O megaletoscopio é un mecanismo óptico xurdido a partir da evolución do aletoscopio (patentado en 1861), deseñados ambos aparellos polo fotógrafo suízo Carlo Ponti.​[1] Este aparello foi deseñado nos anos 1860.

Descrición do megaletoscopio.

En máis dunha ocasión confundiuse o megaletoscopio co estereoscopio, pero o deseño e o efecto deste segundo aparello son completamente distintos. Porén, o megaletoscopio garda certas similitudes co aletoscopio, pois ambos son capaces de ofrecer unha certa ilusión de relevo utilizando a cromoestereopsis.[2]

Historia editar

En 1860, Carlo Ponti, óptico do rei Vittorio Emanuele II dei Savoia, creou un aparello denominado aletoscopio, para a visualización de tanto pinturas como fotografías. A idea principal deste mecanismo era a visualización de vistas opacas e transparentes de grandes dimensións para impresionar aos usuarios. As edicións máis especiais e mellor deseñadas deste aparello eran o que se coñecía como megaletoscopios.[2]

Mecanismo editar

A función deste mecanismo consiste na observación de imaxes a través dunha gran lente que permite crear unha ilusión óptica de gran profundidade de campo e perspectiva nas imaxes visualizadas. As copias á albumina se retroiluminan cunha fonte de luz situada dentro da cámara (normalmente unha lanterna de aceite ou queroseno) ou alumadas pola luz do día a través dun sistema de portas abertas.[2]

Unha serie de espellos dispostos no interior da máquina conduce a luz cara á parte frontal das imaxes. Os efectos obtidos en función da cantidade de luz que entra conséguense ao pintar a parte traseira da albumina fotográfica. Para crear a ilusión de alumamento, as imaxes teñen buracos[3] en cada lado da «impresión». Estes son case invisíbeis dende a parte frontal, e hai certas seccións que foron recortadas para que o papel que se introducise na máquina puidese ser máis fino.

Nas primeiras probas con este mecanismo, preparouse unha serie de fotografías específicas para utilizar co megaletoscopio. Estas imaxes eran translúcidas e coloridas, a fin de crear uns efectos visuais máis dramáticos. Un destes efectos era alumar as imaxes a partir de luz escura para ofrecer a sensación de que a luz era nocturna. Cando a parte superior do aparello se abría e a luz chegaba directa á parte frontal da imaxe víase unha escena con «luz de día». Cando esta parte superior se pechaba e a luz viña de atrás, a escena convertíase en nocturna.[4]

Onde atopalos editar

 
Un megaletoscopio na biblioteca da Universidade de Princeton.
  • Graphic Arts Collection: Rare Books and Special Collections, Biblioteca Firestone na Universidade de Princeton.
  • A casa de George Eastman. Nela atópanse cada ano centos de persoas interesadas na fotografía. Nesta casa atópase unha das máis grandes coleccións de megaletoscopios do mundo.
  • Museo do Romanticismo, Madrid. Nesta exposición, que durou do 24 de xaneiro ao 13 de maio de 2018, «Vese a miña sombra, pero eu quédome» vese unha serie de imaxes e aparellos (entre eles, o megaletoscopio) que levan ao espectador ao século XIX.[5][6][7]
  • « L'experiència màgica del cinema», no vestíbulo do edificio histórico da Universidade de Barcelona.​[1]
  • Museo do Precinema, en Italia.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "Universitat de Barcelona - «L'experiència màgica del cinema», no vestíbulo do Edificio Histórico da UB". www.ub.edu (en castelán). 8 de outubro de 2009. Consultado o 22 de abril de 2021. 
  2. 2,0 2,1 2,2 Mannoni, Laurent (1970). Le Mouvement Continué. Italia: Mazzotta. p. 196. ISBN 88-202-1164-5. 
  3. "Megalethoscope Slides | George Eastman House Blog". web.archive.org. 4 de xullo de 2011. Archived from the original on 04 de xullo de 2011. Consultado o 22 de abril de 2021. 
  4. Mellby, Julie (28 de outubro de 2013). "Megalethoscope". Graphic Arts (en inglés). Consultado o 22 de abril de 2021. 
  5. "Se va mi sombra, pero yo me quedo". www.revistafv.es. Consultado o 22 de abril de 2021. 
  6. "Actuales". www.culturaydeporte.gob.es (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2021. Consultado o 22 de abril de 2021. 
  7. Loro (30 de novembro de 2017). "El Museo del Romanticismo recrea en 3D las costumbres de la España Isabelina". madridescribe.com (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 22 de abril de 2021. Consultado o 22 de abril de 2021.