Patricia Fernández Goberna
Patricia Fernández Goberna, nada en Donostia o 14 de febreiro de 1957 e finada en Madrid o 27 de setembro de 2016, foi unha cantante española. Fíxose coñecida como cantante do grupo Trigo Limpio, co que obtivo grandes éxitos e co que representou a España no Festival de Eurovisión de 1980. Posteriormente tivo unha carreira en solitario co nome artístico de Patt Governa.
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 14 de febreiro de 1957 Donostia, España |
Morte | 27 de setembro de 2016 (59 anos) Madrid, España |
Actividade | |
Ocupación | cantante |
Membro de | |
Familia | |
Pai | Pahiño |
Irmáns | Nacho Fernández Goberna |
Foi filla do histórico futbolista galego Pahiño e irmá de Nacho Fernández Goberna, cantante e compositor de La Dama se Esconde.
Traxectoria
editarNaceu en Donostia, sendo filla de Pahiño, histórico futbolista de Celta de Vigo, Real Madrid e Deportivo da Coruña, e de Inés Goberna.[1] Seu tío Eduardo Goberna foi tamén futbolista do Deportivo da Coruña.[2] Ao rematar o bacharelato formou xunto a unha amiga o dúo Sunrise, co que gañaron o premio de dúos nun festival de músicos da provincia de Guipúscoa.[3] Con todo, a amiga deixou o dúo, polo que Patricia entrou no grupo Senda, que gravou un só LP, Llamo a la juventud, antes de disolverse.
Púxose a estudar arte e decoración e en 1979 recibiu a chamada de Carlos Gil para ofrecerlle o posto de cantante feminina en Trigo Limpio, despois da marcha de Amaya Saizar.[3] Con este trío participou ao ano seguinte no Festival de Eurovisión, quedando na 12ª posición de 19 participantes,[4] e gravaron 16 discos, acadando gran fama en América Latina, onde pasaban grandes tempadas.
A finais de 1987 deixou o grupo e regresou a España, onde comezou unha carreira en solitario co nome de Patt Governa, gravando dous álbums.[5][6] Traballou tamén na radio e no teatro, e colaborou coa cupletista Olga María Ramos.[5] Nos seus últimos anos formou un grupo musical xunto á súa filla Isis, chamado Isis & the Momster.[7]
Notas
editar- ↑ "Fallece Pahíño, el gran rebelde del fútbol español". Faro de Vigo (en castelán). 13 de xuño de 2012. Consultado o 24 de maio de 2021.
- ↑ "Pahiño, en La Coruña". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de xullo de 1957. p. 4.
- ↑ 3,0 3,1 Martín, María Ángeles (13 de abril de 1980). "«Trigo limpio»: Tres vocaciones musicales para Eurovisión". La Voz de Galicia (en castelán). p. 40.
- ↑ "Eurovision 1980". eurovisionworld.com (en inglés). Consultado o 24 de abril de 2021.
- ↑ 5,0 5,1 "Entrevista a Patricia Fernández Goberna" (en castelán). Consultado o 24 de maio de 2021.
- ↑ "Mirela Cabero y Patricia Fernández, primeras invitadas al XXI Congreso de AEV" (en castelán). 27 de novembro de 2012. Consultado o 24 de maio de 2021.
- ↑ "Ha fallecido Patricia Goberna, miembro de Trigo Limpio (España 1980)" (en castelán). 29 de setembro de 2016. Consultado o 24 de maio de 2021.
- ↑ "Fallece Patricia Fernández, solista del grupo Trigo Limpio" (en castelán). 28 de setembro de 2016. Consultado o 24 de maio de 2021.