O Meco é unha figura da cultura tradicional galega, coñecida popularmente pola súa queima durante a celebración do entroido. Na cultura popular, a lenda do Meco remite a un ser eclesíastico, ben pastor, ben seminarista, que abusaba sexualmente das mulleres da contorna baixo o amparo do dereito de pernada, lei medieval que permitía aos terratenentes abusaren dos labradores que traballasen e morasen nos terreos da súa propiedade. A queima do Meco no entroido corresponde ao axustizamento violento por parte das masas, que nun acto de rebeldía aforcaran a este ser ao pé dunha figueira. Dito desenlace, sen base histórica sólida, conmemórase en moitos concellos de Galicia polo Mércores de Cinza coa popular Queima do Meco. En dita celebración, unha figura con forma de falla ou fogueira quéimase diante dos asistentes coma símbolo de axustizamento ante os abusos. A figura da figueira, lugar sobre o que se produciu o aforcamento do Meco, está catalogada dentro das Árbores senlleiras de Galicia [1] polo seu carácter cultural e etnográfico, non polo seu cumprimento, que realmente é escaso.

Queima do Meco durante as festas da Pita, a celebración que realizan durante entroido no lugar de Eiroás, na parroquia de Cudeiro, concello de Ourense. Ano 2012.

A lenda do Meco

editar
Artigo principal: Lenda do Meco.

A Lenda do Meco recolle unha vella lenda popular na que os veciños do Grove enforcaron a un crego, fartos dos abusos sexuais que protagonizara, e declaráronse culpables colectivamente, todos a un, ante a xustiza. O feito deu lugar ó xentilicio popular que reciben os grovenses como mecos.

Aparece documentada por vez primeira da man de frei Martín Sarmiento, que a cita na súa Viaje a Galicia, de 1745, como un sucedido uns oitenta anos antes da súa viaxe.

"Antes de entrar en el arenal do Vado a mano derecha hay tres montes y en la cima del del medio hay dos ganchos y entre ellos está la higuera famosa, porque en el Grove hay tradición que allí ahorcaron las mujeres al Meco, y yo mandé cortar unas ramas de dicha higuera para llevar a Madrid por bufonada" [2]

Tamén recolleu a lenda o Cura de Fruíme, Diego Antonio Cernadas Castro (1702-1777). Conta nun poema que:

"El Meco (de la falacia/ prescindo de esta noticia)/ si un lugar burló en Galicia,/ no lo ha contado por gracia: colgado pagó su audacia/ de un árbol que no está seco [3]

A queima do Meco

editar

A queima do Meco realízase durante o serán do Mércores de Cinza en localidades como Santiago de Compostela, Vigo, Eiroás ou Redondela, e corresponde unha das últimas tradicións do Entroido. Malia que a estrutura ou tipoloxía pode lembrar ás Fallas valencianas, a súa simboloxía dista bastante de significado. Igual que acontece coas coplas cantadas durante a celebración dos Maios, a queima da figura do meco cobra un significado satíricio. Os bonecos construídos difiren cada ano, e adoitan representar a acontecementos, personaxes ou situacións relevantes durante o ano, habitualmente en ton de burla visual e con trazos de crítica social. Por exemplo, o entroido de 2022 en Santiago rematou coa queima dun Meco con forma de coronavirus por seren os primeiros carnavais celebrados desde a pandemia de COVID-19.[4] En 2024, o concello de Redondela queimou un Meco coa figura de Luís Rubiales, daquela presidente da Federación Española de Fútbol, e inmerso nun caso amplamente seguido nos medios de abuso sexual.[5]

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar