Modalidade da enunciación oracional

Son tres as modalidades que pode presentar unha oración en canto á conformidade ou desconformidade co xuízo que nela se expresa: a negación, a afirmación e a dúbida.

As marcas coas que se diferencian estas modalidades veñen sendo tradicionalmente incluídas no paradigma dos adverbios, malia a que presentan un comportamento sintáctico moi diferente. Así, Antón Santamarina considera que o verbo, o adxectivo ou calquera outra clase de palabra, cando non van acompañados de ningún adverbio de afirmación, expresan por si sós un feito positivo. A presenza do adverbio de afirmación non engade ningunha circunstancia positiva, do mesmo xeito que a negación non engade ningunha circunstancia negativa, pois, amais de non expresaren ningunha ‘circunstancia’ "non" non está de ningunha maneira subordinado á palabra predicativa (coma os adverbios), senón que é parte desa palabra. Deste xeito a palabra predicativa, nas negativas, pasa a ter o significado contrario do verbo ou adxectivo que acompaña "non". A "non" debemos logo consideralo, segundo Santamarina, como un afixo separable que permite unha gran economía na lingua.

Polo que respecta ós tradicionalmente denominados adverbios de dúbida, para Santamarina non existen dado que só pode ser modificado circunstancialmente, por medio dun adverbio aquilo que é predicable con seguridade.

Un enunciado do tipo o lobo ouvea / o lobo non ouvea, pode ser completado con circunstancias locais (ouvea de día), temporais (ouvea no monte) etc. En todas elas existe un valor adverbial que incide sobre o lobo ouvea. Pero nun enunciado do tipo o lobo quizais ouvea, quizais non incide no enunciado do mesmo modo cós anteriores, xa que só pode ser modificado circunstancialemte aquilo que se predica con seguridade.

Quizais resulta un indicio da actitude psicolóxica do falante e non un complemento circunstancial de o lobo ouvea.