Paz de Alfredo e de Guthrum
A Paz ou Tratado de Alfredo e Guthrum foi un acordo asinado entre Alfredo o Grande, rei de Wessex, e Guthrum, gobernante viquingo de Anglia Oriental. Non se coñece de certo cando se asinou pero, debeu de ser entre 878 e 890. Este tratado é un dos poucos documentos existentes sobre o reinado de Alfredo. Está conservado en inglés antigo no manuscrito 383 que se atopa no Colexio Corpus Christi da Universidade de Cambridge, e nunha recompilación en latín coñecida como Quadrapartitus.
O Texto
editarO documento comeza cun prólogo, resumindo que se trata dun tratado entre "o rei Alfredo e o rei Guthrum e todos os conselleiros ("Witenagemot" ou "witan") das razas inglesas e todas as xentes de Anglia Oriental".
O primeiro punto é o máis famoso: "Primeiro en relación coas nosas fronteiras: ao norte do Támesis e ao norte do río Lea e, até o nacemento deste, continuando en liña recta até Bedford e entón ao norte do río Ouse até Watling Street." Esta parte do documento fixo pensar a moitos que esas fronteiras eran as de Danelaw. Con todo, non se menciona nada acerca diso e parece tratarse dunha fronteira principalmente política xurdida, quizais, por mor da conquista de Londres por parte de Alfredo.
Na segunda parte aumentábase o valor do wergeld a cantidades que non eran de esperar en condicións normais: "Isto é o próximo, se un home é asasinado, todos nós, ingleses e daneses, deberemos pagar a mesma cantidade: oito medio-marcos de ouro refinado, agás se se trata dun home libre ("ceorl") que ocupa terras suxeitas a unha renda, e as súas (dos daneses) homes libres; a suma de ambos está estimada en 200 xilins". No Tratado, como notaron Simon Keynes e Michael Lapidge, un home libre que vive nas súas propias terras é tratado esencialmente como un nobre. Simon e Michael argumentan que o prezo da compensación é moi alto. De acordo con Paul Kershaw, isto presenta dous problemas: primeiro, que asume premeditación; segundo, que ao facer o valor da compensación demasiado alto, o Tratado puido en realidade actuar como disuasorio para lograr acordos pacíficos. Kershaw argumenta en cambio que isto non foi máis que unha mera simplificación da estrutura social existente ao longo da fronteira: as estruturas sociais anglosaxoas e as de Danelaw non tiñan que ser necesariamente similares. Por tanto, esta simplificación puido ser a única vía que atoparon para avanzar no acordo.
A terceira parte expón as regulacións achega do número de xuramentos que son requiridos a un demandante, persoa que interpón unha demanda xudicial, e a un demandado en caso de homicidio involuntario.
A cuarta estipula que un home debe coñecer á persoa que o avala cando compra escravos, cabalos ou bois.
A quinta expón as maneiras nas que ingleses e daneses podían interactuar. "E todos nós acordamos neste día tras os xuramentos realizados, que ningún escravo nin ningún home libre poderá unirse, sen permiso, ao exército dos daneses, do mesmo xeito que ningún danés ao noso. Pero, se ocorrese que, debido á necesidade, algún deles quixese comerciar connosco, ou nós con eles, xa sexa con gando ou mercadorías, está permitido facelo pero coa condición da entrega de reféns como promesa de paz e como evidencia de que non se espera ningunha fraude".
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- English Historical Documents c.500-1042, D. Whitelock, (Eyre and Spottiswoode, 1955)
- Simon Keynes and Michael Lapidge, Alfred the Great: Asser's Life of King Alfred and Other Contemporary Sources, (Penguin, 1983)
- Paul Kershaw, 'The Alfred-Guthrum Treaty' in Cultures in Contact: Scandinavian Settlement in England in the Ninth and Tenth Centuries. ed. D.M. Hadley & J.D. Richards, (Brepols, 2000)
- Patrick Wormald, The Making of English Law: King Alfred to the Twelfth Century, vol. 1, (Blackwell, 1999)
- Medieval Sourcebook: Alfred and Guthrum's Peace Arquivado 14 de maio de 2008 en Wayback Machine.