Mofli, el último koala

serie de animación española

Mofli, el último koala é unha serie de debuxos animados española creada polos Estudios EQUIP en 1986. Foi emitida por TVE en 1987. Consta de 13 capítulos dunha duración aproximada de 20 minutos cada un deles.

A acción da serie sitúase na vila de Rivermint (Australia) a principios do século XXI e xira en torno á aparición dun coala, Mofli. Ao tratarse dunha especie considerada como extinguida, a aparición deste exemplar causa unha gran sorpresa a nivel mundial. Xente de diversos lugares viaxará a Rivermint co propósito de capturar o coala, pero a súa amiga Corina fará todo o posible para impedilo.

Personaxes editar

  • Mofli: O último coala da terra, vive nos eucaliptos dos bosques de Rivermint.
  • Corina: Nena de Rivermint, é amiga de Mofli e a única que sabe onde se agocha. Vive co seu pai, un pintor parapléxico.
  • Estela: A bolboreta amiga de Mofli e Corina, coida do coala cando está só no bosque.
  • Bruno O’Neil: Amigo de Corina, os seus pais son os donos do hotel da vila.
  • Marta e Bruno O’Neil: Os pais de Bruno. A nai de Bruno é unha grande admiradora de Bob Detroit
  • Bob Detroit: Famoso presentador da canle Mundovisión, é o encargado de dar a noticia da existencia de Mofli (o presentador de televisión Jordi Estadella puxo voz a este personaxe[1]).
  • Trombonetti e Paolo: Empresarios de circo, queren capturar o coala para incluílo no seu espectáculo.
  • Mr. Money: Excéntrico multimillonario, adícase a coleccionar animais disecados.
  • Rebeca: Neta malcriada de Mr. Money, comparte co seu avó a súa paixón por disecar animais.
  • Iván: Cazador desapiadado que traballa ás ordes de Mr. Money.
  • Bailosolo: Ladrón que entra a traballar na casa de Corina e de seu pai coa intención de roubarlles o diñeiro que acaden cos seus cadros.
  • Doutor Fool: Eminente explorador que chega a Rivermint coa intención de estudar as especies da zona.

