O Documento de Kesos ou Nodicia de Kesos é un escrito en asturleonés datado entre os anos 974 e 980, feito na provincia de León[1][2][3]. Consérvase unha copia no arquivo da catedral de León, co nome de Manuscrito 852v.

É o texto máis antigo en romance do Reino de León (910-1230). É ademais o primeiro documento escrito nunha lingua romance da Península Ibérica dos que se ten constancia, e o segundo en calquera romance despois dos Xuramentos de Estrasburgo, en lingua francesa.

O texto é unha nota de carácter funcional: o inventario de queixos que fixo o monxe encargado da despensa do mosteiro de San Xusto e San Pastor de La Rozuela, preto de León. Está escrito na parte traseira dun documento de doazón datado en 956. Menéndez Pidal datouno cara a 980 porque para que fose un pergamiño reutilizado, o documento orixinal xa non tería valor legal[3]. Porén, estudos máis recentes de Fernández Catón e outros[1] propoñen unha datación algo anterior, cara aos anos 974-975, debido a unha referencia histórica contida no propio texto en relación a unha visita do rei Ramiro III.

A nivel lingüístico destaca por ser unha anotación nun romance moi primitivo, e por estar fóra da encorsetada linguaxe xurídica da época, inzada de fórmulas latinas que se repetían, mentres que no documento o monxe tivo que improvisar a escrita sen un modelo previo, redactando de forma totalmente libre e espontánea.

Texto editar

Segundo a edición de Fernández Catón et al., 2003:

(1ª columna): (Christus) Nodicia de / kesos que / espisit frater / Semeno: In Labore / de fratres In ilo ba- / celare / de cirka Sancte Ius- / te, kesos U; In ilo / alio de apate, / II kesos; en que[e] / puseron ogano, / kesos IIII; In ilo / de Kastrelo, I; / In Ila uinia maIore, / II;
(2ª columna): que lebaron en fosado, / II, ad ila tore; / que baron a Cegia, / II, quando la talia- / ron Ila mesa; II que / lebaron LeIone; II / ...s...en / u...re... / 24...que.... / ...c... / ...e...u... / ...alio (?) ... / ... / ... / g...Uane Ece; alio ke le- / ba de sopbrino de Gomi / de do...a...; IIII que espi- / seron quando llo rege / uenit ad Rocola; / I qua Salbatore Ibi / uenit.
Relación dos queixos que gastou o irmán Ximeno: Nas tarefas dos frades, no viñedo de preto de San Xusto, cinco queixos. No outro do abade, dous queixos. No que puxeron este ano, catro queixos. No de Castrelo, un. Na viña maior, dous [...] que levaron en fonsado á torre, dous. Que levaron a Cea cando cortaron a mesa, dous. Dous que levaron a León [...] outro que leva o sobriño de Gomi [...] catro que gastaron cando o rei viu a Rozuela. Un cando Salvador viu aquí.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Fernández Catón, J. M.; Herrero Duque, J.; Díaz y Díaz, M. C.; Pascual Rodríguez, J. A.; Ruiz Asencio, J. M.; Morala Rodríguez, J. R.; Fernández Flórez, J. A. e Díaz de Bustamante, J. M. (2003): Documentos selectos para el estudio de los orígenes del romance en el Reino de León. Siglos X-XII Arquivado 17 de xullo de 2013 en Wayback Machine., León, Colección Fuentes y Estudios de Historia Leonesa, Documento 1b (y cfr. as ligazóns externas).
  2. «Datado por Menéndez Pidal «con bastante exactitud» en torno al año 980» Arquivado 06 de xuño de 2011 en Wayback Machine., Diario de León.es, 20 de agosto de 2008 (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Menéndez Pidal, R. (1926): Orígenes del español, Madrid, Espasa-Calpe, páx. 27-28 (en castelán).

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar