Moeda de 50.000 iens

50.000 iens [1][2][3]
A/: Parella de garzas sobre fondo de ondas estilizadas. R/: Crisantemo imperial.

• 皇太子殿下御成婚記念 • 日 本 国 • 五万円 • 平成五年 ("Voda da Súa Alteza Real o Príncipe herdeiro • Estado do Xapón • 50.000 Yen • Ano 5 de Heisei").

A moeda de 50.000 iens é unha moeda xaponesa de ouro de carácter conmemorativo, cuñada pola Casa da Moeda do Xapón, exclusivamente en 1993 (五 "ano 5"), con motivo da celebración do casamento do príncipe herdeiro, Naruhito, con Masako.

Trátase da segunda moeda xaponesa con maior valor facial emitida ata entón, despois da moeda de 100.000 iens, aínda que non ten carácter circulante. Cuñouse tanto con acabamento estándar como cun acabamento especial para coleccionistas, coñecido como proof —fondo espello e relevo mate—.

Caracterización

editar

A moeda amosa no seu anverso o deseño estilizado dunha parella de garzas sobre un fondo de ondas.[1][2]

Pola súa banda, o reverso reproduce o escudo imperial do crisantemo rodeado por un deseño de pólas de catalpa, que representa a sinatura privada do príncipe herdeiro.[1][2]

A tiraxe desta moeda foi de 1.900.000 exemplares en condición estándar e 100.000 con acabamento proof.[1][2]

O seu prezo no mercado do coleccionismo numismático internacional rolda en 2024 os 1.700 dólares a versión estándar e 2.200 dólares a versión proof, nun estado de conservación perfecto.[4]

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar