Miguel Faílde

músico cubano
(Redirección desde «Miguel Failde Pérez»)

Miguel Ramón Demetrio Faílde y Pérez, nado en Matanzas o 23 de decembro de 1852 e finado na mesma cidade o 26 de decembro de 1921, foi un músico cubano, creador do danzón, baile nacional de Cuba.

Miguel Faílde
Nacemento23 de decembro de 1852
Lugar de nacementoMatanzas
Falecemento26 de decembro de 1921
NacionalidadeCuba
Ocupaciónmúsico, compositor e director de orquestra
editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Orixes editar

Naceu o 23 de decembro de 1852 na cidade cubana de Matanzas. Os seus pais eran o inmigrante galego Cándido Faílde, natural de Betanzos, e a cubana Justa Pérez, de Matanzas.[1][2]

Vida artística editar

O seu primeiro mestre foi o seu pai, tamén músico,[2] quen descubriu as súas aptitudes para a música. Aos 12 xa dominaba o cornetín e cando o seu pai morreu, estudou, grazas ao seu irmán máis vello, con Federico Peclier, profesor do Conservatorio de París. Dirixiu a Banda de Bombeiros da súa Matanzas natal. Anos máis tarde formou a súa propia banda musical en 1871 chamada "La Orquesta de Miguel Faílde" que tocou durante 50 anos e coa que gozou de gran popularidade entre a poboación. Miguel tocaba o cornetín así como o violín, o contrabaixo e a viola e, a pesar de non ser pianista, interpretaba pezas complexas ao piano. Tamén impartiu clases de música na casa e participou, xunto cun amigo, na edición dun semanario literario chamado Ideas Nuevas, resultante de encontros que mantiña con intelectuais nunha imprenta.

Creador do danzón editar

Foi o creador do danzón, danza nacional cubana derivada da contradanza. A primeira peza deste xénero chamouse "Las alturas de Simpson", e foi estreada por Miguel o 1 de xaneiro de 1879 no Liceo de Matanzas, acadando grande aceptación e éxito en moi pouco tempo. Entre o seu repertorio de composicións, que non eran só danzóns, atópanse "La diosa japonesa", "Cuba libre", "Yo me voy para el otro mundo", "Los mascavidrios", "El mondonguito", "Antón Pirulero", "La serenata de Schubert", "Figurín, se acabó el merengue", a "Jota aragonesa", "Piña", "Mamey y zapote", entre moitos outros. O seu sobriño, Osvaldo Castillo Faílde recolleu polo menos 144 danzóns compostos por el.

Morte editar

Miguel Faílde, símbolo da música cubana, faleceu na madrugada do 26 de decembro de 1921 na cidade de Matanzas, sendo soterrado na Necrópole de San Carlos Borromeo.[3]

Legado editar

En 2013, o danzón foi declarado patrimonio inmaterial de Cuba.[4] O tataraneto de Miguel Faílde, Ethiel Failde, fundou en 2012 a Orquestra Failde, co obxectivo de dar continuidade ao legado do seu tataravó. A banda ten como base os danzóns de Failde, aínda que interpreta tamén composicións doutros xéneros.[5][6]

Notas editar

  1. "Miguel Failde" (en castelán). Consultado o 10 de novembro de 2021. 
  2. 2,0 2,1 Fontela, C.; Silva, M. (Xuño de 2000). "Galicia-Cuba: un patrimonio cultural de referencias y confluencias. Actas do congreso celebrado en Santiago de Compostela, 24-26 de marzo, 1999." (PDF). Estudos Migratorios (9): 235. 
  3. "26 de Diciembre de 1921: Muere Miguel Faílde Pérez." (en castelán). 29 de decembro de 2019. Arquivado dende o orixinal o 10 de novembro de 2021. Consultado o 10 de novembro de 2021. 
  4. "Declaran al baile nacional de cuba, el danzón, 'Patrimonio Inmaterial'" (en castelán). 25 de novembro de 2013. Consultado o 10 de novembro de 2021. 
  5. Suárez, Karina (10 de novembro de 2017). "Ethiel Failde: “El danzón representa al cubano porque es prueba de resistencia”". El País (en castelán). Consultado o 10 de novembro de 2021. 
  6. "Ethiel Faílde, para bailar el danzón del Siglo XXI" (en castelán). 2 de xuño de 2015. Consultado o 10 de novembro de 2021.