Mancomunidade

entidade local integrada por municipios para a prestación de servizos comúns en España
(Redirección desde «Man común»)

Unha mancomunidade[1][2] é unha unión de persoas, esforzos, intereses, institucións ou cousas para acadar un determinado fin común, ou atender servizos e problemas comúns. Aínda que a acepción máis empregada é para referirse a unións de concellos ou veciños ("montes en mancomún" ou auga), tamén pode empregarse en expresións como "traballar en mancomún" co significado de traballar para conseguir unha propiedade colectiva. Os patrucios dunha parroquia constitúen a veciña, que administra os bens en mancomún, segundo costume ou consonte o acordado pola maioría. Quedan excluídos deste réxime os montes veciñais e mancomún, que se rexen pola súa propia lexislación.

Moitos dos montes de Galiza fican en réxime de man común.

Montes comunais editar

Os montes veciñais en man común, montes dos veciños ou montes comunais[3] son os que pertencen a agrupacións veciñais na súa calidade de grupos sociais e non como entidades administrativas e que se veñen aproveitando consuetudinariamente en réxime de comunidade sen asignación de cotas polos membros daquelas na súa condición de veciños con casa aberta e con fume. Réxense por unha lexislación específica. Son un xeito de copropiedade xermánica, cunha regulación específica, que prevé que os montes veciñais son bens indivisíbeis, inalienábeis, imprescritíbeis e inembargábeis, dada a súa especial natureza colectiva. A titularidade corresponde ao conxunto de veciños con residencia habitual na demarcación, polo que a comunidade titular do monte é variábel, segundo cheguen a morar novos veciños ou as casas existentes pechen ou fiquen abandonadas. Non é, polo tanto, propiedade dun particular, xa que se pede ou gaña segundo se sexa veciño ou non. Ademais a titularidade é colectiva, copropiedade dos residentes do lugar.

Os montes veciñais en man común son unha institución tipicamente galega (tamén no oeste de Asturias, oeste de León e Zamora, e Portugal coa denominación de baldios, antigos territorios do Reino de Galiza). O monte é dos veciños e de ninguén máis. Os montes veciñais, en comunidade romana ou xermánica (sueva), perténcelles aos veciños e non a ningún ente público territorial dos aparecidos na Galiza do século XIX, cando os devanditos montes levaban xa varios séculos de funcionamento. É preciso recoñecer a contribución do monte veciñal nas súas múltiples vertentes: social, económica e ambiental.

Pero, malia a pertenza veciñal destes montes, a súa extensión territorial, as súas posibilidades económicas, así como o seu valor medioambiental convértenos en elementos transcendentais na economía galega. A causa disto, a administración pública regula o seu uso e tanto a Audiencia Provincial da Coruña como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xogan un papel fundamental. Noutrora foron fundamentais para a subsistencia dos veciños, onde alindaban o gado, apañaban esquilmo ou estrume, leña para facer lume, sementaban trigo ou centeo, apañaban piñas, etc. Non existía unha verdadeira organización, senón que todos tiñan dereito, segundo conviña, de traballar ou apañar os bens do monte. Hoxe existen novos aproveitamentos, ademais dos forestais, como parques eólicos, ou incluso establecéronse naves industriais, aparecendo iniciativas innovadoras como os coutos micolóxicos[4].

Galiza conta con 2.900 comunidades de montes que xestionan máis de 700.000 hectáreas de monte veciñal, en 248 dos 316 concellos do país. A cuarta parte do territorio galego corresponde a monte veciñal en man común (unhas 700.000 hectáreas xestionadas por 2800 Comunidades de Montes)[5]. Ademais este réxime supón o 34% da superficie forestal, o resto é de propiedade privada individual[6].

As Mancomunidades de Montes legalízanse ao abeiro do artigo 15.3 da Lei 13/89 de Montes Veciñais en Man Común actualmente vixente e o artigo 47 do seu Regulamento (Decreto 260/1992). O proceso para a formación consta de tres fases:

  • Primeira.- Convocatoria ás Comunidades de Montes da bisbarra a unha xuntanza, da que se levantará unha Acta de Constitución asinada por triplicado polas Comunidades de Montes asistentes e na que debe figurar o acordo de constituír a Mancomunidade e a elección dunha Xunta Xestora que cando menos estará formada polo presidente e dous vogais facendo as funcións de secretario e tesoureiro. A Xunta Xestora ten que ir elaborando o borrador dos Estatutos da Mancomunidade.
  • Segunda.- Aprobación nas Asembleas Xerais das Comunidades de Montes do acordo de integración na Mancomunidade. De seguido,convócase unha Asemblea Xeral da Mancomunidade para proceder a aprobar os Estatutos.

Unha vez aprobados os Estatutos, hai que dirixir unha instancia, asinada polo presidente da Xunta Xestora da Mancomunidade de Montes, dirixida ao Rexistro Provincial de Montes Veciñais en Man Común (Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común) para se inscribir no mesmo. Esta instancia ten que ir acompañada da documentación que segue:

    • Acta de Constitución da Mancomunidade de Montes, por triplicado, coas sinaturas das Comunidades asistentes.
    • Estatutos aprobados da Mancomunidade de Montes, por triplicado, asinados polo presidente e o secretario da Xunta Xestora da Mancomunidade en todas as caras das follas.
    • Certificación, por triplicado, do acordo asembleario de integración de cadansúa Comunidade de Montes, asinada polo secretario e co visto e prace do presidente.
    • Certificación da acta de aprobación dos Estatutos da Mancomunidade na Asemblea convocada para tal efecto.
  • Terceira.- Unha vez rexistrada a Mancomunidade e obtido o CIF da mesma, convocarase unha Asemblea Xeral Extraordinaria para a elección da primeira Xunta Reitora.

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para mancomunidade.
  2. Portal das palabras
  3. Léxico da administración castelán-galego, A Coruña, Real Academia Galega / Instituto da Lingua Galega, 1990
  4. Copena, Pérez-Neira, Macías Vázquez y Simón 2022.
  5. "Montes veciñais en man común.". Arquivado dende o orixinal o 04 de xuño de 2008. Consultado o 11 de outubro de 2008. 
  6. Enciclopedia Galega Universal. Ir Indo. Versión en liña. Arquivado 13 de xullo de 2008 en Wayback Machine.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Copena, Damián; Pérez-Neira, David; Macías Vázquez, Alfredo; Ximón, Xavier (2022). "Community forest and mushrooms: Collective action initiatives in rural areas of Galicia". Forest Policy and Economics (135). doi:10.1016/J.FORPOL.2021.102660. 
  • Xerardo Dasairas (2000). Candeán. Memorias dunha parroquia. Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Candeán (Vigo). 
  • Xerardo Dasairas (2009). Darbo na memoria (Esencia de terra co mar ao fondo). Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Darbo (Cangas). 
  • Grupo dos Comúns (2006). Os montes veciñais en man común. Vigo: Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-9782-444-X. 
  • Varios (1999). Unha historia de resistencia. O monte comunal na Galicia contemporánea. A Estrada. Edicións Fouce. ISBN 84-9522840-9. 


Ligazóns externas editar