As manufacturas reais eran instalacións industriais que se fundaron por iniciativa dos monarcas absolutos durante o Antigo Réxime, como resultado da aplicación da política mercantilista. Moitas delas dedicábanse á fabricación de obxectos de luxo, para o consumo en primeiro lugar dos propios palacios reais.

O exemplo máis claro é a política de Colbert en Francia durante o reinado de Lois XIV (manufactura dos Gobelinos, a partir de 1662, dedicada a tapices, alfombras e outros téxtiles),[1] de modo que adoita chamarse Colbertismo a esta política económica.

A xustificación, dentro da teoría proteccionista, é impedir a saída de recursos do país, pois os obxectos de luxo, de non ser así, se terían que comprar no exterior, co que a balanza de pagamentos se resentiría. A emulación dos costumes do rei faría que as clases altas o imitasen e así se obtiña un público consumidor maior (incluso fóra das fronteiras francesas).

A chegada a España da dinastía Borbón no século XVIII fai que se aplique o modelo de Colbert nas Reales Fábricas: Real Fábrica de Cristales de La Granja, Porcelana del Buen Retiro ou a posterior de La Moncloa, Real Fábrica de Tapices, Real Fábrica de Relojes, Real Fábrica de Sedas de Talavera de la Reina, Real Fábrica de Paños de Guadalajara —denominada de Sarguetas, é dicir, teares: Real Fábrica de Sarguetas de San Carlos—, Real Fábrica de Hilar Sedas a la Piamontesa, en Murcia, Real Fábrica de Paños de San Fernando de Henares, Real Fábrica de Paños de Brihuega, Real Fábrica de Hilados y Tejidos de Algodón de Ávila,[2] ás que hai que sumar as que se dedican a producións estratéxicas, como as armas (Real Fábrica de Armas de Toledo, Real Fábrica de Artillería de La Cavada —fundada anteriormente, en 1622—, Fábrica de Armas de Trubia), ou de artigos de gran consumo cuxo comercio monopoliza o Estado como regalías: tabaco (a Real Fábrica de Tabacos de Sevilla, a Real Fábrica de Tabacos de La Coruña e a de Madrid), augardente, naipes etc.

A Real Compañía de Hilados de Algodón del Principado de Cataluña (1771) estivo na orixe da industria téxtil catalá (indianas)[3] e terminou constituíndose na organización patronal privada Fomento del Trabajo Nacional.

  1. Sitio web Arquivado 21 de maio de 2009 en Wayback Machine. sobre a manufactura dos Gobelinos.
  2. Manufacturas reales Arquivado 21 de maio de 2009 en Wayback Machine. en Gran Enciclopedia.
  3. J. K. J. Thomson. "Transferencia tecnológica en la industria algodonera catalana: de las indianas a la selfactina", in Revista de historia industrial, ISSN 1132-7200, nº 24, 2003 , pp. 13–50.

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar