Ordenamento xurídico

O ordenamento xurídico (orde xurídica) é o conxunto de normas que rexen nunha determinada época e nun lugar determinado. No caso dos estados democráticos, o ordenamento xurídico está formado pola Constitución do Estado, que se edifica como a norma suprema, polos códigos de dereito público e privado, as leis (nos seus diversos tipos e clases), os regulamentos e outras regulacións menores en cantidade (que non en importancia), tales como os tratados, convencións etc.

Fai referencia a ese dereito obxectivo, é dicir, ao conxunto de normas polas que se rexe unha sociedade. Pódese definir como un conxunto sistemático de regras, principios ou directrices a través das cales se regula a organización da sociedade.

Notas e características

editar

O ordenamento xurídico caracterízase polo seguinte:

  1. Posúe unha estrutura elástica, é dicir, que os seus compoñentes están artellados e seleccionados ben de forma coordinada ou subordinados os uns aos outros
  2. Estrutura dinámica: xa que o ordenamento xurídico establece métodos de renovación.
  3. Posúe un método para detectar erros e contradicións.
  4. É pechado xa que non depende para a súa validez doutros sistemas.

Segundo o profesor Díez Picazo, o ordenamento xurídico é unha realidade orgánica, é dicir, non é un novo conxunto de normas senón que tamén son as formas de elaboración, desenvolvemento, aplicación e axuizamento.

O ordenamento xurídico caracterízase pola estatalidade das normas xa que estas son ditadas polos órganos aos que a constitución atribúe potestade normativa.

Outra característica é a unidade formal do ordenamento xurídico, é dicir, cada tipo de norma en función da súa fonte de produción vai ser igual ás que seguen a súa mesma forma aínda que o contido sexa distinto.

Outra característica do ordenamento xurídico é que é o resultado da harmonización de dúas ou tres ordes normativas: No caso do Estado Español: ordenamento estatal, ordenamento autonómico e ordenamento comunitario. No caso de estados federais como Estados Unidos, Brasil, México ou Canadá: ordenamento xurídico federal e ordenamentos xurídicos das entidades federativas.

Existen polo menos dúas concepcións da orixe do ordenamento xurídico:

  • A corrente normativa,s egundo a cal o ordenamento é un conxunto de normas que se entenden e que se rexen de acordo cunha serie de xuízos de valor, crenzas e conviccións.
  • A corrente institucional establece que o ordenamento xurídico está formado pola sociedade, polos mecanismos que producen aplican e garanten as normas, por todas as institucións e os criterios de aplicación.

O ordenamento xurídico como sistema

editar

Cando unha orde xurídica é un conxunto de normas que interactúan entre si e están interconectadas fálase de sistema xurídico. Segundo o xurista inglés da Universidade de Oxford, Herbert H. Hart, o dereito está formado por dous tipos de regras xurídicas: as regras xurídicas primarias que impoñen obrigas de conduta (por exemplo, a regra segundo a cal é obrigatorio pagar impostos), mentres que as regras xurídicas secundarias confiren potestades para que algunhas persoas introduzan regras primarias (por exemplo, a regra que faculta á Cámara de Deputados a fixar os impostos). Un sistema xurídico é, de acordo con Hart, un conxunto de regras xurídicas primarias e secundarias que goza de certa eficacia.

Límites do ordenamento xurídico

editar
  • Temporal:está contido por normas vixentes nun momento dado.
  • Social: porque este ordenamento dáse entre un grupo social.
  • Material: porque se expresa como normas xurídicas.

Principios

editar

A maioría dos ordenamentos xurídicos contemporáneos baséanse en principios:

  1. Principio de xerarquía normativa.
  2. Principio de temporalidade ou de sucesión de normas, a lei posterior derroga á anterior.
  3. Principio de especialidade, a que prevalece da xeral.
  4. Principio de competencia.
  5. Principio de aplicación analóxica.
  6. Principio de supremacía da Constitución.
  7. Principio de suxeición ao sistema de fontes.
  8. Principio de publicidade normativa.
  9. Principio de estabilidade das normas.
  10. Principio de xeneralidade e permanencia das normas.
  11. Principio de imperatividade.

Clases: Ordenamento simple e complexo

editar
  • Ordenamento Simple: aquel que é propio de cada institución particular, que é coherente e incompleto, xa que necesita estar en conexión cun ordenamento xeral.
  • Ordenamento Complexo: aquel de ámbito xeral composto dun ordenamento base, e polo ordenamento das institucións, este é completo. Este ordenamento xeral, está formado por un conxunto de sistemas e por un conxunto de ordenamentos relacionados en base a 4 principios:
    • Principio de Separación: eses ordenamentos particulares teñen autonomía propia, están relacionados entre si por un vértice común.
    • Principio de Cooperación: Os distintos ordenamentos deben de manter relacións co ordenamento xeral.
    • Principio de Supremacía: o sistema xeral, ten unha posición de superioridade material.
    • Principio de Complementariedade: está en relación co de cooperación.

