Frundo

Especie botánica
(Redirección desde «Myrica gale»)

O frundo[1] (Myrica gale) é unha especie vexetal, pertencente á familia das miricáceas. Trátase dun arbusto dioico de folla caduca de cor verde escura na face e con peluxe no envés, flores en amento e froito en drupa.

Distribución editar

A planta medra nas zonas oligotróficas de Europa, Asia e América do Norte. Aparece en Galicia, especialmemte no norte de país.

 
Follaxe.
 
Ilustración.
 
Detalle da planta
 
Ilustración

Hábitat editar

Polo xeral, medra na turba aceda de turbeiras, e para facer fronte a estas difíciles condicións de pouco nitróxeno, a raíz ten que fixar o nitróxeno con actinobacterias que permiten ás plantas medraren.

Características editar

Trátase dun arbusto caducifolio que acada os 1–2 m de altura. As follas están dispostas en espiral, simples, de 2–5 cm de longo, oblanceoladas cónicas cunha base máis ampla e punta, e unha engurrada ou finamente dentada marxe. As flores son amentos (candeas) con masculinas e femininas en diferentes plantas (dioico). O froito é unha pequena drupa.

Propiedades editar

As follas conteñen un óleo esencial rico en terpenos mais de composición variada. Os principais compoñentes son o a -pineno, o 1,8 cineol, o mirceno e o limoneno. Ademais tamén se reportaron o ß -cadineno, o 11-selineno-4-ol, o ß -terpineno, o p -cimeno, o cariofileno, o 4,11-selinadieno, o ß -elemenoneno, o xermacrone e outros.

Usos editar

Algunhas receitas que o empregan foron reportadas en Suecia, Inglaterra e o Norte de Francia. No pasado, as súas follas recendentes ofrecían un aroma aínda a quen non podían custear o uso das especias importadas, entre eles, os campesiños de Europa Central e do Norte.

No entanto, historicamente, a aplicación máis importante desta especie foi durante o aromatizado da cervexa. O proceso de obtención deste produto constitúe unha arte antiga de Europa Central e Occidental; no cal o lúpulo (Humulus lupulus) representa unha pequena parte da historia medieval. É así que os fabricantes usaban unha gran cantidade de plantas aromáticas, sendo o frundo un dos máis eficientes así como máis baratos. Como resultado, no período renacentista existiron unha multitude de variedades deste produto.

A súa casca emprégase polo carácter adstrinxente do tanino que contén.

As follas do frundo posúen un aroma moi agradábel que se ve incrementado ao enxugalas. O seu sabor é similar aínda que lixeiramente amargo e adstrinxente.

Usos en Galicia editar

As follas do frundo téñense empregado en Galicia para escorrentar insectos. Frei Martín Sarmiento dicía no século XVIII que se apañaba para benzoar con outros vexetais o día de Ramos, porque se cría que con estas varas azoutaran a Cristo[2]. Tamén se puñan os ramallos entre a roupa para o seu recendo. As súas flores substituían o lúpulo para a fabricación da cervexa.

Taxonomía editar

Myrica gale foi descrita por Carl von Linné e publicado en Species Plantarum 2: 1024. 1753.[3]

Sinonimia
  • Gale belgica Dumort.
  • Gale portugalensis (Mirb. ex DC.) A. Cheval.
  • Gale palustris Chev.
  • Gale uliginosa Spach
  • Myrica palustris Lam.
  • Myrica rothmaleriana P.Silva[4]
  • Gale commune J.Presl
  • Myrica brabantica Gray
  • Myrtus brabantica Garsault[5]
Nome vulgar
  • Frundo, fundo, fundiño[6].

O nome frundo podería vir de fronde e fruncio de frutice. E fungo e funguiño do verbo fungar, cheirar, polo recendo das follas[7]

Notas editar

  1. Nome vulgar galego e definición en Portsl das Palabras
  2. Martín Sarmiento (1745): Viaje que el Padre Sarmiento hizo a Galicia el año de 1745, ed. de J. L. Pensado Tomé (Universidade de Salamanca, 1975)
  3. "Frundo". 
  4. Sinónimos en
  5. "Frundo". Arquivado dende o orixinal o 05 de abril de 2019. Consultado o 15 de novembro de 2016. 
  6. Nomes vulgares galego recollidos por Martín Sarmiento (1754-1758): Catálogo de voces vulgares y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables, ed. de J. L. Pensado Tomé (U. de Salamanca en 1986)
  7. Martín Sarmiento

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar

  • Molina Martín, Carlos, coord. (2006). Diagnóstico e aplicación de medidas de conservación nas poboacións de na comarca de Piñeirais (Burgos e Soria). 96 pp. Actividades Estudos e Proxectos no Medio Ambiente, S.L. Soria. Edita Jolube Consultor e Editor Ambiental. Formato libro electrónico, xullo 2009. ISBN 978-84-937291-5-8.
  • Martín, Carlos, coord. (2008). Seguimento e aplicación de medidas de conservación nas poboacións de Myrica gale na comarca de Piñeirais (Burgos e Soria). 83 pp. Actividades Estudos e Proxectos no Medio Ambiente, S.L. Soria. Edita Jolube Consultor e Editor Ambiental. Formato libro electrónico, xullo 2009. ISBN 978-84-937291-4-1.