Liga Democrática de Kosovo
A Liga Democrática de Kosovo (Lidhja Demokratike e Kosovës: LDK ) é un partido político de Kosovo de carácter conservador e liberal-conservador que está no centrodereita no espectro político. O primeiro líder do partido foi Ibrahim Rugova e dende o 14 de marzo de 2021 o presidente do partido é Lumir Abdixhiku.
Liga Democrática de Kosovo | |
---|---|
Tipo | partido político |
Ideoloxía | conservadorismo e liberalismo económico |
Data de fundación | 23 de decembro de 1989 |
Presidente/a | Isa Mustafa (pt) (-) |
Sede | Pristina |
País | Kosovo |
Na rede | |
https://lidhjademokratike.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
Historia
editarA provincia de Kosovo, malia ser parte da República Federativa Socialista de Serbia, constituía unha entidade autónoma na que dende 1974 o parlamento de Serbia tiña escaso control de feito. A partir de finais da década de 1980 os albaneses demandaban máis autonomía e tornar a sétima república iugoslava. Mais o líder dos comunistas serbios Slobodan Milošević usou as demandas dos kosovares para gañar popularidade entre os serbios e en 1989 aboliu a autonomía de Kosovo e restaurou o control de Serbia sobre a provincia. Como resposta[1] un grupo de intelectuais albanokosovares que se opuñan a esas medidas estableceron contacto e tras unha serie de xuntanzas preliminares formaron o día 23 de decembro de 1989 a Liga Democrática de Kosovo como partido político que artellase as reivindicacións dos albaneses e, ao xeito do que acontecía nos países do denominado bloque socialista iniciase o proceso de pluralismo político, ademais de resistencia contra do goberno da minoría serbia en Kosovo. Este grupo de intelectuais nomeou para a presidencia do LDK a Ibrahim Rugova e entre os dirixentes había coñecidos escritores e intelectuais da época, Bujar Bukoshi, Ali Aliu, Nekibe Kelmendi ou Mehmet Kraja.
Acusado de nacionalista e separatista, as autoridades iugoslavas prohibírono, o 23 de marzo a Asemblea de Kosovo ratificou as medidas que eliminaban a autonomía kosovo, aínda que coa abstención da maioría dos deputados albaneses[2]. O presidente serbio da Asemblea de Kosovo pechouna en xuño de 1990 coa promesa de a abrir o 2 de xullo. Ao chegar ese día os deputados albaneses e atopala pechada proclamaron nos chanzos do parlamento a República de Kosovo, dentro de Iugoslavia[3]. O goberno serbio respondeu coa disolución da Asemblea e do goberno de Kosovo, co que desaparecía calquera autonomía para Kosovo. Os deputados albaneses, moitos membros ou simpatizantes do LDK, responderon cunha xuntanza secreta o 7 de setembro no que declararon a República de Kosovo e promulgaron unha nova constitución, aínda dentro de Iugoslavia. O goberno serbio respondeu cunha orde de detención[4] dos deputados que non acataban a disolución da Asemblea de Kosovo e seguían a actuar como membros dun parlamento que as autoridades serbias consideraban disolto. O 22 de setembro a Asemblea, non recoñecida por Serbia, votou a declaración de independencia, que se ratificou nun referendo non recoñecido polas autoridades serbias[5] e comezou a creación de estruturas estatais paralela á serbia en educación, sanidade ou facenda, principalmente liderado por un LDK que organizou a resistencia política e cívica e que chamou ao boicot ás primeiras eleccións multipartidistas en Serbia que se celebraron o 9 de decembro de 1990 e a todas as institucións estatais ata a solución da cuestión nacional albanesa en Kosovo. En setembro de 1991 ao se celebrar un referendo de independencia en Kosovo, non recoñecido polas autoridades serbias, o LDK tivo un papel clave na súa celebración e chamou á votar pola independencia, que tivo o apoio de máis do 85% do censo electoral. O 25 de xaneiro de 1992 o líder do LDK, Rugova, converteuse en primeiro presidente da República de Kosovo, só recoñecida por Albania, mentres o primeiro ministro era Bujar Bukoshi, tamén dirixente do LDK. Ao se formar a República Federal de Iugoslavia, en abril de 1992, o LDK chamou ao boicot ás eleccións xerais, tanto en Kosovo como dos albaneses aveciñados no centro de Serbia ou no val de Preševo.
A partir dos acordo de Dayton en 1995 que supuxo o fin da guerra de Bosnia, pero no que se ignorou a Kosovo, a opinión pública comezou a cambiar en Kosovo e aumentou o apoio ao Exército de Liberación de Kosovo (UÇK) mentres a solución pacífica que propugnaba o LDK ía perdendo apoios[6]. O LDK mesmo apoiou as negociacións de Rugova que viaxou a Belgrado para se entrevistar co presidente Milošević para lograr unha autonomía real dentro de Iugoslavia e renunciar á indepedencia, mais á fin non houbo acordos aínda que erosionou aínda máis a popularidade do LDK e mesmo durante os anos 1998 e 1999 elementos da UÇK secruestaron, torturaron e nalgúns casos mataron en prisións secretas a simpatizantes do LDK aos que percibían coma rivais do PDK[7].
