Libia (filla de Épafo)

Na mitoloxía grega, Libia foi unha ninfa, filla de Épafo e neta, polo tanto, de Ío e Zeus. Uniuse a Poseidón, ó que lle deu dous fillos, Axenor e Belo. Épafo deu o nome da súa filla ó país de Libia, o territorio ó oeste do río Nilo, no noroeste de África[1].

"Épafo reinou sobre os exipcios e casou con Menfis, filla de Nilo, e co seu nome fundou a cidade de Menfis e enxendrou unha filla, Libia, da que tomou nome o país de Libia. De Libia e Posidón naceron os xemelgos Axenor e Belo".
(Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica II, 1, 4)

Algunhas fontes considérana filla de Ío, e non a súa neta; ou filla de Océano, e irmá de Asia e Europa [2]. Tamén, outras tradicións din que Poseidón e Libia tiveron máis fillos: Enialio, Busiris (que se considera fillo de Poseidón con Lisianasa, outra das fillas de Épafo), Fénix (que é un dos fillos de Axenor) e mesmo Atlas.

Ío fora transformada en vaca por Hera, celosa das amantes de Zeus, ou polo propio Zeus, para salvagardala das iras de Hera. Fuxindo da persecución desta, foi dar a Exipto, onde recuperou a forma humana e deu a luz a Épafo, terminando casando con Telégono, o rei do país. Cando Épafo foi adulto, sucedeu a Telégono no trono e casou con Menfis, filla do deus-río Nilo, con quen tivo tres fillas, Libia, Lisianasa e Tebe. Non obstante, para Hixino, Épafo casou con Casiopea e tiveron a Libia [3].

Notas editar

  1. Lémbrese que para os antigos gregos, o nome de Libia designaba todo o territorio do norte de África. Non será ata o século II que o continente reciba o nome de África e comecen a diferenciarse rexións e países.
  2. Esta Europa vén sendo a filla de Axenor, raptada por Zeus en forma de touro branco.
  3. Fábulas 149. Esta Casiopea non ten relación con Casiopea, nai de Andrómeda, que presumía de ser máis fermosa que as Nereidas e foi castigada por Poseidón.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar