A mesa de braseiro,[1] é unha mesa, xeralmente circular, pero que tamén pode ser rectangular ou cadrada, provista xeralmente, na parte inferior, dunha tarima.

Trátase dunha mesa de madeira [2] normalmente redonda, aínda que non exclusivamente, cuberta por un pano de tea xeralmente grosa que pode chegar até o chan; na parte inferior pode levar unha tarima de madeira cun burato circular central para colocar un braseiro.

A mesa de braseiro foi un sistema de abrigo moi común, antes da popularización da calefacción central e, ás veces, como complemento desta. A familia reuníase ao seu redor, poñendo as pernas baixo as faldras da mesa para mantelas quentes. Isto producía ás veces queimaduras superficiais na pel.

Actualmente séguese comercializando, en formato redondo ou rectangular, e adoitan utilizarse braseiros eléctricos,[3] ou mesmo se usan sen braseiro.

En Galicia, por mor da contaminación do galego polo castelán, moitas persoas adoitan designala polo seu nome curto nesta lingua, camilla,[4] sendo famosa a camilla (ou mesa de braseiro) de Piñeiro polos faladoiros que alí se celebraban.[5]

Notas editar

  1. Mesa de braseiro loc.s., mesa, xeralmente redonda, que ten entre as patas unha tarima onde se encaixa o braseiro. Gran Dicionario Xerais da lingua.
  2. O taboleiro e o bastidor poden ser de aglomerado.
  3. Radiadores eléctricos ou lámpadas de raios infravermellos.
  4. Redución de mesa camilla.
  5. A camilla de Ramón Piñeiro consérvase hoxe na Fundación Penzol. En maio de 2009, a Fundación inaugurou, na súa sede de Vigo, unha reprodución exacta da habitación da casa de Piñeiro na que este recibía ás visitas, coa mesa, a biblioteca, decoración etc. (La Voz de Galicia, 15/05/2009).