser aínda meirande, posiblemente o maior fósil de pelicano nunca rexistrado, rivalizando só con restos subfósiles dun pelicano de Nova Zelandia que foi descrito como unha subespecie do pelicano australiano (Pelecanus conspicillatus) e unha misteriosa especie do Mioceno tardío, Pelecanus odessanus, atopada en Ucraína.[1]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Olson, Storrs L. (1999). "A new species of pelican (Aves: Pelecanidae) from the Lower Pliocene of North Carolina and Florida" (PDF). Proceedings of the Biological Society of Washington 112 (3): 503–509.