Lenda da Campá de Huesca

lenda de Ramiro II de Aragón

A lenda da Campá de Huesca naceu no contexto do problema sucesorio que suscitaba o Testamento de Afonso I de Aragón (1131) e conta que o rei Ramiro II de Aragón decapitou 15 nobres que se opuxeron á súa vontade. A lenda forma parte da cultura popular de Aragón, especialmente na cidade de Huesca.

A campá de Huesca de José Casado del Alisal.

A lenda editar

Despois da morte en 1134 do rei Afonso I de Aragón na batalla de Fraga, o seu irmán Ramiro II de Aragón "o Monxe", bispo de Roda de Isábena, herdou o Reino de Aragón. Aragón sufriu entón varios problemas internos e externos.

Segundo explica a Crónica de San Xoán de la Peña (século XIV), estando o rei Ramiro II de Aragón preocupado pola desobediencia dos nobres, enviou un mensaxeiro ao seu antigo mestre, o abade do mosteiro occitano de Saint-Pons-de-Thomières, pedíndolle consello. Este levou o mensaxeiro á horta e cortou unhas cantas coles (nalgunhas versións posteriores fálase de rosas), aquelas que máis sobresaían. A continuación ordenou ao mensaxeiro repetirlle ao rei o xesto que vira. Informado o rei do consello, mandou chamar aos principais nobres para que fosen a Huesca coa excusa de querer facer unha campá que se sentise por todo o reino. Unha vez alí, mandou cortarlle a testa a todos os nobres culpables, sufocando así a revolta.

A versión popular desenvolveu aínda máis a historia: o rei convocou cortes e mandou chamar todos os nobres para que visen unha campá que se sentiría por todo o reino. Aos nobres sublevados chamounos a entrar nunha sala e fíxoos decapitar a medida que ían entrando. Unha vez mortos, colocounos en círculo, e ao bispo de Huesca, o máis rebelde, colocouno no centro. Finalmente mandou entrar ao resto de nobres para escarmentalos. Efectivamente, a "campá de Huesca" sentiuse por todo o reino.

A lista dos nobres sublevados sería a seguinte: Lope Ferrench de Luna, Ruy Ximenez de Luna, Pero I Martínez de Luna, Ferrando de Luna, Gómez de Luna, Ferriz I de Liçana, Pero de Vergua, Gil I d'Atrosillo, Pero Cornel I, García de Vidaure, García de Penya, Ramón de Foces, Pero de Luesia, Miguel Açlor e Sanxo de Fontova.[1]

Notas editar

  1. Viciana, Martí de (2002). Crónica de la ínclita y coronada ciudad de Valencia y de su reino (en castelán). vol.3. Universidade de Valencia. p. 59. ISBN 8437054478. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar