O panasianismo é unha ideoloxía que promove a unidade política e económica e a cooperación dos pobos asiáticos. Propuxéronse varias teorías e movementos do panasiático, concretamente do leste, sur e sueste asiático. A motivación do movemento foi a resistencia ao imperialismo e colonialismo occidentais e a crenza de que os "valores asiáticos" deberían primar sobre os "valores europeos".[1]

Panasianismo xaponés

editar
 
Retrato de Tōkichi Tarui (1850-1922)

Na súa orixe, o panasianismo xaponés postulaba a idea de que os pobos asiáticos partillaban un mesmo patrimonio, polo que debían colaborar para defendérense das potencias coloniais occidentais. Porén, o foco deste movemento estaba nos territorios do leste asiático, con referencias ocasionais ao resto das rexións de Asia.[2]

Os seus principais ideólogos foron Tōkichi Tarui (1850-1922), quen apoiou a sindicación unificada en Xapón e Corea para cooperar na defensa contra os países europeos, e Kentaro Oi (1843-1922), que tentou impulsar reformas sociais en Corea e establecer un goberno constitucional no Xapón. O pensamento panasianista nipón popularizouse grazas á derrota de Rusia na guerra ruso-xaponesa (1904-1905). Entre as figuras interesadas nesta corrente, están os poetas da India Rabindranath Tagore e Sri Aurobindo, así como o político chinés Sun Yat-sen.

O crecente interese oficial no resto de Asia manifestouse no establecemento de centros de estudos hindús, por exemplo. En 1899, a Universidade Imperial de Tokyo creou unha cátedra de sánscrito e kawi, así como unha de relixión comparada en 1903. Neste contexto, houbo unha afluencia de estudante hindús en Xapón a comezos do século XX, que fundaron a Asociación de Mozos Orientais en 1900. Os seus actos políticos en contra dos británicos valéronlles a condena do goberno indio.

Pola súa banda, o erudito e crítico de arte Okakura Kakuzō (1863-1913) tamén gabou a superioridade dos valores asiáticos tras a vitoria xaponesa na devandita guerra contra Rusia. Nas súas palabras:[3]

Asia é unha. A cordilleira do Himalaia divide dúas poderosas civilizacións: a chinesa co seu comunismo confuciano, e a india co seu individualismo védico. Pero nin sequera esta barreira nevada pode interromper por un intre a vasta expansión do amor polo último e o universal, que é a herdanza común do pensamento de toda a raza asiática, e que lles permitiu producir todas as grandes relixións do mundo, distinguíndoos das xentes mariñeiras do Mediterráneo e do Báltico, que adoran habitar o particular e procurar os medios, non a fin, da vida.
Okakura Kakuzō (1903), The Ideals of the East, with Special Reference to the Art of Japan[4]

Non obstante, o panasianismo nipón evolucionou cara unha ideoloxía máis nacionalista que priorizaba os intereses do Imperio do Xapón. Esta tendencia fíxose evidente co crecemento de sociedades secretas como a Sociedade do Océano Escuro ou a Sociedade do Dragón Negro, que cometían crimes para afianzar o expansionismo xaponés. Cabe notar a excepción de Ryōhei Uchida (1874-1937), un dos membros da Sociedade do Dragón Negro, que defendía a unión coreano-xaponesa e apoiou as revolucións en China e Filipinas. Por outra banda, os territorios de Asia contemplábanse como fontes de recursos económicos e postos para a ostentación da gloria imperial.[5] Isto reflectíase nas políticas do goberno como o Hakkō ichiu ou a Esfera de Coprosperidade de Asia Oriental.[6] Incluso Okakura criticou o expansionismo posterior á guerra con Rusia, que consideraba equivalente ao expansionismo occidental. Segundo el, o resto de Asia veríaos como "encarnacións do desastre branco".[7][8]

O historiador Torsten Weber comparou estas contradicións coa doutrina Monroe, que se opoñía ao imperialismo europeo ao tempo que fomentaba a expansión do imperialismo estadounidense.[2]

  1. Marita Gilli, L'idée d'Europe, vecteur des aspirations démocratiques: les idéaux républicains depuis 1848 : actes du colloque international organisé à l'Université de Franche-Comté les 14, 15 et 16 mai 1992 (1994).
  2. 2,0 2,1 Weber 2020.
  3. Harper 2021, p. 40.
  4. Okakura 1903, p. 1.
  5. Dollery, Parsons & Spindler 2003, p. 4, 12.
  6. Bix 2000, p. 11.
  7. Okakura 1904, p. 107.
  8. Okakura 2008, p. 7.

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar