Listeriose
A listeriose é unha denominación xenérica dun grupo de enfermidades de orixe alimentaria causadas por distintas especies do xénero Listeria, sendo a L. monocytogenes a máis frecuente e característica.
Listeriose | |
---|---|
Clasificación e recursos externos | |
Microfotografía electrónica de Listeria monocytogenes | |
ICD-10 | A32 |
ICD-9 | 027.0 |
DiseasesDB | 7503 |
MedlinePlus | 001380 |
eMedicine | med/1312 1319 |
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
Etioloxía
editarAs listerias son bacterias grampositivas, flaxeladas, anaerobias facultativas. A L. monocytogenes está presente no aparato dixestivo humano e non se valorou suficientemente a súa patoxenicidade ata finais do século XX. Tamén está presente habitualmente no medio ambiente (home e animais domésticos e silvestres, auga, vexetais e no chan).
Unha particularidade da Listeria que a fai especialmente perigosa é a súa capacidade de crecer a baixas temperaturas (4-6 °C), polo que non é inhibida polos sistemas de conservación habituais nos alimentos: sobrevive e multiplícase sen problemas a temperaturas de refrixeración. Polo contrario, os tratamentos térmicos culinarios ou na elaboración de conservas destrúen a bacteria.
Patoxenia
editarA transmisión prodúcese por contaminación fecal dos alimentos ou dos útiles e superficies empregados na manipulación dos alimentos. Crece tamén nas superficies máis agochadas das máquinas utilizadas na industria alimentaria, nas paredes e esquinas das cámaras de conservación e nos canos de condución de auga.
Entre os alimentos potencialmente susceptibles de estar contaminados por listerias destacan o leite e os produtos lácteos, os peixes e mariscos, as aves de curral (e ovos e derivados), as hortalizas e as verduras.
O consumo de calquera destes alimentos en cru ou tras un cociñado lixeiro, é dicir, sen un tratamento térmico suficiente (superior a 65 °C) contribúe á difusión da enfermidade. É o caso dos queixos frescos, os patés ou o peixe cru. Outro factor predispoñente é a limpeza inadecuada dos produtos vexetais.
Cadro clínico
editarA listeriose ten un período de incubación moi irregular, desde unha a varias semanas. A enfermidade maniféstase con febre, dores musculares e, ocasionalmente, náuseas e diarrea. Existe unha forma nerviosa que cursa con cefalea, confusión, alteracións motoras e perda do equilibrio.
No caso das mulleres embarazadas adquire unha especial perigosidade xa que, aínda que elas manifestan normalmente síntomas semellantes ós dunha gripe, a infección do feto pode causar malformacións, un parto prematuro ou a morte do neonato.
A mortalidade global por causa da listeriose en adultos estímase entre o 33 e o 62%.
En 2011 diagnosticáronse 115 casos en España [1].
Notas
editar- ↑ Centro Nacional de Epidemiología. Instituto de Salud Carlos III: Resultados de la vigilancia epidemiológica de las enfermedades transmisibles. Informe anual 2011. Madrid 2013 .
Véxase tamén
editarLigazóns externas
editar- FAO-OMS: Evaluación de riesgos de 'Listeria monocytogenes' en alimentos listos para el consumo, 2004 (en castelán)
- Listeriosis, una infección poco frecuente Arquivado 12 de abril de 2011 en Wayback Machine. (Consumer.es, 21.07.2004) (en castelán)
- Listeriosis, síntomas variables y mortalidad elevada Arquivado 15 de decembro de 2010 en Wayback Machine. (Consumer.es, 8.07.2009) (en castelán)
- European Centre for Disease Prevention and Control: Annual Epidemiological Report 2011. Reporting on 2009 surveillance data and 2010 epidemic intelligence data. Stockholm 2011, 97-100. (en inglés)