O Couto, Ourense

barrio da cidade de Ourense

Coordenadas: 42°20′26″N 7°52′32″O / 42.340555555556, -7.8755555555556

O Couto é un barrio da cidade de Ourense. Dende o 2014, o Couto pertence a dous dos nove distritos [1] nos que se estableceu que queda distribuída Ourense: o Centro histórico, o Centro, San Francisco-Barrocás-Santa Mariña, San Francisco-A Rabaza-Ceboliño, O Couto-Centro, O Couto-Rural, Mariñamansa, A Ponte-Centro e A Ponte-Rural. En canto a súa localización, o Couto sitúase preto doutras áreas como A Carballeira, A Valenzá, o Centro e Vista Fermosa.

Toponimia editar

A orixe do topónimo é o latín cautum, que é un "(lugar) cercado", para poder defendelo mellor.[2]

Historia editar

O barrio do Couto no ano 1991 contaba con 7 374 habitantes, converténdose así nun dos barrios máis poboados de Ourense, e onde o 34% do total da poboación atopábase activa no ámbito laboral. Segundo os datos de 1996, os habitantes de maior idade (+60 anos) configuraban case o 22% da poboación, mentres que os menores de 20 anos atopábanse arredor do 25% [3]. No ano 2014, caracterizouse por ser unha das zonas ourensás que máis inmigrantes acolleu, procedentes de América do Sur, Europa, África e Asia [4]. No ano 2015, destacou por contar coa idade media máis baixa de Ourense, 45,2 anos; mentres que no centro a cifra ascendía aos 47,6 anos [5].

Patrimonio histórico editar

No Couto sitúase a coñecida Igrexa de Fátima, en honor á Virxe de Fátima e venerada tamén en Portugal. A igrexa comezouse a construír no 1948, con achegas materiais e económicas por parte dos veciños [6], mais as obras non concluíron ata 1962. Aínda así, antes da finalización das mesmas xa se levaban a cabo actos relixiosos. As vidreiras foron deseñadas por Jesús Soria e a virxe por Ferreira Thein [6]. A consagración do templo data do 29 de abril de 1962, pero foi o 13 de maio cando se deu por inaugurado na súa totalidade [6]. Na actualidade, o 13 de maio a virxe da igrexa recorre nunha importante procesión gran parte da cidade de Ourense ata chegar á catedral da cidade, situada no corazón da zona antiga.

Asemade, o Estadio do Couto é outra das construcións máis importantes do barrio. Foi inaugurado o 6 de novembro de 1949, data na que se disputou o partido Unión Deportiva Ourense e o Racing de Ferrol [7]. Dito estadio conta cunha capacidade de 5 659 espectadores, cun campo de herba natural e cunha dimensión de 105x68m. Nun primeiro momento, este era o estadio do equipo ourensán coñecido como Club Deportivo Ourense; no entanto, quedou afundido nun mar de débedas que provocou a liquidación do equipo. Finalmente, membros da Plataforma e os seareiros tomaron a decisión de fundar un novo equipo de fútbol no 2014, a actual Unión Deportiva Ourense e popularmente coñecida como UDO [8]. Neste momento, o estadio é empregado por este último equipo xunto co Ourense Club de Fútbol (o novo nome que adquiriu o equipo Ponte Ourense Club de Fútbol no 2014).

Actualmente, o barrio do Couto conta con dous centros educativos: a escola concertada Colexio Plurilingüe Santo Ángel, e o CEIP-IES O Couto.

Fundición Malingre editar

Manuel Malingre Parmantier foi un belga creador da empresa Fundición Malingre, unha das máis sobresaíntes no século XIX e XX no barrio do Couto, así como na cidade de Ourense en xeral. A fundición tivo a súa primeira localización en Reza, e en 1866 trasladase á rúa Santo Domingo (no centro da cidade). Trinta anos despois, a empresa foi cedida aos seus fillos, os que decidiron trasladala ao Couto [9]. Dita empresa proporcionou moitos postos de traballo e, ao mesmo tempo, propiciou a chegada dunha gran cantidade de persoas procedentes doutras aldeas da provincia. Isto ocasionou que o Couto cobrara moita vida, de tal xeito que a Fundición Malingre era a fonte de ingresos de moitas familias do barrio. En 1979 as instalacións derrubáronse e, actualmente, no seu lugar atópase un parque ao que a fundición deu nome.

Galería de imaxes editar

Notas editar

  1. Faro de Vigo 2014
  2. Moralejo Laso, A. (1977): Toponimia gallega y leonesa. Santiago de Compostela: Editorial Pico Sacro, páx. 41 ISBN 84-85170-20-2
  3. Somoza 1997, p. 126
  4. La Región 2014
  5. La Región 2015
  6. 6,0 6,1 6,2 La Región 2012
  7. La Voz de Galicia 2018
  8. Páxina Web Unión Deportiva Ourense
  9. Fundiciones Malingre 2013

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar