Malena (tango)
Malena é un famoso tango con letra de Homero Manzi e música de Lucio Demare composta en 1941. Foi interpretada por vez primeira pola orquestra de Lucio Demare na boite Novelty, e cantada por Osvaldo Miranda. Esta versión foi rexistrada na película El vello Hucha, dirixida por Lucas Demare e estreada o 29 de abril de 1942. O 8 de xaneiro de 1942 foi gravada en RCA Victor pola orquestra de Aníbal Troilo, coa voz de Francisco Florentino, con grande éxito. Foi considerado un dos máis fermosos tangos de tódolos tempos.
Letra
editarA letra escrita por Homero Manzi ten dúas partes separadas por un refrán. Está referida ó xeito apaixonado de cantar o tango, que ten Malena. A Manzi impresiónalle o “tono oscuro” do canto de Malena, a súa “voz de sombra”, a súa “voz quebrada” que a leva a cantar "el tango como ninguna" e a identificarse de tal modo co tango que Manzi conclúe atribuíndolle a quinta esencia tanguera: "Malena tiene pena de bandoneón".
No refrán, o poeta pasa a falarlle directamente a Malena para dicirlle o que sente ó escoitala cantar. Cóntalle entón como o emociona esa canción fría e amarga que ela canta, feita "en la sal del recuerdo", para rematar confesándolle que fronte alguén capaz de expoñer a súa dor desa maneira, só pode sentir a súa bondade: "te siento más buena, más buena que yo".
Con "Malena", Homero Manzi introduciu a metáfora no tango, influíndo en letristas como Homero Expósito e Cátulo Castillo. Manzi, á súa vez, foi influenciado polo surrealismo francés, e poetas como Pablo Neruda e Federico García Lorca.
Música
editarLucio Demare contou que:
A música de “Malena” fíxena en non máis de 15 minutos. Manzi entregárame os versos uns dez días atrás. Pensei:”Esta noite vai vir Manzi e polo menos voulle dicir como empeza o tango”. Entón senteime nun café e escribino de corrido, sen puír e sen trocar nada. Foi no verán de 1942, en El Gran Guindado, un bar de Acevedo e Libertador, fronte ó Zoolóxico, xa o tiraron abaixo.
Malena foi un dos tangos que deron inicio a mítica “década dos 40” do tango, a “década prodixiosa” deste estilo riopratense. Lucio Demare, xunto a Juan D’Arienzo e Carlos Di Sarli foron os músicos que, dende os últimos anos da década de 1930 elaboraron a nova musicalidad tanguera, orientada ó baile e a milonga, que caracterizou os anos 40.