Plenitude e coherencia

editar

A plenitude do ordenamento xurídico consiste en que, segundo algúns autores, este ten supostamente a propiedade de conter normas para regular todo caso concreto. Hans Kelsen cría que todo sistema xurídico era completo como resultado do principio segundo o cal "o que non está prohibido está permitido". Outros autores, como Carlos Alchourrón e Eugenio Bulygin, consideran que si existen lagoas no dereito.

A coherencia supón que no ordenamento xurídico non existen normas incompatibles entre si. Os ordenamentos xurídico realmente existentes non son totalmente coherente. Por iso é polo que nos atopemos co problema das antinomias.

A lagoa xurídica e os sistemas de solución

editar

A lagoa é unha falta, unha insuficiencia de regulación xurídica dentro do ordenamento.

A doutrina establece, entre outros, dous tipos de lagoas

  • Lagoas de Lei: Significa que non existe unha lei que poida resolver o suposto exposto.
  • Lagoas de Dereito: Non existe nin lei nin costume nin principio que poida resolver ese caso. Xeralmente non están admitida a súa existencia nos ordenamentos occidentais, xa que o xuíz debe resolver en todo caso os asuntos de que coñeza aténdose ao sistema de fontes establecido. Dito doutro modo, cando un suposto litixioso carece de lei que o regule, o xuíz debe resolvelo, "producindo Dereito", a partir dos sistemas que veremos de seguido. As lagoas de dereito son sumamente escasas, pois realmente os principios xerais do dereito están incorporados ao ordenamento xurídico.

Para solucionar a existencia dunha lagoa xurídica, pódese recorrer a dous sistemas:

Sistema de Autointegración

Consiste en solucionar a falta de regulación a través do propio ordenamento xurídico e dentro do ámbito da propia fonte dominante que vai ser a lei.

A analoxía consiste en aplicar a un suposto carente de regulación a solución que o ordenamento dá a un suposto similar.

  • Analoxía de Lei: a aplicación dunha lei ou parte dunha lei, a supostos non previstos nela pero semellantes aos que regula.
  • Analogía de Dereito: a aplicación de principios xerais ao caso non previsto.
Sistema de Heterointegración

Consiste en solucionar a falta de regulación acudindo a outras fontes distintas á dominante, ou acudindo a outros ordenamentos. Neste procedemento destaca a utilización da equidade (a equidade vén significar xustiza, rectitude) e a equidade é a adaptación da norma á complexidade da vida social, e se corresponde co principio de "dar a cada un o que lle corresponde".

Antinomias

editar

Un ordenamento non é coherente cando existe o denominado problema das antinomias ou conflitos de normas. Existe antinomia cando dúas ou máis normas, que pertencen ao mesmo ordenamento imputan ao mesmo caso solucións incompatibles entre si, e que dan lugar a que a aplicación simultánea das normas produza resultados incompatibles e imposibles. Por iso é polo que se teña que elixir entre unhas e outras. Se existe conflito entre unha obrigación e unha prohibición en relación a unha mesma materia hai unha incompatibilidade. Tamén existe contradición entre unha obrigación e permiso negativo e entre prohibición e permiso positivo, sempre que regulen a mesma materia. Segundo o profesor Ros, pode existir antinomia total que é cando existe unha incompatibilidade absoluta, xa que coinciden totalmente os campos de aplicación.

  • Unha incompatibilidade parcial-parcial: cada norma ten un campo adicional de aplicación.
  • Unha incompatibilidade total-parcial: dáse cando o ámbito de aplicación dunha norma está incluído no doutra, pero esta última ten casos adicionais.
Criterio utilizado para resolver as antinomias
  • Principio de Xerarquía Normativa: establece que a norma superior prevalece sobre a inferior.
  • Principio de Cronoloxía ou Temporalidade: supón que toda norma posterior ou de igual ou superior rango derroga á anterior.
  • Principio de Especialidade: supón que a norma especial prevalece sobre a xeral.

Pode ocorrer que para solucionar as antinomias nos atopamos con conflitos de criterio. Cando se dea o conflito entre o criterio xerárquico e o cronolóxico sempre se resolverá a favor do xerárquico (será aplicable a norma superior).

Se o conflito se dá entre o criterio cronolóxico e especial ou entre o especial e o xerárquico, haberá que estudar caso por caso, e será o xuíz quen decida.