O pazo baleiro

obra literaria de Xabier P. DoCampo

O pazo baleiro[1] é unha novela de misterio e de aventuras de Xabier P. DoCampo, editada en 1997 por Edicións Xerais. Foi reeditada varias veces, en 2019 ía pola 16ª edición. A obra inclúese na produción de Xabier P. DoCampo expresamente destinada ao público infantil e xuvenil.

O pazo baleiro
Autor/aXabier P. DoCampo
OrixeGalicia
LinguaGalego
ColecciónSopa de Libros
Xénero(s)Misterio
EditorialEdicións Xerais de Galicia
Data de pub.1997
Páxinas170 (9ª ed.)
ISBN978-84-8302-748-6
editar datos en Wikidata ]

Trama editar

Nicolás, un rapaz de doce anos, vive na vila imaxinaria de Eiravella. Cando comezou a escola, Nicolás só asistiu tres días, xa que o terceiro decidiu, agachándollo a seus pais, marchar e non volver: el pensa que poderá aprender pola súa conta todo canto queira.[2]

Cando Delio (o tío de Nicolás), un reloxeiro que vive nun vello vagón de tren, permite ao sobriño axudar na reparación dun reloxo moi antigo, os dous atopan dentro da súa caixa un dobre fondo que contén tres cartas de amor, un debuxo que representa algo parecido ó sol, un pano cunhas iniciais bordadas que envolve un puñado de alfaias de muller e sete moedas antigas. As cartas fan referencia a liortas familiares e a un obxecto misterioso ó que se denomina, D-S. Delio proponlle a Nicolás que investigue coa axuda dos seus amigos, Ramiro, Sol e Társila.[2]

Todos eles comezan a investigación falando cun anticuario da cidade e despois cunha señora pertencente a unha familia propietaria dun pazo deshabitado de Eiravella. Continúan visitando o pazo para investigar se existen máis cartas e obxectos agochados, pero antes terán que ir falar cos caseiros e tamén cun historiador de Eiravella, o pai de Társila, para (coa escusa de ter que facer un traballo para a escola) coñeceren datos sobre a historia do pazo. Grazas aos datos obtidos por parte do pai de Társila descobren que todos os varóns das familias relacionadas co Pazo levan nomes que comezan por D., mentres que todas as mulleres levan nomes que comezan por S. Descobren tamén que todos e todas casaron con homes e mulleres con estas iniciais, precisamente as que aparecían nas cartas agochadas no reloxo.[2]

Ao entraren no pazo guiados por Celso, o caseiro, coñecen todas as súas dependencias e buscan máis pistas. Nesta primeira visita atoparán escondidos un alfineteiro e un agulleiro con dez alfinetes de ouro e unha mensaxe escrita na tea do alfineteiro. Na segunda visita ao Pazo visitan o xardín pero non atopan nada. Cando os rapaces son incapaces de resolver por onde continuar a investigación, o pai de Társila facilítalles unha árbore xenealóxica da xente do Pazo; así han descubrir quen asinaba as misteriosas cartas.[2]

Decidirán quedar no pazo unha noite, sen que o saiba Celso, pero coa axuda de Delio. Ante a sospeita de que na basta das cortinas podía haber algo, unha vez alí atopan o Deus Solis (D-S), xoia da que falaban as cartas, na torre do Pazo. Antes de que o dean collido aparecéralles unha sombra; é a de Silveiro, o último herdeiro da familia. El vai en busca do mesmo obxecto, que fora a causa de todas as disputas familiares da xente do pazo, xa que todos o desexaban polo seu valor. Por último, cando todos estaban reunidos no vagón, aparece Silveiro reclamando o que lle pertencía.[2]

Personaxes editar

Esta obra ten como protagonista principal a Nicolás. Nun segundo plano encóntrase o seu tío Delio e os seus amigos.

Nicolás ten doce anos. É moi traste e rebelde, pero bo compañeiro e sempre axuda a quen o precisa. Sempre está a preguntar e é moi curioso. Sente admiración polo seu tío Delio (sempre está disposto a prestarlle libros) e polo seu oficio.

Delio é irmán do pai de Nicolás, pero non teñen moi boa relación dende que Delio non asistiu o enterro do pai dos dous. Tras viaxar polo mundo, Delio regresara a Eiravella. Os seus veciños defíneno como raro e de bastante xenio. Vive nun vagón de tren, do que nunca sae, cheo de libros e obxectos estraños. Algún deses obxectos son necesarios para o seu oficio como reloxeiro especializado en reloxos antigos. A pesar de que non lle gustan os rapaces nin se fía deles, con Nicolás fai unha excepción.

Entre os amigos de Nicolás destaca Ramiro, o mellor deles e cómplice da súa decisión de non ir máis á escola deixándolle as súas notas para falsificar. Ramiro, honesto, xusto e nobre, odia mentir porque cre que as mentiras enredan máis as cousas. Sol é, despois de Ramiro, a mellor amiga de Nicolás e xunto con aquel e a única que sabe que Nicolás non vai á escola. É intelixente, leal e decidida, pero nada impulsiva. A súa situación familiar é complicada: está o coidado dos seus dous irmáns e dos labores da casa. Ela e Nicolás gústanse. Társila é a filla de Aurelio, o historiador de Eiravella ao que acoden os rapaces na busca de información sobre o pazo.

Os pais de Nicolás apenas están na casa debido aos seus traballos. A nai adora os concursos da tele e alcuma o seu fillo Eneá dende que viu que nas series americanas chaman os nenos polas iniciais do seu nome. O pai ama o fútbol.

Narrador editar

A obra está contada dende a perspectiva dun narrador omnisciente en terceira persoa que cede a súa voz aos personaxes mediante o diálogo. A narración complétase mediante as cartas de Superia e Silveiro.

Traducións editar

  • Ao catalán por Pau Joan Hernàndez Fuenmayor co título de El pazo buit publicado en 1998 pola Editorial Barcanova, Col. Sopa de Llibres[3].

Notas editar

  1. "Ficha de libro | Editorial Xerais". www.xerais.gal. Consultado o 2019-05-19. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "O pazo baleiro, ficha" (PDF). Consultado o 19-52019. 
  3. Ficha Arquivado 21 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  4. "El pazo vacío - Ed. Anaya" (PDF). Consultado o 19-5-2019. 
  5. Ficha Arquivado 21 de marzo de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  6. "Tradución ao castelán". Arquivado dende o orixinal o 13 de setembro de 2019.