Capítulos editar

  • Capítulo 1 Rivermint (emitido o 30/9/1987): No século XXI a situación ecolóxica do planeta é bastante delicada. Novas especies seguen a extinguirse cada día, segundo informa decote Robert Detroit en Mundovisión. A historia comeza cando o ladrón Bailosolo tenta roubar unha noite na casa de Corina e do seu pai pero, ao ver frustrado o seu intento, failles crer que entrou na súa casa para defendelos dun ladrón. O pai de Corina, agradecido, ofrécelle traballar para eles encargándose da casa e como axudante para a venda dos seus cadros. Por outra banda, o Doutor Fool, afamado científico, chega á vila para estudar a fauna e a flora da zona.
  • Capítulo 2 Mofli (emitido o 7/10/1987): O Doutor Fool, nunha expedición polos arredores de Rivermint, descobre un coala a través da súa cámara, animal que segundo os científicos levaba 10 anos extinguido. Cheo de entusiasmo comunícalle a noticia a Mundovisión, que a emite inmediatamente. En Venecia, ao escoitar as novas, Trombonetti e Paolo póñense en marcha cara a Rivermint para intentar conseguir o coala e exhibilo así no seu circo.
  • Capítulo 3 Llegan los villanos (en galego, Chegan os viláns) (emitido o 14/10/1987): Ao escoitar en París a noticia de que aínda queda un coala vivo no mundo, Mr. Money, a súa neta Rebeca e o cazador Iván parten cara a Rivermint para capturalo
  • Capítulo 4 El sueño de Corina (en galego, O soño de Corina) (emitido o 21/10/1987): Corina descobre, grazas ás imaxes emitidas por Mundovisión, que o seu amigo Mofli é en realidade un coala. Ao contarlle ao seu pai o seu segredo, este intenta facerlle ver que é moi posible que dende ese momento comece a chegar á vila todo tipo de xente interesada en levarse ao animal, o que entristece á rapaza.
  • Capítulo 5 El OVNI (en galego, O OVNI) (emitido o 28/10/1987): Mr. Money, a súa neta Rebeca e o cazador Iván chegan a Riverment e instálanse no hotel da vila.
  • Capítulo 6 El heroismo de Estela (en galego, O heroismo de Estela) (emitido o 4/11/1987): Iván o cazador atópase no bosque tentando cazar o coala. Cando está a piques de dispararlle a Mofli, Estela a bolboreta comeza a distraer ao cazador ata que este se da por vencido e abandona a zona.
  • Capítulo 7 El boomerang de Bruno (en galego, O boomerang de Bruno) (emitido o 11/11/1987): Iván atópase con Bailosolo no hotel da vila e tenta darlle unha tunda, xa que moito tempo atrás Bailosolo lle tendera unha trampa nunha expedición en África e se quedara cun botín que lles correspondía aos dous. Bailosolo cóntalle a Iván que agora está a traballar na casa dun pintor e que, cando leve a vender os cadros deste, roubaralle o diñeiro e daralle parte a Iván. No bosque, Corina cóntalle a Mofli que o vai a agochar para que ninguén o poida atopar, e que para iso vaille pedir axuda a Bailosolo.
  • Capítulo 8 Una carrera alucinante (en galego, Unha carreira alucinante) (emitido o 18/11/1987): Iván coméntalle a Bailosolo que viu un eucalipto no bosque que tiña gravado un nome, "Mofli", e que cando tentou dispararlle ás pólas unha bolboreta comezou a molestalo ata que desistiu. Bailosolo decátase de que "Mofli" é o nome que pronunciou Corina cando saíu a imaxe dun coala nas noticias de Mundovisión, e coméntalle a Iván que a nena sabe onde está o animal. Bailosolo tenta que Corina lle confese onde se atopa agochado Mofli. Corina, preocupada, coméntalle ao seu pai que Bailosolo coñece ao cazador Iván e o seu pai dille que para poñer a Mofli a salvo o mellor é que Corina o traia á casa. Pola súa banda, Mr. Money ofrece unha recompensa de 10 millóns de dólares a quen lle capture o coala.
  • Capítulo 9 Estalla la tormenta (en galego, Estala a tormenta) (emitido o 25/11/1987): Cando todo o mundo está buscando ao coala no bosque, Corina agóchao no pasadizo subterráneo que pasa por debaixo da fervenza da vila, para levalo á súa casa ao día seguinte. Bailosolo intenta sonsacarlle a Corina onde está o coala, pero a nena non se fía del.
  • Capítulo 10 Hipnosis (en galego, Hipnose) (emitido o 2/12/1987): Estela voa ata a casa de Corina para avisala de que Mofli desapareceu do pasadizo da fervenza, e a nena sae ao bosque a buscalo. Alí atópase con Iván, que lle mete presión para que lle diga onde está o coala. De súpeto aparece Bailosolo e finxe que hiptoniza a Iván para que libere a Corina. Esta, pensando que Bailosolo a quere axudar, dille que non sabe onde está o coala e ámbolos dous deciden buscalo por separado e levalo á casa cando o atopen. Bailosolo coméntalle o plan da cativa a Iván e póñense a buscar o coala polo bosque.
  • Capítulo 11 Mofli encuentra un amigo (en galego, Mofli atopa un amigo) (emitido o 9/12/1987): Estela atopa por fin a Mofli e voa a avisar a Corina, que sae de novo ao bosque para buscalo. Alí atópase outra vez con Iván o cazador e engánao mandándoo na dirección contraria a onde se atopa o coala. Pero o engano no dura moito, xa que Corina se atopa tamén con Bailosolo e lle conta que despistou a Iván para poder ir ela a buscar o coala.
  • Capítulo 12 La gran amboscada (en galego, A gran emboscada) (emitido o 16/12/1987): Mentres todos andan a tentar cazar o coala, Mofli cae nunha trampa da que consegue saír e agóchase de novo no bosque. Corina segue a buscalo coa axuda de Estela a bolboreta.
  • Capítulo 13 El fin del principio (en galego, A fin do principio) (emitido o 23/12/1987): Mofli escapa cara ás rochas brancas da fervenza da vila e o Doutor Fool e Bruno tentan seguilo para agochalo e evitar que lle dean caza. Mr. Money, a súa neta Rebeca, Iván o cazador e Bailosolo chegan tamén ás rochas coa intención de apropiarse do coala. Unha vez alí Bruno simula a morte do coala, lanzando unha pedra ao río para que todos pensen que o coala afogou, e así, unha vez que tódolos viláns abandonan a vila leva a Mofli a xunto da súa amiga Corina.

Notas editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar