O minderico (en minderico: Piação do Ninhou) é unha lingua románica, orixinada como un sociolecto falado polos produtores e comerciantes téxtiles de Minde, Portugal.[1] Ten dúas variedades: a que se fala en Minde e a que se fala en Mira de Aire, tamén coñecida como calão mirense.[2] Actualmente, con preto de 500 falantes, está ao bordo da extinción.[3]

Lingua
Falado en: Ribatexo, Portugal
Total de falantes: Varios centos, menos de 1000 falantes.
Familia: linguas indoeuropeas

 Linguas itálicas
  Linguas romances
    Linguas iberorromances
      Linguas ibero-occidentais
        Linguas galaico-portuguesas
          Idioma portugués

           Minderico
Estatuto oficial
Lingua oficial de: Non é oficial
Códigos de lingua
ISO 639-1: --
ISO 639-2: ---
ISO 639-3: drc
Mapa
Status

Historia editar

Despois desta fase inicial no século XVIII, o minderico comezou a ampliar o seu vocabulario de forma continua e creativa. Esta expansión estivo (e segue estando) intimamente relacionada coas vivencias socioculturais dos habitantes de Minde. Por exemplo, os nomes e alcumes de persoas coñecidas de Minde e arredores usábanse como lexemas para expresar características físicas ou psicolóxicas, xa que estas características eran salientables para as persoas. Este método de formación léxica pódese explicar polo feito de que Minde, polo seu illamento xeográfico, é unha comunidade moi pequena, onde todos se coñecen. Polo tanto, o uso dos nomes persoais como medio de expresión das características asociadas a eles foi inmediatamente comprendido entre os membros da comunidade lingüística; isto non foi un obstáculo para unha comunicación eficaz.

Co aumento do vocabulario, o minderico tamén ampliou o seu alcance. Comezou a utilizarse non só por motivos comerciais para ocultar información, senón tamén en contextos sociais cotiáns. En consecuencia, a comunidade de falantes tamén se incrementou e o minderico comezou a verse como un elemento identitario unificador. A partir dese momento, o minderico pasou a ser utilizado por todos os grupos sociais e pasou a converterse na lingua cotiá en Minde, sendo empregado dentro da comunidade como medio de comunicación en todos os contextos sociais, económicos, culturais e políticos.

O minderico actual xa non amosa as características das linguas secretas: Moi pronto deixou de estar restrinxida a un determinado grupo social e utilizouse en todos os contextos da vida cotiá; o seu vocabulario non se reduce a contextos especiais e está continuamente adaptado ás novas realidades sociais, económicas e técnicas; a diferenza das linguas secretas, a súa morfosintaxe é complexa e diferente á morfosintaxe do portugués (até o punto de poder considerar que o Minderico non é un dialecto portugués).

Distribución xeográfica e falantes editar

 
Vista de Minde

O minderico só se fala nas parroquias de Minde e Mira de Aire, situadas nos concellos de Alcanena e Porto de Mós, respectivamente.[3] Nas últimas tres décadas o seu número de falantes diminuíu notabelmente,[1] tendo aproximadamente 500 en 2010.[3] Por este motivo, o Minderico é considerado unha lingua ameazada en vías de extinción.[4]

O minderico non se limita ao rexistro oral informal, senón que tamén se utiliza no rexistro formal e escrito. Finalmente, o feito de que os seus falantes sexan os responsábeis da presentación da lingua alén das súas fronteiras (por exemplo, a través da música, artigos de prensa, Internet, pequenos glosarios) amosa claramente que a lingua non é vista como unha lingua secreta.

Hoxe o minderico corre o risco de extinguirse, máis que nunca na súa historia.

Todos os falantes de Minderico son bilingües, xa que falan portugués xunto con minderico. Mentres o portugués é a lingua da Administración e do sistema escolar, o minderico segue case restrinxido á familia. Pero mesmo neste sector privado hai unha clara presión do portugués sobre o minderico.

O máis probábel é que non haxa nenos menores de 5 anos que coñezan ou utilicen a lingua na actualidade, dado que a educación escolar sempre foi en portugués na comarca e, posteriormente, o portugués converteuse no principal medio de comunicación, mesmo dentro das familias. Hai dúas razóns principais para pasar do minderico ao portugués como lingua materna: as presións financeiras e as esixencias profesionais. Por outra banda, a fala dos adultos en minderico caracterízase por un tipo de conmutación e mestura de código entre portugués e minderico.

O coñecemento do minderico é pouco homoxéneo entre os habitantes de Minde.

Medidas de protección da lingua editar

Actualmente, minderico está a ser o obxectivo dalgúns proxectos como forma de dinamización, para que non caia no esquecemento.[5][6] Por exemplo:

  • Clases de minderico no Centro de Artes e Oficios Roque Gameiro en Minde, para diferentes grupos de idade.
  • Elaboración do primeiro dicionario bilingüe (a partir de glosarios existentes) con explicacións fonéticas, semánticas, morfosintácticas, pragmáticas e etimolóxicas, acompañado dunha versión multimedia.
  • Uso do minderico nas festas, celebracións de Minde e nos medios de comunicación.
  • Tradución dos pratos típicos de Minde, menús de restaurantes e cafeterías.
  • Proxecto de documentación, con sede na Universidade de Regensburgo e incluído no Programa de Documentación de Linguas en perigo de extinción (DoBeS), con apoio financeiro da Fundación Volkswagen.
  • Creación de software para a aprendizaxe do léxico Minderic (WordByWord) xa en uso na Escola E.B. 2/3 de Minde.
  • Mapa interactivo de Minde Arquivado 24 de marzo de 2012 en Wayback Machine. con descricións das particularidades da vila, en minderico.

Algunhas palabras en minderico editar

abobrar - descansar;

alexandrinas - fotografías;

ambrosiar - pensar, cismar, achar;

albertinas - bolachas, galletas;

babosas - cervexas;

badelo - lingua;

bodelha - mentira;

borboleta - luz;

brancano – leite;

bruxo - computador;

Casal Médio - Santarém;

Casal Grande - Lisboa; Segundo Casal Grande - Porto;

cabaneira - vaca;

campinos - melóns;

carranchano - amigo;

fusca - noite;

gargantear – cantar;

jordar – facer, gastar, despexar, desperdiciar;

latina - misa;

mioleira – testa;

mirantar – ver, observar;

Ninhou - Minde;

nazaré - baño;

neto - diñeiro;

mané fezes - cigarro;

patarraz da ladina - xenro;

perneiras - peúgas;

piação - conversa;

pirota - motorizada;

quadrazal - mes;

remexido - negocio;

renhomnhom - gaita de foles ;

rinchão - tren;

rodilha - sogra;

ronquinho - surdo;

senhor antónio - marido atraiçoado pela esposa, corno;

sesta - semana

soletra - libro;

tarrantar - dormir;

tece-tece - Internet;

terraizinho - Meniño;

Terraizinho Judaico - Neno Xesús;

tosadeira - boca;

toupeira do ferreiro - arado;

videira - nai, mamá;

videiro - pai, papá;

vista-baixa - porco;

Zé Pedro/Rodapé - bigode

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Austin, Peter K. (14 de novembro de 2009). "Minderico: an endangered language in Portugal" (PDF) (en inglés). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 24 de setembro de 2015. Consultado o 17 de novembro de 2015. 
  2. Oliveira, Sara R. (14 de decembro de 2009). "Minderico em ementas e placas da escola". educare.pt (en portugués). Consultado o 17 de novembro de 2015. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Minderico". Ethnologue (en inglés). Consultado o 17 de novembro de 2015. 
  4. Sebastião, Coelho (2010). "Minderico é Piação na Memória do Mundo da UNESCO". Ensina RTP (en portugués). Consultado o 17 de novembro de 2015. 
  5. O minderico renace co apoio de Volkswagen para as linguas en perigo, Xornal Público (arquivado).
  6. Minderico é Piação na Memoria do Mundo da UNESCO, RTP Teaches (en portugués).