Despois do bombardeo da OTAN sobre Iugoslavia en 1999, altos cargos do LDK estiveron presentes no Acordo de Kumanovo que serviu para adoptar a Resolución 1244 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas que deu fin ás hostilidades en Kosovo. O LDK apoiou a resolución, que recoñecía a integridade territorial de Iugoslavia, pero mantivo ao seu apoio á independencia. Nas eleccións lexislativas de 2001 e 2004 a LDK foi o primeiro partido da Asemblea de Kosovo con máis do 45% dos votos, pero despois da morte de Rugova en 2006 o partido entrou nunha crise interna, con varias faccións en loita para se facer co control do partido, e foi a dirixida por Fatmir Sejdiu, de carácter liberal conservador a que se fixo co poder. Mentres Nexhat Daci con outros seis deputados formaron a Liga Democrática de Dardania, de carácter máis conservador. Nas eleccións de 2007 a LDK quedou en segunda posición con pouco máis do 20% dos votos. Nas eleccións de 2010, xa con Isa Mustafa como novo líder, mantivo o seu segundo lugar e aumentou un pouco o apoio popular cunha liña máis conservadora. En outubro de 2012 o Partido Popular Europeo admitiuno como un membro máis.
Nas eleccións de 2017 foi en coalición cos partidos liberais Alianza Kosovo Novo e Alternativa e nas de 2021 logrou o peor resultado da súa historia, co 12% dos votos, 15 deputados e o terceiro posto na Asemblea e tras cesar Rugova, o partido elixiu un novo líder, Lumir Abdixhiku, de talante coinciliador, e nas eleccións municipais de 2021 o LDK converteuse no partido máis votado, e logrou o goberno da capital e outros 7 concellos.
Eleccións
editarAno | Votos | %Votos | Escanos | Escanos albaneses | Posición | +/– | Goberno | Líder |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|
1992 | 574 755 | 76.44% | 96 / 140 |
96 / 126 |
1º | 96 | Coalición | Ibrahim Rugova |
2001 | 359 851 | 45.7% | 47 / 120 |
47 / 100 |
1º | Coalición | ||
2004 | 313 437 | 45.4% | 47 / 120 |
47 / 100 |
1º | Coalición | ||
2007 | 129 410 | 22.6% | 25 / 120 |
25 / 100 |
2º | 23 | Coalición | Fatmir Sejdiu |
2010 | 172 552 | 24.7% | 27 / 120 |
27 / 100 |
2º | 2 | Oposición | Isa Mustafa |
2014 | 184 596 | 25.2% | 30 / 120 |
30 / 100 |
2º | 3 | Coalición | |
2017 | 185 892 | 25.5% | 23 / 120 |
23 / 100 |
3º | 7 | Oposición | |
2019 | 206 516 | 24.5% | 28 / 120 |
28 / 100 |
2º | 5 | Coalición | |
2021 | 110 985 | 12.7% | 15 / 120 |
15 / 100 |
3º | 13 | Oposición |
Estrutura
editarOs órganos de LDK son o Consello Executivo como órgano administrativo e estratéxico, o Congreso do Partido nas decisións políticas e o Consello Nacional para dirixir as actividades do partido.
Consello Executivo
editarO Consello fórmano un presidente, catro vicepresidentes, un secretario xeral e outros 27 vogais.
Consello Nacional
editarO Consello Nacional está formado por 111 membros.
Presidentes
editar# | Presidente | Nado–Finado | Comezo | Fin | Duración | |
---|---|---|---|---|---|---|
1 | Ibrahim Rugova | 1944–2006 | 23 de decembro de 1989 | 21 de xaneiro de 2006 | ||
2 | Fatmir Sejdiu | 1951– | 9 de decembro de 2006 | 7 de novembro de 2010 | ||
3 | Isa Mustafa | 1951– | 7 de novembro de 2010 | 14 de marzo de 2021 | ||
4 | Lumir Abdixhiku | 1983 – | 14 de marzo de 2021 | Titular |
Notas
editar- ↑ Allcock, John B.; Young, Antonia e Lampe, John R. "Kosovo". Encyclopedia Britannica.
- ↑ Klip, André e Sluiter, Göran (2001). The International Criminal Tribunal for the former Yugoslavia 1997–1999. Annotated Leading Cases of International Criminal Tribunals 3. p. 13.
- ↑ Malcolm, Noel (1999). Kosovo: a short history. HarperPerennial. p. 346.
- ↑ Ramet, Sabrina P. (2006). The Three Yugoslavias: State-Building and Legitimation, 1918–2005. pp. 350–360.
- ↑ Vidmar, Jure (2021). "International Legal Responses to Kosovo's Declaration of Independence". Vanderbilt Law Review 3: 779.
- ↑ Pettifer, James (2001). "The Kosovo Liberation Army: The Myth of Origin". En Michael Waller; Kyril Drezov; Bülent Gökay. Kosovo: The Politics of Delusion. Frank Cass. pp. 25–29.
- ↑ Dérens, Jean-Arnault (29 de maio de 2015). "Onze anciens de l’UÇK jugés coupables de crimes de guerre au Kosovo". La Libre.