Libra exipcia
الجنيه المصرى en árabe
Código:EGP
Ámbito: Exipto
Símbolo:ج.م, LE, £
Fracción:100 piastras
Moedas:5,10,20,25,50 P. e 1 £
Billetes:5,10,25,50 P. e 1,5,10,20,50,100 e 200 £
Emisor:Banco Central de Exipto
Taxa de troco:
16-1-2010
1 EUR = 7,8035 EGP 1 USD = 5,425 EGP
Troco actual

A libra exipcia (en árabe: الجنيه المصرى, el-Ginaih el-Miṣrī) é a moeda legal de Exipto. A libra divídese en 100 piastras (قرش qirsh), ou 1.000 milliemes (مليم mallim). O código ISO 4217 para a libra exipcia é EGP. Localmente emprégase a abreviatura LE ou L.E., que significa en francés, livre égyptienne. O nome en árabe exipcio, ginaih, pode ser relacionado ao nome inglés, guinea.

Historia editar

En 1834, un decreto real promulga un proxecto de lei parlamentario que foi publicado para prever a aplicación dunha moeda exipcia baseada nunha base bimetálica. A libra exipcia foi introducida, substituíndo así a piastra exipcia como unidade monetaria. A piastra continuou en circulación como 1/100 parte dunha libra, coa piastra subdividida en 40 para. En 1885, a para deixou de circular e a piastra foi dividida en décimos. Estes décimos foron renomeados como malleem (milliemes) no 1916. As taxas de cambio legais foron fixadas por forza de lei para moedas importantes estranxeiras, e estes foron aceptados para as transaccións internas. Eventualmente isto levou a Exipto a usar "de facto" o estándar de ouro entre 1885 e 1914, co cambio de 1 libra exipcia = 7.4375g de ouro puro. Co estalido da primeira guerra mundial, a libra exipcia quedou igualada á libra esterlina 1 a 1.

Moedas editar

 
Moeda de 1 libra coa efixie de Tutankhamon.

Entre 1834 e 1836, as moedas de cobre de 1 e 5 para, as de prata de 10 e 20 para e 1, 5, 10 e 20 piastras, as de ouro de 5, 10 e 20 piastras e a moeda de 1 libra, foron introducidas coas moedas de ouro de 50 piastras en 1839. As moedas de cobre de 10 para foron introducidas en 1853, aínda que a de prata seguiu en circulación. As moedas de cobre de 10 para foron reintroducidas en 1862, seguidas das de 4 para e 2½ piastras (tamén de cobre) en 1863. A moeda de 25 piastras de ouro foi introducida no 1867.

En 1885, un novo sistema foi introducido consistente en ¼, ½, 1, 2 e 5 millieme de bronce e as 1, 2, 5, 10 e 20 piastras de prata. As moedas de ouro practicamente desapareceron, aínda que as de 5 e 10 piastras seguiron en uso.

Logo de varios cambios máis nos materiais e as moedas, o 1 de xuño de 2006, as moedas de 50 piastras e 1 libra foron introducidas cun equivalente en billete. As moedas levan as caras de Cleopatra VII e Tutankhamon, e a moeda dunha libra é bimetálica.

Billetes editar

 
Billete actual de 1 Libra.

Na actualidade, hai dúas entidades emisoras distintas, o Banco Central de Exipto e o Goberno do País. Ambas as emisións teñen carácter oficial e son de libre circulación.

O Banco Central de Exipto emite billetes de:

  • £1.
  • £5.
  • £10.
  • £20.
  • £50.
  • £100.
  • £200.

Mentres que o Goberno só emite billetes de baixa denominación: 5, 10, 25 e 50 piastras.

Todos os billetes exipcios son bilingües, con textos e números en árabe no anverso e en inglés e números indo-árabes no reverso. No anverso obsérvanse imaxes de edificios islámicos mentres que no reverso imaxes de edificios do Antigo Exipto.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar