Lenda da fundación do Imperio Azteca

Segundo a lenda, o pobo azteca, que formaba o pobo máis poderoso do México central precolombiano, chegara ó territorio desde o cal se expandiría para forxar o seu imperio, debido a unha manifestación do seu principal deus, Huitzilopochtli.

O actual escudo de México simboliza o acontecemento que fixo que os aztecas se establecesen neste país.

Este deus falou ós sacerdotes do pobo para que abandonasen o país de Aztlán, onde vivían os aztecas, na busca dunha nova terra onde fundarían un rico e poderoso imperio. Segundo as instrucións de Huitzilopochtli, debían establecerse onde visen unha aguia devorar unha serpe sobre un nopal.

302 anos despois de abandonaren Aztlán atoparon esa escena, e alí fundaron a cidade de Tenochtitlán (sobre a cal se fundaría a actual Cidade de México), e desde ela se expandiron formando o poderoso Imperio Azteca.

Este feito foi considerado o verdadeiro nacemento do actual Estado de México trala súa independencia de España, e foi plasmado no escudo do país, onde se observa este acontecemento.