Micetozoos

Fuligo
Clasificación científica
Dominio: Eucariota
Reino: Amoebozoa
Filo: Mycetozoa
Clases e ordes típicos

Os micetozoos (Mycetozoa) son un grupo de mofos mucosos ou mucilaxinosos [1] (aínda que non todos os mofos mucosos pertencen a este grupo) hoxe clasificados como Amoebozoa. Antes clasificábanse nos antigos taxons dos Myxomycota ou Mixomicetos. É un grupo peculiar de protistas que adoptan tres formas distintas no decurso da súa vida. Inicialmente teñen forma de ameba unicelular que se move por medio de pseudópodos ou flaxelos dependendo da cantidade de auga no medio. Baixo certas condicións, como cambios no medio, forman masas xelatinosas que escorregan lentamente polo chan. Esta é a fase que normalmente se denomina mofo mucoso. Por último, este mofo desenvolve un corpo frutífero formador de esporas, que superficialmente é parecido aos esporocarpos dos fungos (por esa razón antes eran clasificados dentro dos fungos).

Bioloxía editar

As amebas deste grupo denomínanse mixoamebas, e son células uninucleadas, haploides, que non presentan parede celular e que se alimentan por fagocitose. A partícula de alimento, xeralmente unha bacteria, é introducida nun vacúolo e dixerida por encimas hidrolíticos. Esta é unha das razóns polas que non se consideran fungos, xa que nestes últimos, as células posúen paredes celulares e a alimentación se realiza por absorción. Cando hai auga no medio, a mixoameba pode diferenciarse nunha célula biflaxelada nadadora. As mixoamebas reprodúcense asexualmente por mitose e poden continuar proliferando de forma indefinida mentres haxa nutrientes e o medio ambiente continúe sendo favorable.

 
Corpos frutíferos de Ceratiomixa.

Cando as condicións cambian, fórmase a fase de agregación, dando lugar ao mofo mucoso. O modo en que se forma esta fase varía dependendo do grupo considerado. No grupo Myxogastrea, as mixoamebas actúan como gametos fusionándose para dar lugar a un cigoto, cuxo núcleo se divide repetidamente e a célula se constitúe nunha gran masa protoplasmática e plurinucleada sen ningún tipo de parede, denominada plasmodio. Nos Dictyostelia, o agrupamento faise a partir de amebas individuais, formándose un pseudoplasmodio. No grupo dos Protostelia fórmanse pequenos plasmodios multinucleados ou as células se manteñen individuais durante todas as etapas do ciclo vital.

Os mofos mucilaxinosos poden atoparse nos chans húmidos e escuros do bosque e tenden a crecer na madeira descomposta despois da precipitación. Son limpadores que fagocitan bacterias, fungos, lévedos e materia orgánica en descomposición, expulsando logo o material non aproveitable. Os mofos mucilaxinosos móvense tipicamente a unha velocidade dun milímetro por hora, aínda que algúns poden atinguir ata dous centímetros por minuto.

Cando as condicións se volven desfavorables, o mofo mucilaxinoso se converte nun corpo frutífero, que contén esporas. As esporas son normalmente globosas, uninucleadas e haploides. Cando a espora xermina dá lugar a unha mixoameba completándose o ciclo.

Clasificación editar

Antes eran considerados fungos polos micólogos e amebas polos zoólogos, pero agora son considerados protistas unicontos do supergrupo Amoebozoa. Outros mofos mucosos son bicontos (e os fonticúlidos son opistocontos) e clasifícanse como labirintulomicetos, percolozoos acrásidos (Excavata) ou cercozoos (Rhizaria). Por tanto, non todos os mofos mucosos son micetozoos.

Os micetozoos divídense nos grupos dictiostélidos, mixogástridos, e protostélidos.[2]

As principais variacións nas distintas clasificacións actuais están no rango taxonómico que se lle dá aos Mycetozoa (nalgunhas clasificacións son considerados un subreino). Tamén hai diferenzas entre os nomes botánicos e zoolóxicos (por exemplo, Echinosteliida ou Echinosteliales) ou nomes como Myxogastrea/Myxogastria, segundo a clasificación que se siga.

Por último, Mycomycota considérase ás veces como sinónimo de Mycetozoa, pero para moitos os Mycomycota son só equivalentes ao grupo dos Myxogastria.

O grupo máis notable é o dos micetozoos plasmodiais (ou acelulares) do grupo dos Myxogastrea, onde a fase de agregación orixina unha ameba xigante con milleiros de núcleos, denominada plasmodio. O plasmodio non está subdividido por membranas celulares, senón que forma unha masa única de protoplasma rodeada por unha soa membrana externa (como unha soa célula grande). A maioría non pasa dalgúns centímetros de tamaño, pero os máis grandes poden cubrir unha área de ata dous metros cadrados, o que os fai as células (concretamente plasmodios) máis grandes coñecidas. Moitos teñen cores brillantes e son amarelos, castaños ou brancos. Baixo condicións de sequidade, recóllense nunha masa da que xorden os corpos frutíferos, que forman as esporas. Unha vez producidas as esporas, estas orixinan gametos biflaxelados ou ameboides que se fusionan en parellas para produciren novos plasmodios.

Os micetozoos celulares ou Dictyostelia son amebas individuais, pero baixo condicións desfavorables forman unha masa multicelular denominada pseudoplasmodio. Esta emigra a unha nova localización, despois forma un corpo frutífero, xeralmente cun talo formado por amebas mortas. As esporas entón orixinan amebas novas.

Outro grupo, formado por amebas uninucleadas, son os Protostelia que forman talos e se converten en esporas individualmente. Crese que poderían ser a orixe común dos outros dous grupos, Myxogastrea e Dictyostelia, que anteriormente en función da análise das secuencias de ARNr se consideraban non relacionados, pero que a comparación de certos xenes de proteínas apoia un parentesco próximo dos tres grupos e sitúaos en Amoebozoa.

 
Fuligo cinerea.

Aplicacións en investigación editar

Os dictiostélidos utilízanse como exemplos de comunicación e diferenciaciòn celular, e poden proporcionar un modelo de como se puideron orixinar os orgnismos multicelulares.

Os mofos mucosos como Physarum polycephalum son útiles para estudar as correntes citoplasmáticas. Tamén se utilizaron para estudar a bioquímica da mitose, xa que todos os núcleos dun plasmodio de tamaño medio se dividen sincronicamente. Observouse que poden encontrar a saída de labirintos ao estenderse e elixir o camiño máis curto, o que é un interesante exemplo de procesamento da información sen ter sistema nervioso. Os seus plasmodios tamén se utilizaron para estudar a xenética da fusión asexual. O tamaño xigante dos plasmodios permite unha doada avaliación da fusión celular parcial ou completa.

En 2006, os investigadores das universidades de Southampton e Kobe informaron que construíran un robot que estaba dirixido remotamente polo micetozoo Physarum (sensible á luz), que o levaba cara a zonas escuras (similares ao hábitat do micetozoo).[3]

Galería editar

Notas editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar